Axudas á accesibilidade nas vivendas para o ano 2024 con carácter plurianual (VI435B)

0

Axudas para a mellora da accesibilidade nás vivendas, con carácter plurianual, para o ano 2024. Poderán ser beneficiarias das axudas deste programa, sempre que se trate de persoas físicas ou xurídicas de natureza privada:

  1. As persoas propietarias ou usufrutuarias de vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila; de edificios de tipoloxía residencial de vivenda colectiva e de vivendas incluídas nun edificio de tipoloxía residencial de vivenda colectiva.
  2. As comunidades de persoas propietarias ou as súas agrupacións, constituídas conforme o disposto polo artigo 5 da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal.
  3. As sociedades cooperativas de vivendas integradas por socios cooperativistas que precisen aloxamento para si ou os seus familiares.
  4. As persoas propietarias que, de forma agrupada, sexan propietarias de edificios, non tivesen outorgado o título constitutivo de propiedade horizontal.
  5. As empresas construtoras, arrendatarias ou concesionarias dos edificios, así como cooperativas.
  6. As persoas arrendatarias de vivendas.

Condicionantes:

  1. Vivendas unifamiliares: rematadas antes de 2006 que constitúan o domicilio habitual e permanente das súas persoas propietarias.
  2. Edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva: rematados antes de 2006 que, polo menos, o 50 % da súa superficie construída teña uso residencial de vivenda e que, polo menos, o 30 % das vivendas constitúan o domicilio habitual dos seus propietarios, usufrutuarios ou arrendatarios (éste último permite algunha excepción)
  3. Vivendas situadas en edificios de tipoloxía residencial: rematadas antes de 2006 que constitúan o domicilio habitual e permanente dos seus propietarios, usufrutuarios ou arrendatarios.

As actuacións non poderán estar iniciadas con anterioridade ao 01/01/2022 nin estar finalizadas con carácter previo á publicación desta resolución no DOG. Son as seguintes:

1. Consideraranse subvencionables as actuacións para a mellora da accesibilidade. En particular, as seguintes:

a) A instalación de ascensores, salvaescaleiras, ramplas, automatismos para a apertura de portas, incorporando mecanismos motorizados ou outros dispositivos de accesibilidade, así como calquera medida de accesibilidade que facilite a autonomía e a vida independente de persoas con mobilidade reducida, tanto en edificios como en vivendas unifamiliares, incluíndo os dispositivos adaptados ás necesidades de persoas con discapacidade sensorial ou intelectual, así como a súa adaptación, unha vez instalados, á normativa sectorial correspondente. Inclúese a integración mediante un único mecanismo de identificación (teléfono intelixente, cámaras, pantallas ou outros dispositivos tecnolóxicos equivalentes en canto á súa funcionalidade) dos sistemas de apertura e control de accesos e doutros sistemas que necesiten control persoal e a adaptación, cando existan, á altura non superior a 1,40 m dos dispositivos xa instalados.

b) A instalación ou dotación de produtos de apoio, tales como guindastres ou artefactos análogos, así como sistemas tecnolóxicos de guiado que permitan a localización, ou o acceso e uso por parte das persoas con discapacidade a elementos comúns do edificio, de ser o caso, tales como xardíns, zonas deportivas, piscinas e outros similares.

c) A instalación de elementos de información, de comunicación ou de aviso, tales como sinais luminosos e visuais, vibrotáctiles ou sonoras que permitan a orientación no uso de escaleiras, ascensores e do interior das vivendas. En particular, a instalación de elementos que melloren a accesibilidade e seguridade no uso dos ascensores, como a comunicación bidireccional en cabina.

d) A instalación de produtos de apoio á audición para a accesibilidade no contorno, como os bucles magnéticos.

e) A instalación de elementos ou dispositivos electrónicos de comunicación entre as vivendas e o exterior, tales como videoporteiros que proporcionan información visual e auditiva e análogos.

f) A instalación de dispositivos de alarma no ascensor que garantan un sistema de comunicación visual, auditiva e bidireccional co exterior para os casos de emerxencia ou atrapamento, así como a instalación de bucle magnético nos devanditos dispositivos.

g) A instalación domótica e doutros avances tecnolóxicos para favorecer a autonomía persoal de persoas maiores ou con discapacidade.

h) Calquera intervención que facilite a accesibilidade universal nos espazos do interior das vivendas (unifamiliares, agrupadas en fila ou en edificios de tipoloxía residencial colectiva) ou nos propios edificios de tipoloxía residencial colectiva obxecto deste programa, así como nas súas vías de evacuación.

i) Calquera intervención que mellore o cumprimento dos parámetros establecidos no documento básico do Código técnico da edificación DB-SUA, Seguridade de utilización e accesibilidade. En particular, a instalación de elementos que melloren a accesibilidade e seguridade de utilización nos ascensores, como a mellora da nivelación da cabina.

O custo das actuacións subvencionables poderá incluír os honorarios dos profesionais intervenientes, o custo da redacción dos proxectos, de ser o caso, os informes técnicos e certificados necesarios, os gastos derivados da tramitación administrativa e tributos, sempre que todos eles estean debidamente xustificados.

Prazo de solicitude: ata o 22/04/2024.

Axudas sen concorrencia competitiva e a fondo perdido.

 

1. A contía máxima das axudas non poderá superar os seguintes límites:

a) 12.500 euros por vivenda, cando se solicite para actuacións correspondentes a vivendas unifamiliares illadas ou agrupadas en fila. Esta axuda poderá incrementarse ata 15.000 euros por vivenda, se reside unha persoa con discapacidade, e ata 18.000 euros por vivenda, se esta acredita un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

b) 9.000 euros por vivenda e 90 euros por metro cadrado de superficie construída de local comercial ou outros usos compatibles, cando se solicite para actuacións correspondentes a edificios de vivendas de tipoloxía residencial colectiva. Esta axuda poderá incrementarse ata 15.000 euros por vivenda, se reside no edificio unha persoa con discapacidade, e ata 18.000 euros por vivenda, se esta acredita un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

c) 6.000 euros por vivenda, cando se solicita para actuacións correspondentes a vivendas localizadas en edificios de tipoloxía residencial colectiva. Esta axuda poderá incrementarse ata 15.000 euros por vivenda, se reside unha persoa con discapacidade, e ata 18.000 euros por vivenda, se esta acredita un grao de discapacidade recoñecido igual ou superior ao 33 %.

d) O 60 % do custo da actuación. Esta porcentaxe poderá incrementarse ata o 80 %, se na vivenda ou unha das persoas que resida no edificio sexa unha persoa con discapacidade ou maior de 65 anos.

2. O límite unitario das axudas establecido nas letras a), b) e c) poderá ser incrementado en 3.000 euros máis por vivenda en edificios ou vivendas declaradas ben de interese cultural, catalogados ou que conten con algún nivel de protección no instrumento de ordenación urbanística correspondente.

Ligazón á normativa.

 

Share.