Os departamentos de Servizos e Urbanismo abranguen as funcións relacionadas co mantemento das infraestruturas e equipamentos de titulariedade pública, así como de todo o referido ao ordenamento do territorio. Ao primeiro apartado estarían adscritas funcións como a conservación e reparación das estradas así como a limpeza de beiravías, que en San Sadurniño comprende arredor de 200 quilómetros de pistas. O departamento tamén se ocupa de manter en bo estado as áreas recreativas, a rede de abastecemento de auga potable e a de saneamento e do deseño dos proxectos de maior envergadura que se executan anualmente en colaboración con outras administracións.
Labores aos que se lle engade o servizo de recollida de lixo e de voluminosos. Existe un convenio co Concello de Narón para compartir o Punto Limpo do polígono do Río do Pozo -aberto de luns a venres de 9 a 13h. e de 16 a 19, mentres que os sábados está aberto de 9 a 14h.-. Para a recollida de enseres domésticos débese chamar ao Concello e concertar a retirada no domicilio completamente de balde.
A área de Urbanismo xestiona todo o referido ás solicitudes de licenza de construción, de apertura de locais públicos e aquelas cuestións relativas ao ordenamento do chan. San Sadurniño aprobou inicialmente o Plan Xeral de Ordenamento Municipal no pleno do 7 de novembro de 2015. No momento en que se publique o acordo no Diario Oficial de Galicia abrirase o periodo de exposición pública e alegacións, aínda que a información está xa dispoñible neste apartado da web e nas oficinas municipais.