Axudas para acceso ao crédito das PEMES (financiamento Igape-pemes) para o ano 2024 (IG535A).

0

Bases que regulan as condicións e o procedemento de tramitación do marco de apoio ao acceso ao crédito das pequenas e medianas empresas, instrumentadas mediante convenio entre o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), as sociedades de garantía recíproca (SGR) e as entidades de crédito adheridas, que se desagrega nas liñas de financiamento específicas detalladas no anexo I (Modalidades de liñas de financiamento)

Persoas beneficiarias: Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas, segundo a definición establecida pola Comisión Europea no anexo I do Regulamento (UE) nº 651/2014 (DOUE L 187, do 26 de xuño) da Comisión, do 17 de xuño de 2014, polo que se declaran determinadas categorías de axuda compatibles co mercado interior en aplicación dos artigos 107 e 108 do Tratado da Unión Europea, físicas ou xurídicas, que cumpran os seguintes requisitos:

a) Realizaren unha iniciativa empresarial nun centro de traballo, obxecto da actuación que se pretende financiar, localizada na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Cumpriren os requisitos e condicións establecidos para a correspondente liña de financiamento, que se detallan no anexo I ás bases reguladoras.

Tamén poderán ter a condición de beneficiarias as agrupacións de persoas físicas ou xurídicas, as comunidades de bens, as sociedades civís, ou calquera outro tipo de unidade económica ou patrimonio separado que, aínda carecendo de personalidade xurídica, cumpran os requisitos do anterior número 1.

Modalidades de liñas de financiamento:

I.1. Préstamos avalados para o crecemento das pemes (Reaval Crecemento).

A) Obxecto: Favorecer o acceso a préstamos a longo prazo para financiar investimentos produtivos e/ou circulante estrutural por parte das pemes galegas.

B) Modalidade da axuda: O Igape bonificará o tipo de xuro que aplique a entidade de crédito adherida e a comisión do aval da SGR nos termos indicados nas seguintes alíneas desta modalidade de préstamos.

Así mesmo, o Igape poderá reavalar ata un máximo do 25 % do risco asumido polas SGR como primeiras avalistas, nos termos do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e nos decretos 132/1995, do 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican, nos préstamos concedidos polas entidades de crédito adheridas.

C) Requisitos específicos da persoa beneficiaria: Ademais de cumprir os requisitos establecidos no artigo 2, para ser persoa beneficiaria desta liña de financiamento, a titular deberá formalizar ou ter formalizado un préstamo a longo prazo para avalar, que será aplicado do seguinte xeito:

C.1) Un mínimo do 40 % do seu principal será aplicado a financiar investimentos produtivos e/ou capital corrente.

i. Enténdese por investimentos produtivos a adquisición e/ou construción dos seguintes elementos:

i.a) Bens tanxibles cuxo uso previsto pola persoa beneficiaria sexa a produción ou subministración de bens ou servizos, ou ben para fins administrativos: terreos e bens naturais, construcións, instalacións técnicas, maquinaria, útiles, outras instalacións, mobiliario, equipamentos para proceso de información e elementos de transporte, así como outro inmobilizado material necesario para o desenvolvemento da actividade.

Exclúense:

Os investimentos inmobiliarios, entendendo como tales os activos inmobles que se adquiran para obter rendas, plusvalías ou ambas.

Investimentos financeiros.

A adquisición de elementos de transporte nas empresas que realicen por conta allea operacións de transporte de mercadorías por estrada. A prestación dun servizo integrado en que a operación de transporte só sexa un elemento, como os servizos de mudanza, os servizos de correo postal ou de mensaxaría, ou os servizos de recollida e transformación de residuos, non debe considerarse un servizo de transporte e, polo tanto, non se lle aplica esta exclusión.

i.b) Bens intanxibles como investigación, desenvolvemento, concesións administrativas, propiedade industrial ou intelectual, dereitos de traspaso e aplicacións informáticas.

ii. Enténdese por capital corrente o pagamento dos seguintes conceptos de gasto: compras de materias primas, outros aprovisionamentos e mercadorías, gastos de persoal (soldos e salarios, indemnizacións, Seguridade Social e outros gastos sociais), impostos, arrendamentos e canons, reparacións e conservación, servizos de profesionais independentes, transportes, primas de seguros, publicidade, propaganda e relacións públicas, subministracións e outros servizos relacionados coa actividade.

Tamén poderán computarse dentro deste límite o pagamento da comisión do aval, así como as achegas ao capital das SGR.

