O Concello de San Sadurniño conta desde 2014 cunha Sede Electrónica a través da que facer todo tipo de trámites telemáticos. A sede é unha prolongación da oficina administrativa tradicional, dispoñible para que a cidadanía poida realizar os seus trámites as 24 horas dos 365 días do ano. Ademais, nesta sede virtual tamén se publican as convocatorias de emprego público e doutro tipo coa mesma validez legal que nos diarios e taboleiros oficiais. Outra ferramenta imprescindible para as empresas que traballan ou queren traballar co Concello é o Perfil de Contratante, onde se publican cos mesmos efectos os concursos e procedementos esixidos pola lei.
Sede electrónica
A sede electrónica do Concello é o enderezo na internet que ofrece a posibilidade de solicitar e obter, de xeito sinxelo e áxil, servizos telemáticos dende calquera ordenador con acceso á Internet.
Dende a sede realizaranse as xestións e trámites municipais que requiran identificación por parte da cidadanía ou por parte da Administración. Tamén se inclúen na sede outros servizos e contidos, como por exemplo un completo catálogo de procedementos e trámites coas xestións máis habituais, incluídos os impresos correspondentes que poden presentarse a través da sede ou ben descargalos e cubrilos á man para presentalos polo rexistro convencional. Ademais, a Sede tamén dá acceso ao punto de entrada de Facturas Electrónicas, método de presentación obrigatorio para empresas e entidades cuxo importe exceda os 5.000 euros.
Para poder realizar a presentación telemática de escritos, solicitudes ou comunicacións, é necesario autenticarse cun Certificado de sinatura electrónica. Son certificados recoñecidos entre outros:
O CLASE 2 DE LA F.N.M.T. (pódes obtelo e informarte en www.cert.fnmt.es).
O Dni-electrónico (máis información en www.dnielectronico.es).
Máis información: http://firmaelectronica.gob.es
Pica nas seguintes ligazóns para acceder aos distintos apartados