Plan Galicia emprega de incentivos á contratación e á formación na empresa ordinaria para o ano 2024 (TR342C)

0

Obxectivo: Favorecer a contratación de persoas desempregadas na empresa ordinaria (e entidades sen ánimo de lucro), especialmente daquelas que teñen maiores dificultades de inserción laboral, coa finalidade de seguir paliando os prexuízos económicos sobre o mercado de traballo, derivados dos efectos da pandemia provocada pola COVID-19 e agravados pola invasión de Ucraína por parte de Rusia.

Persoas beneficiarias: As persoas empregadoras e as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten persoas traballadoras por conta allea para prestaren servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, de acordo cos requisitos e coas condicións que se establecen nesta orde. Tamén poden ser beneficiarios dos incentivos os centros especiais de emprego, excepto para facer contratos con persoas con discapacidade, e as empresas de inserción laboral, excepto para facer contratos con persoas en situación ou risco de exclusión social.

Condicionantes:

1. As axudas establecidas nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar o custo da actividade subvencionada, os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

2. Respecto das axudas da liña de incentivos á contratación por conta allea sinaladas no artigo 1.1 establécese o seguinte réxime de incompatibilidades:

a) Son compatibles entre si cada unha das liñas de axudas sempre que a persoa traballadora pola que se solicitan os incentivos non sexa a mesma coa excepción das axudas da letra d) de «adaptación de postos de traballo» para o caso de persoas con discapacidade, caso no que será compatible coas demais axudas indicadas no dito artigo 1.1 para a mesma persoa.

b) Son incompatibles con calquera outra axuda que, pola contratación das mesmas persoas traballadoras, poida outorgar calquera Administración pública como medida de fomento de emprego. Non obstante, serán compatibles, se é o caso, cos incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

c) Os beneficios establecidos á contratación non poderán, illadamente ou en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 80 % do custo salarial de dúas anualidades correspondente ao contrato que se subvenciona, no caso das contratacións indefinidas.

d) Os incentivos establecidos para cada un dos diferentes colectivos previstos no artigo 25.1.a) son incompatibles entre si. Para o caso de que unha mesma contratación puidese dar lugar á súa inclusión en máis dun dos supostos para os que están previstas estas axudas, correspóndelle elixir unha única opción á persoa solicitante no anexo de solicitude.

3. As subvencións previstas para a formación sinaladas no artigo 1.2 son incompatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para o financiamento das horas de formación procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, estatal, da Unión Europea ou de organismos internacionais.

Hai dúas liñas de axudas:

A) Liña de incentivos á contratación por conta allea, coas seguintes modalidades de axudas:

  1. Incentivos á contratación indefinida inicial de persoas desempregadas.

  2. Incentivos ao incremento de xornada das contratacións indefinidas, de tempo parcial a tempo completo.

  3. Incentivos ao incremento da duración anual dos contratos fixos-descontinuos a un mínimo de 9 meses.

  4. Axudas para a adaptación de postos de traballo de persoas con discapacidade.

Accións subvencionables: Para que as contratacións, os incrementos de xornada, ou os incrementos na duración anual dos contratos fixos descontinuos sexan subvencionables, deberán axustarse aos seguintes requisitos:

a) Que o contrato se realice cunha persoa que se encadre nalgún dos colectivos, a saber: persoas mozas, persoa parada de longa duración, persoa de 52 anos ou máis, persoa emigrante retornada ou persoa estranxeira, muller, persoa con discapacidade ou en risco ou situación de exclusión social, o centro de traballo ou domicilio fiscal estea situado nun concello rural.

b) Que as contratacións se realicen dentro do período subvencionable, que comprende desde o 30 de setembro de 2023 e ata o 29 de setembro de 2024, ambas as dúas datas incluídas. No caso de incremento de xornada ou de incremento na duración anual do contrato fixo, o dito incremento deberá realizarse igualmente no período subvencionable, de 30 de setembro de 2023 ata 29 de setembro de 2024, ambas as dúas datas incluídas.

c) Que as contratacións teñan lugar con anterioridade ou no mesmo día da solicitude de axudas.

d) No caso de axudas para a adaptación de postos de traballo que o gasto estea realizado na data de presentación da solicitude.

