Restos neolíticos

Laxa de Portonovo de Valverde
Laxa de Portonovo  de Valverde
Laxa probablemente megalítica que marca os lindes entre San Sadurniño, Narón e Valdoviño. A ela asócianse numerosas lendas. Encóntrase en Santa Mariña do Monte.
« 1 de 2 »

Os restos históricos máis antigos dos que se ten constancia en San Sadurniño e que aínda son identificables son as mámoas ou soterramentos do megalistismo galego, unha época ampla comprendida entre o 6000 e o 2000 antes de Cristo. Á vista son simples avultamentos do terreo que antigamente gardaban cámaras funerarias de pedra, expoliadas ao longo da historia na busca de tesouros. Só poden atoparse restos deste tipo no Forgoselo e tamén na zona de Santa Mariña do Monte, concretamente en Moimentos -a toponimia garda sempre relación co pasado-, onde hai identificadas dúas mámoas como parte dun complexo maior de 16 túmulos neolíticos concentrados no eixo Monte dos Nenos-O Esperón, xa no concello de Narón.

Ademais, preto de alí, tamén se atopa o marco de Portonovo de Valverde, que ben puidera ser unha laxa megalítica que durante séculos serviu de punto divisorio entre freguesías e posteriormente entre os concellos de San Sadurniño, Narón e Valdoviño.

A pedra fai as veces de pontella sobre o rego de Portonovo en pleno camiño a Teixido e dela despréndense numerosas lendas relacionadas co mito da impía cidade de Valverde asolagada por Cristo. A tradición asegura que durante a operación Xesús deixou na pedra a marca dun dos seus pés. Marcas rupestres tamén se atopan en Naraío. O arqueólogo André Pena Graña describe unha pedra pizarrosa con sete cazoletas situada nas Penas Louseiras, preto do límite co concello de Neda.

Os restos arqueolóxicos do municipio atópanse catalogados na documentación do PXOM. Dos 19 elementos que recolle o documento, arredor dunha quincena pertencen ás idades do Bronce e do Ferro. Os que máis cómpre reseñar son os castros situados na marxe norte do río Xubia así como en Bardaos e Santa Mariña do Monte, hoxe díficiles de ver debaixo das plantacións forestais.

Recopilando estudos existentes, o profesor Manolo González suxire en Fálame de San Sadurniño que probablemente o Castro de San Sadurniño fora o máis relevante de cinco poboados que se estenden desde O Redo até O Rupiallo. Todos eles poderían ter formado unha cadea defensiva na antigüidade que seguiría rumbo oeste polo cordal elevado que San Sadurniño comparte con Narón.

Federico Maciñeira estudou os restos en 1905 cunha mirada científica e deixou constancia da aparición dun torque de ouro no século XIX. O achádego -do que Maciñeira nunca soubo o paradoiro- acompañouse da descuberta de varias fíbulas, obxectos, restos de muros e numerosos fragmentos de cerámica.

No mapa de elaboración propia podes acceder á situación de todos estes elementos cunha breve descrición técnica procedente do catálogo arqueolóxico do PXOM. Na pestana lateral pode conmutarse entre a vista do mapa e a vista satelital.  <<< voltar a Patrimonio