O técnico de Desenvolvemento Local, Roberto Lindín, infórmanos sobre todas as convocatorias de axudas que están publicándose estes días

0

O empezo do ano adoita ser de moito traballo para quen redactan os contidos dos boletíns oficiais, sobre todo para quen teñen esa encomenda no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da Provincia. E neste xaneiro de 2024 máis aínda, se cadra pola inminencia das eleccións autonómicas. De feito, despois de Reis empezaron a saír ordes e convocatorias a pares, de tres en tres e de catro en catro tanto nun diario coma no outro, co obxectivo de que as persoas potenciais beneficiarias poidan solicitar achegas para todo: para os danos da fauna salvaxe, bonos e axudas para a promoción do emprego autónomo e da actividade empresarial, subvencións para adecentar a contorna das casas, e así un longo etcétera de liñas públicas que se poden consultar  no apartado de AVISOS desta mesma web a medida que van saíndo. De recoller todas esas convocatorias e de asesorar á veciñanza encárgase o novo técnico de Desenvolvemento Local, Roberto Lindín Novo, quen tamén se ocupa do Punto de Información Catastral, con cita previa, nas mañás dos mércores.

Roberto Lindín, revisa diariamente todos os boletíns -tamén o BOE e o DOUE- para recoller aquelas convocatorias máis interesantes. Ademais de lelas con detemento, o técnico “chapa” literalmente todos os detalles que cómpre ter en conta e despois resume o seu contido para publicalo na web e nas redes sociais de maneira que sexa comprensible.

Ese labor de pescuda e análise dunha información que habitualmente é ben difícil de dixerir, incluso polas persoas afeitas, sérvelle tamén para asesorar á veciñanza, entidades, persoas autónomas e empresas do territorio de cara a prestarlles axuda, no sentido de explicarlles cales poden axeitarse ás súas necesidades e tamén no proceso de recopilación de documentación e presentación das solicitudes dentro de prazo.

Por iso, quen queira ampliar datos sobre calquera convocatoria -tamén sobre as que non estean publicadas na web municipal- pode contactar co técnico de Desenvolvemento Local chamando en horario de mañá ao 981 490 027 para falar con el directamente ou para concertar unha cita presencial.

As consultas de datos catastrais, agora os mércores con cita previa
Roberto Lindín traballou máis dunha década no Concello de Abadín antes de obter praza en San Sadurniño. Ambos municipios comparten a característica de ser rurais, de ter practicamente o mesmo número de habitantes -os dous cunha media de idade elevada- e de contar cun tecido produtivo similar, aínda que no municipio chairego a gandaría ten aínda un importante peso específico, mentres que aquí os motores económicos principais son a industria, os servizos e o emprego vinculado ás empresas de Narón e Ferrol.

Desde a súa incorporación ao Concello, antes do verán, o principal labor de Lindín está sendo a prospección de liñas de axuda ás que pode acollerse o propio consistorio para levar a cabo distintos proxectos, así como o deseño de estratexias de desenvolvemento. Ademais tamén presta apoio aos departamentos municipais naqueles programas transversais que dun modo ou outro contribúen a mellorar o territorio.

O técnico, que conta con abondosa experiencia na atención persoal e personalizada á veciñanza, tamén se está ocupando desde hai unhas semanas da xestión do Punto de Información Catastral, que ofrece servizos como a consulta de datos -parcelas, colindantes, etc.-, a obtención de certificados ou as referencias da base territorial para solicitar as axudas da PAC, entre outros. 

Por razóns organizativas e de optimización dos recursos municipais, as xestións no PIC concéntranse os mércores en horario de 10:00 a 14:00h e, importante, é necesario concertar cita chamando aos teléfonos  695 87 60 68 – 981 490 027. 

Listado de convocatorias publicadas desde principios de ano ata hoxe no apartado de AVISOS:

Share.