Contías dos incentivos:

a) As contratacións indefinidas iniciais de persoas desempregadas incentivaranse con distintas contías base, segundo o colectivo ao que pertenza a persoa contratada:

A. Persoa moza: 6.000 €.B. Persoa parada de longa duración: 9.000 €.

C. Persoa de 52 anos ou máis: 9.000 €.

D. Persoa emigrante retornada ou persoa estranxeira: 9.000 €.

E. Muller: 10.000 €.

F. Persoa con discapacidade ou en risco ou situación de exclusión social: 14.000 euros. Neste suposto, se o contrato é a tempo parcial, a contía do incentivo será proporcional ao tempo efectivo de traballo en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria máxima legal.

As contías indicadas anteriormente incrementaranse nun 15 % nos seguintes casos, que son acumulables entre si:

I. No suposto de que o centro de traballo (ou domicilio fiscal, no caso de carecer deste) estea situado nun concello rural.

II. Se a persoa contratada é maior de 45 anos (incremento non aplicable na letra C do punto anterior).

III. Se a persoa contratada é unha muller (incremento non aplicable na letra E do punto anterior).

IV. Persoas trans.

V. Se a contratación se realiza con mulleres en profesións e oficios nos que as mulleres esteas subrepresentadas, segundo o informe do Instituto Galego das Cualificacións que se reflicte na lista que figura no anexo II dispoñible para a súa consulta na Sede electrónica da Xunta.

A contía máxima posible que se subvencionará por cada persoa contratada con carácter indefinido é de 24.500 €.

b) Incremento de xornada das contratacións indefinidas iniciais (de xornada parcial a xornada completa): incentivo de 2.000 €: se o incremento de xornada se realiza en persoas con discapacidade, o incentivo será de 3.000 €.

c) Incremento da duración anual dos contratos fixos descontinuos a un mínimo de 9 meses e a xornada completa: incentivo de 4.000 €.

d) Adaptación dos postos de traballo ou pola dotación de equipamentos de protección persoal: axuda de 1.000 €.

B) Liña de incentivos ás accións formativas no centro de traballo

De carácter opcional e vai dirixida ás persoas contratadas mediante contratación indefinida inicial por medio desta orde, para levar a cabo accións formativas que melloren os seus coñecementos e habilidades relacionados co posto de traballo.

Accións subvencionables e requisitos:

1. As empresas que así o soliciten poderán ser beneficiarias dun incentivo para a formación, tanto na modalidade presencial como na modalidade de teleformación, ou en ambas modalidades, das persoas traballadoras subvencionadas por medio dos incentivos á contratación indefinida inicial previstos nesta orde. Para isto teñen que cumprir os seguintes requisitos:

a) A persoa ou persoas traballadoras que reciben a formación e titorización deben ser as persoas contratadas indefinidas iniciais con cargo a esta axuda, segundo o disposto nas epígrafes 1.a) e 2.a) do artigo 24.

b) En canto á duración da acción formativa, será dun mínimo de 70 horas. Será unha formación teórica con contidos relacionados co posto de traballo que desenvolve a persoa traballadora que participa neste programa.

c) A acción formativa terá lugar dentro dos tres primeiros meses desde o inicio do contrato e deberá de estar finalizada o 30 de outubro de 2024.

2. Queda excluída deste incentivo aquela formación que supoña o cumprimento de obrigas legais empresariais en materia preventiva a que fai referencia o artigo 19 da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais.

Contías dos incentivos e condicións da percepción: Esta formación incentivarase cunha axuda de 4.000 € por cada persoa traballadora dada de alta nun contrato indefinido inicial, sempre que a persoa traballadora cumpra os requisitos establecidos na presente orde.

O prazo xeral para a presentación das solicitudes das axudas establecidas nesta orde comezará o día 26/01/2024 e rematará o 29/09/2024.

Tipoloxía: Axudas a fondo perdida e sen concorrencia competitiva

Enlace á normativa

Share.