As subvencións reguladas por estas bases teñen por obxecto a mellora da infraestrutura turística da Comunidade Autónoma de Galicia mediante a incentivación para a mellora das infraestruturas dos establecementos de aloxamento turístico e de restauración.
Persoas beneficiarias
-
Os establecementos hoteleiros, campamentos de turismo, establecementos de turismo rural, apartamentos turísticos e albergues turísticos, de acordo co artigo 55.1 da Lei 7/2011, do 27 de outubro.
-
Os restaurantes incluídos no Grupo I do artigo 77 da Lei 7/2011, do 27 de outubro, debidamente inscritos e clasificados no REAT.
Condicionantes:
-
So poderá presentarse unha única solicitude por establecemento. No caso de que un mesmo titular teña varios establecementos inscritos no REAT poderá presentar unha solicitude por cada establecemento.
-
Estas axudas son compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera administración ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, pero o seu importe, en ningún caso, poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada, segundo se establece no artigo 17.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Actuacións subvencionables: Consideraranse actuacións subvencionables todas aquelas que se inicien a partir do 1 de xaneiro de 2024. En ningún caso se admitirán nin facturas nin xustificantes de pagamento anteriores á dita data. En concreto, poderán ser obxecto de subvención, de conformidade co que se establece nesta resolución, os seguintes investimentos:
-
Actuacións destinadas a mellorar as condicións de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas.
-
Obras destinadas á mellora das instalacións coa finalidade de obter certificacións de calidade, en especial o Q de Calidade Turística.
-
Actuacións destinadas á adaptación ás modificacións normativas e á mellora da clasificación do establecemento que supoñan un incremento de categoría.
-
Actuacións de renovación e modernización das instalacións e embelecemento do contorno da instalación.
-
Equipamentos mobles necesarios para o funcionamento.
-
Actuacións de mellora da climatización que favorezan a sustentabilidade coa implementación de medidas de aforro enerxético, así como a instalación ou mellora de sistemas de extracción e renovación do aire.
-
Actuacións de dixitalización dos sistemas de xestión e comercialización do establecemento.
-
Adaptación dos sistemas de seguridade e saúde na prestación de servizos.
O investimento neto admitido será de ata 100.000 €. Enténdese por investimento neto o importe orzamentado unha vez deducido o imposto sobre o valor engadido. Se a actuación o require, o titular deberá contar coa correspondente licenza de obras ou, se é o caso, certificado do concello de non precisar a dita licenza. A dita documentación deberá presentarse no momento da xustificación da subvención.
Gastos subvencionables: Ademais dos gastos de obra vencellados coa execución do proxecto, serán gastos subvencionables os servizos profesionais vinculados ao proxecto, como honorarios técnicos de redacción do proxecto e de dirección de obra. Os honorarios técnicos non serán superiores ao 6 % do investimento neto admitido.
Non serán gastos subvencionables:
-
Adquisición de terreos, edificacións, locais e elementos de transporte.
-
Gastos correntes da empresa e a adquisición de material non inventariable, así como enxoval de cociña e comedor, enxoval das habitacións e baños, e adquisición de bens de embelecemento e decoración de estancias.
-
Obras de mantemento do establecemento, entendendo por tales as que se realizan periodicamente para manter a edificación en perfecto uso (limpeza de canlóns, pintura, arranxos de carpintaría,…).
-
Seguros, taxas por autorizacións administrativas, licenzas ou similares.
-
Gastos de conectividade.
-
Activos adquiridos mediante leasing ou renting nin os que fosen fabricados, realizados ou desenvolvidos pola entidade solicitante.
Prazo de solicitude: ata o 19/02/2024.
Tipoloxía: Axudas en concorrencia competitiva a fondo perdido
Cantidade: Os proxectos que se recollen no parágrafo anterior como accións subvencionables poderán acadar unha subvención de ata o 60 % sobre o orzamento do investimento subvencionable. O importe máximo da axuda a cada entidade beneficiaria será de 60.000 €.