Programa de axuda ao alugamento de vivenda na Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2024 (VI483C (solicitude) e VI483D (renovación do programa)).
Obxectivo: Facilitar o desfrute dunha vivenda en réxime de alugamento a sectores de poboación con escasos medios económicos, mediante o outorgamento de axudas directas ás persoas arrendatarias.
Persoas beneficiarias: As persoas físicas maiores de idade que reúnan todos e cada un dos requisitos seguintes:
- Posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados membros da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, Suíza, ou o parentesco determinado pola normativa que lle sexa de aplicación. No caso de estranxeiros non comunitarios, deberán contar con autorización de estancia ou residencia en España.
- Ser titular, en calidade de persoa arrendataria, dun contrato de alugamento de vivenda, formalizado nos termos da Lei 29/1994, do 24 de novembro, de arrendamentos urbanos. Os contratos deberán ter unha duración mínima dun ano e facer mención expresa á referencia catastral da vivenda arrendada.
- Ter a súa residencia habitual e permanente na vivenda arrendada, o que se deberá acreditar mediante certificado ou volante de empadroamento, en que conste, na data da solicitude, as persoas que teñen o seu domicilio habitual na vivenda obxecto do contrato de alugamento.
- Que os ingresos mínimos da súa unidade de convivencia non sexan inferiores a 0,5 veces o IPREM.
- Atoparse ao día nas súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social e non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma.
Ademais dos anteriores requisitos, deberán cumprirse os seguintes:
- Que a renda mensual da vivenda non supere os importes establecidos no ordinal oitavo destas bases reguladoras. No caso de San Sadurniño que o importe máximo da renda mensual do alugueiro non poderá superar os 425€.
Este límite á renda mensual da vivenda obxecto do contrato de alugamento poderá incrementarse ata un 20 %, no caso de que as persoas arrendatarias sexan membros de familias numerosas e estean todas elas empadroadas na vivenda ou sexan integrantes dunha unidade de convivencia que precise unha vivenda adaptada para algún dos seus membros.
- Que a suma total das rendas anuais das persoas que formen parte da súa unidade de convivencia, consten ou non como titulares do contrato de alugamento, sexan iguais ou inferiores a 3 veces o IPREM. O límite será de 4 veces o IPREM no caso de que a unidade de convivencia sexa unha familia numerosa de categoría xeral ou dentro dela haxa persoas con discapacidade ou vítimas de terrorismo. O límite será de 5 veces o IPREM cando a unidade de convivencia sexa familia numerosa de categoría especial ou teña persoas con discapacidade cun grao recoñecido igual ou superior ao 33 %.
Condicionantes
- Esta axuda non se poderá compatibilizar con ningunha outra axuda para o pagamento do alugueiro do Plan 2022-2025 nin coas que, para esa mesma finalidade, poidan conceder as entidades locais ou calquera outra administración ou entidade pública.
- Non se considerarán afectados por esta incompatibilidade os supostos en que os municipios, outras entidades públicas, organizacións non gobernamentais ou asociacións acheguen unha axuda para esa mesma finalidade a persoas beneficiarias vítimas de violencia de xénero, vítimas de trata con fins de explotación sexual, vítimas de violencia sexual, persoas obxecto de desafiuzamento da súa vivenda habitual, persoas sen fogar e outras persoas especialmente vulnerables. Tampouco se considerarán afectadas por esta incompatibilidade as persoas perceptoras de prestacións non contributivas da Seguridade Social nin as persoas beneficiarias do ingreso mínimo vital.
Prazos
- Presentación da solicitude para a concesión inicial da axuda (VI483C): comezará o día 15/01/2024 e terminará o día 29/02/2024 e, en todo caso, ao esgotamento das partidas orzamentarias contidas nesta convocatoria, o que será obxecto de publicación no DOG e na páxina web do IGVS mediante resolución ditada pola persoa titular da Dirección Xeral do IGVS.
- Este prazo poderá ser ampliado mediante resolución da persoa titular da Dirección Xeral do IGVS, que deberá ser publicada no DOG.
Tipoloxía: Non son axudas de concorrencia competitiva. É unha convocatoria a fondo perdido.
Cantidade: As persoas beneficiarias poderán contar cunha axuda de ata o 50 % da renda que deban satisfacer polo alugamento da súa vivenda habitual e permanente, esta porcentaxe variará en función dos seus ingresos, conforme ós seguintes tramos de ingresos:
- Ingresos desde 0,5 ata 1,5 veces o IPREM, o 50 % da renda que deban satisfacer polo alugamento.
- Ingresos superiores a 1,5 e ata 2,5 veces o IPREM, o 40 % da renda que deban satisfacer polo alugamento.
- Ingresos superiores a 2,5 e ata 3, 4 ou 5 veces o IPREM (en función dos límites máximos de ingresos previstos na letra b) do punto dous do ordinal sexto desta resolución), o 30 % da renda que deban satisfacer polo alugamento.
Poderán incrementarse as porcentaxes anteriores de axuda en 10 puntos porcentuais para os seguintes colectivos:
- Persoas menores de 36 anos. No caso de subscrición do contrato por varias persoas, todas deberán cumprir este requisito de idade.
- Familias numerosas.
- Familias monoparentais.
- Unidades de convivencia inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda da Comunidade Autónoma de Galicia cunha antigüidade superior a un ano.
- Persoas emigrantes galegas retornadas a España durante o ano inmediatamente anterior á data de publicación da correspondente convocatoria da axuda, sempre que residisen no estranxeiro un mínimo de dous anos inmediatamente anteriores á data do retorno a España.
A axuda concederase anualmente e poderá acadar o prazo máximo de dous anos.
Non obstante, para poder gozar da segunda anualidade deberá solicitarse a renovación anual no prazo que se sinale na resolución de concesión da axuda inicial.
O recoñecemento do dereito da axuda poderá ter carácter retroactivo, se así se acorda na correspondente convocatoria.