Os bens obxecto de investimento ou gasto deberán ser adquiridos en propiedade a terceiros pola persoa beneficiaria. En caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes tamén deberán pasar a ser de propiedade plena da persoa beneficiaria antes da finalización do prazo de disposición e utilización dos fondos e neste momento deberá constar o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas. Non obstante, poderán ser financiados os gastos de acondicionamento e mellora en locais en aluguer e/ou en réxime de concesión administrativa.

Os bens usados poderán ser financiados sempre que se acredite mediante certificado dun taxador independente que o prezo non supera o valor de mercado e é inferior ao custo de bens novos similares.

Os provedores e acredores non poderán estar vinculados coa persoa ou entidade solicitante nin cos seus órganos directivos ou xestores.

C.2) Un máximo do 60 % poderá ser aplicado á cancelación de débedas con entidades financeiras non avaladas pola SGR que conceda a operación, sempre e cando correspondan a algunha das seguintes modalidades:

Pagamento de cotas de préstamos e leasing, incluíndo cotas ordinarias e amortizacións anticipadas. Non poderá aplicarse ás operacións concedidas por administracións ou entidades públicas, ou operacións con calquera tipo de aval público.

Pagamento de saldos dispostos de pólizas de crédito, sempre que estas incrementen o seu dispoñible na contía da aplicación do préstamo a esta finalidade, e se manteñan abertas ata o seu vencemento.

C.3) Os préstamos tamén poderán destinarse á cancelación ou reestruturación de débedas bancarias avaladas pola SGR que conceda a operación. Os importes que se destinen a esta finalidade non se computarán para efectos das porcentaxes sinaladas nos puntos C.1) e C.2) anteriores, e poderá aplicarse o 100 % do novo préstamo a esta finalidade.

No caso de que as operacións canceladas con este préstamo conten con subvención dos seus gastos financeiros por parte do Igape, a súa amortización total anticipada como consecuencia deste refinanciamento non suporá o reintegro desta.

Cando o refinanciamento se materialice sobre unha única operación avalada coas mesmas entidade de crédito e SGR avalista, en lugar de instrumentarse un novo préstamo, poderá formalizarse unha novación modificativa da operación preexistente.

C.4) Para empresas que operen no sector da transformación e/ou comercialización de produtos da pesca ou acuicultura, poderán destinarse á reestruturación de débedas bancarias sen que sexan de aplicación as porcentaxes sinaladas nos puntos C.1) e C.2).

D) Condicións das operacións financeiras.

D.1) Importe: O préstamo que se vaia avalar será igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 1.000.000 de €.

Un mesmo titular poderá presentar varias solicitudes de axuda ao abeiro deste punto I.1. Neste suposto acumularase o importe total do financiamento, que non poderá superar o límite de 1.000.000 de € por convocatoria.

D.2) Prazo: O prazo mínimo do préstamo que se vaia avalar será de 3 anos e non superior a 15 anos, incluída unha carencia dun máximo de 2 anos. En calquera caso, a vixencia do reaval non superará os 7 anos.

D.3) Tipo de xuro: O tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo acollidas a estas bases será variable co sistema de variación seguinte:

Tipo de referencia: será o euríbor a prazo de 6 meses. As revisións faranse semestral mente.

Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes sen que, en ningún caso, poida exceder dos 1,90 puntos porcentuais.

O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ao tipo de referencia o tipo adicional que pacten as partes.

Se o euríbor ao prazo establecido deixa de determinarse, aplicarase o que legalmente o substitúa.

D.4) Subvención ao tipo de xuro: O Igape poderá subvencionar a fondo perdido ata un importe equivalente a 1,90 puntos porcentuais dos xuros dos 3 primeiros anos de vixencia dos préstamos concedidos ao abeiro desta modalidade, calculado de acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras, sen que o importe resultante poida exceder o montante total dos xuros xirados pola entidade de crédito para o referido período dos 3 primeiros anos da operación.

D.5) Comisións: As comisións máximas que a entidade de crédito poderá repercutir por todos os conceptos na formalización serán do 0,60 %. Para estas comisións a entidade de crédito poderá estipular un mínimo de ata 30 €.

D.6) Subvención á comisión de aval: O Igape poderá subvencionar a fondo perdido un importe equivalente a 1,25 puntos porcentuais da comisión de aval dos 3 primeiros anos de vixencia dos préstamos avalados concedidos ao abeiro desta modalidade, calculado de acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras, sen que o importe resultante poida exceder o montante total da comisión de aval xirada pola SGR para o referido período dos 3 primeiros anos da operación.

I.2. Garantías ante terceiros vinculadas a operacións de tráfico ou avais técnicos (Rea-val Garantías).

