As políticas municipais en canto ao desenvolvemento rural e o emprego fundaméntanse nun concienzudo estudo da realidade socioeconómica do territorio e na detección das súas potencialidades. Un plantexamento que se canaliza principalmente a través da oficina de Desenvolvemento local, que centra o seu traballo na posta en valor dos recursos endóxenos e na formación como eixos da evolución integral do territorio.
Seguindo estas premisas, un dos obxectivos principais das Administracións locais debe ser o de modificar o ambiente produtivo, social e urbano existente co fin de incrementar a calidade de vida dos seus cidadáns e cidadás, e xerar un desenvolvemento económico a través da concienciación, da coordinación das inquedanzas cidadás, de espertar o espírito de iniciativa, ou de adaptarse aos cambios tecnolóxicos.
Centro Municipal de Empresas
Bo exemplo de creación de condicións para o emprego e o emprendemento é a posta en marcha do Centro Municipal de Empresas, situado ao carón da Casa do Concello. O inmoble foi antigamente parte do Pazo da Marquesa e, posteriormente, reconverteuse en colexio. Tralo paso deste patrimonio a mans municipais, a área de Desenvolvemento local e Emprego deseñou un proxecto para transformar parte das instalacións en centro empresarial, facilitándolles a persoas autónomas e pequenas firmas de todo tipo locais a prezos asequibles.
O CME conta con 13 espazos con distintas medidas adxudicados en 2017 en rexime de concesión por un período inicial de 2 anos. Nestes momentos poden atoparse alí múltiples servizos: asesoría legal, asesoría a empresas e gandarías, servizos de fontanaría, logopedia, servizos de enxeñaría, traballos aéreos e fotografía e audiovisual. Ademais, no andar inferior tamén está situada a oficina de Correos e o edificio oferta a posibilidade de utilizar as instalacións para xuntanzas de traballo ou para dispor dunha caixa de correos ou a domiciliación social, aínda que non se dispoña de oficina.
Documentación relacionada co Centro Municipal de Empresas:
Regulamento de usos e de asignación de espazos
Ordenanza reguladora dos usos e taxas do Centro Municipal de Empresas
Solicitude de espazos (.doc) (.pdf)
Solicitude para domiciliar a sede sen ocupación de espazo (.doc) (.pdf)
Solicitude de uso puntual das instalacións (.doc) (.pdf)
Desenvolvemento sustentable
As novas estratexias territoriais defenden que o desenvolvemento local debe engadir un novo concepto: o de sustentabilidade, e non só como un elemento sectorial, senón como o cerne do modelo de desenvolvemento territorial. Non abonda unicamente con buscar a xeración de emprego e riqueza, tamén hai que acadar unha sustentabilidade social e ambiental, á parte da económica. Neste sentido, e vencellado ás políticas en materia ambiental, o Concello de San Sadurniño subscribiu a Carta de Aalborg para o desenvolvemento da Axenda 21 Local, ademais de subscribir os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible da Axenda 2030 da ONU que persegue precisamente un desenvolvemento sostible do municipio por medio de distintas accións desde a administración.
Obxectivos coincidentes cos recollidos na Lei 45/2007 para o desenvolvemento sustentable do medio rural: economía multifuncional e diversificada, servizos públicos axeitados e conservación do patrimonio natural e cultural.
En materia de desenvolvemento, San Sadurniño leva a cabo programas propios ou en colaboración con entidades de ámbito local e comarcal nos que xa se leva avanzado, principalmente en canto á posta en valor das posibilidades agrogandeiras nun contexto marcado pola crise da industria, a construción e dos servizos. Así, o Concello creou a Horta de demostración e de conservación de froiteiras do país “Carlos Fornos” no lugar da Cortiña, que serve como banco de patrimonio vexetal no que, ademais, se imparten charlas e cursos. A experiencia foi un primeiro paso para recuperar as variedades do país e, a partir de aí, artellar un programa constante de formación -cultivo, poda, aplicación de produtos fitosanitarios, transformación, etc.- e de apoio á creación de novas entidades relacionadas co sector primario, como é o caso da Asociación Agroecolóxica A Cortiña, constituída en San Sadurniño aínda que con membros de toda a volta.
A horta pode visitarse con cita previa -grupos dun máximo de 25 persoas cada vez- e recibir unha explicación por parte da AGFA do Eume. Para iso hai que contactar coa entidade a través do 605 614 816 ou do correo agfaeume@gmail.com. O custe das visitas son 20€ para grupos de 1 a 10 persoas adultas, de 2€ por persoa para grupos de 11 a 25 adultas e de 0,5€ por neno ou nena no caso de grupos de escolares, segundo o protocolo que pode descargarse desde esta ligazón.
Outro dos obxectivos neste ámbito é a promoción da produción local e a súa posterior comercialización a través de mercados de proximidade. San Sadurniño forma parte do proxecto A Fusquenlla en colaboración con Moeche, Valdoviño e Cerdido, que será referente para as elaboracións locais e tamén para a formación no ámbito agroalimentario. Ademais, no noso concello tamén se organizan eventos anuais relacionados co medio rural e o sector primario. Son a Feira da Plantación -organizada inicialmente pola desaparecida asociación Bidueiro-, que se celebra o último domingo de abril como escaparate para viveiros e produtos da terra, e a Feira Rural do mes de agosto, que recolle un grande mercado e propostas máis amplas ao redor do desenvolvemento territorial.
Desde a Oficina de Desenvolvemento local ofrécese asesoramento para a posta en marcha de proxectos individuais ou cooperativos facilitando información estatística útil, datos sobre oportunidades e nichos de mercado no ámbito rural e sobre procedementos para obter subvencións e finanzamento específico. Este departamento tamén participou en proxectos europeos centrados na formación e no coñecemento de experiencias de éxito noutros países, como foi o caso do GoGreenNow, o programa europeo Grundtvig ou o ECMYNN, desenvolvido no bienio 2015-2017 para mellorar as competencias das institucións que traballan con mocidade que nin estuda nin traballa. Desde mediados de 2017, o departamento de Desenvolvemento local tamén se ocupa das cuestións relacionadas co emprego e a empregabilidade e a formación.
Ademais, o Técnico de Desenvolvemento local tamén é o encargado de sestionar o Punto de Información Catastral onde poden facerse as seguintes xestións:
- Consulta de datos catastrais non protexidos, certificación de valor de referencia e certificación da referencia catastral.
- Consulta e certificación de datos catastrais protexidos por parte do titular catastral ou de persoa representante ou autorizada.
- Certificación negativa.
- Consulta por parte da persoa titular catastral sobre información de solicitudes de axuda da PAC.
- Consulta e certificación de datos catastrais protexidos por parte de titulares catastrais colindantes, titulares de dereitos reais, de arrendamento e aparcería e persoas herdeiras.
O servizo situado na Casa do Concello (Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño) ofrécese os mércores de 10:00h a 13:00h sempre con cita previa, que deberá concertarse no 981 490 027 ou no 695 876 068. Acceso ao listado de Puntos de Información do Catastro (web externa)