A) Obxecto: Favorecer a capacidade das pemes para outorgar garantías fronte a terceiros, nalgunha das seguintes modalidades:

1. Avais financeiros para garantir obrigas derivadas de contratos de tráfico comercial, anticipos de contratos, entregas á conta para instalacións ou subministracións.

2. Avais non financeiros ante terceiros. Avais técnicos ante empresas privadas para garantir a boa execución de obras ou servizos.

3. Avais vinculados a licitacións internacionais. Avais en garantía de contratos no estranxeiro.

B) Modalidade da axuda: O Igape bonificará as comisión do aval da SGR e, de ser o caso, da entidade de crédito, nos termos indicados nas seguintes alíneas desta modalidade de préstamos.

Así mesmo, o Igape poderá reavalar ata o 25 % do risco asumido polas SGR como avalistas, nos termos do Decreto 284/1994, do 15 de setembro, de regulamento de avais do Igape, e nos decretos 132/1995, do 10 de maio, e 302/1999, do 17 novembro, que o modifican, nas liñas específicas de avais concedidas polas entidades de crédito adheridas ou nas liñas de avais prestados polas SGR directamente ante terceiros.

C) Requisitos específicos da persoa beneficiaria.

Ademais de cumprir os requisitos establecidos no artigo 2, para ser persoa beneficiaria desta liña de financiamento, a titular deberá formalizar un novo contrato de financiamento, polo que se estableza unha liña de avais e fianzas prestadas pola entidade de crédito ou SGR en garantía ante terceiros, vinculadas ao cumprimento de contratos, operacións de tráfico ou avais técnicos.

As liñas de crédito avaladas deberán ser especificas para algunha das modalidades sinaladas, de xeito que a entidade financeira dispoña dunha conta específica ou rexistro separado en que se recollan exclusivamente as operacións amparadas no contrato de financiamento.

D) Condicións das operacións financeiras.

D.1) Importe: O importe da liña de financiamento que se vaia avalar será igual ou superior a 3.000 € e igual ou inferior a 1.000.000 de €.

Un mesmo titular poderá presentar varias solicitudes de axuda ao abeiro deste punto I.2, en distintas modalidades e/ou en distintas entidades de crédito. Neste suposto, acumularase o importe total do financiamento, que non poderá superar o límite de 1.000.000 de € por convocatoria.

D.2) Prazo: O prazo mínimo de vixencia da liña de garantías será de 3 anos e non superior a 5 anos; non se prevé a posibilidade de prórroga na vixencia.

D.3) Comisións: No caso de intervención dunha entidade de crédito, as comisións máximas que a entidade de crédito poderá repercutir por todos os conceptos na formalización serán do 0,60 %. Para estas comisións a entidade de crédito poderá estipular un mínimo de ata 30 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras. Non obstante o anterior, adicionalmente poderán cobrar ata o 1,25 % en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado.

D.4) Subvención á comisión de aval: O Igape poderá subvencionar a fondo perdido ata un importe equivalente a 1,25 puntos porcentuais da comisión de aval dos 3 primeiros anos de vixencia dos avais concedidos ao abeiro desta modalidade, calculado de acordo co establecido no artigo 3 das bases reguladoras, sen que o importe resultante poida exceder o montante total da comisión de aval xirada pola SGR e, de ser o caso, a entidade de crédito para o referido período dos 3 primeiros anos da operación.

A subvención que, se é o caso, sexa concedida será determinada no momento da concesión, e pagaráselle á persoa beneficiaria dunha soa vez, na conta bancaria que esta designe, unha vez que esta presente a xustificación e solicitude de cobramento conforme o artigo 11 das bases reguladoras.

D.5) Garantías: Os avais prestados polas SGR poderán ser a favor das entidades de crédito adheridas ao convenio, en contra garantía do risco que estas últimas asuman como primeiras avalistas, ou ben directamente a favor dun terceiro. Neste último caso, non serán de aplicación os procedementos de tramitación relacionados coas entidades de crédito colaboradoras.

Prazo de solicitude: ata o 30/09/2024.

Forma de presentación da solicitude: Para presentar a solicitude, a persoa ou entidade solicitante deberá cubrir previamente un formulario electrónico descritivo das circunstancias da persoa ou entidade solicitante e do proxecto a través da aplicación establecida no enderezo da internet https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual. Deberá cubrir necesariamente todos os campos establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente a solicitude de axuda.

A solicitude presentarase obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo II), que se obterá de xeito obrigatorio na aplicación informática https://www.igape.gal/gl/oficinavirtual, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia https://sede.xunta.gal.

Tipoloxía: axudas a fondo perdido e sen concorrencia competitiva.

Enlace á normativa 

Share.