Ata o 29 de novembro: Indemnizacións polo sacrificio de animais por enfermidades

0

Indemnizacións polo sacrificio obrigatorio de animais en execución de programas e actuacións oficiais de vixilancia, loita, control e erradicación das súas enfermidades, e se convocan para o ano 2024 (MR553C)

Obxectivo: Conceder indemnizacións polo sacrificio obrigatorio ou morte de animais, ou pola destrución de produtos, no marco de programas ou actuacións oficiais de vixilancia, loita, control ou erradicación de enfermidades animais, e pola morte de animais no contexto das medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente, ou como consecuencia directa de tratamentos, manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico, así como nos demais supostos recollidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e convocalas para o ano 2024.

Persoas beneficiarias: As persoas físicas e xurídicas públicas ou privadas e as entidades sen personalidade xurídica que sexan titulares:

a) De animais que se sacrifiquen ou morran por resultaren reaccionantes ás probas diagnósticas de tuberculose, brucelose, leucose e lingua azul no gando vacún, ovino e cabrún, ou por ter convivido con animais enfermos e que sexan considerados sospeitosos polos veterinarios actuantes.

b) De animais e os seus produtos de calquera especie, sacrificados/mortos e/ou destruídos por motivos de sospeita e/ou confirmación da presenza dalgunha das encefalopatías esponxiformes transmisibles.

c) De aves reprodutoras ou poñedoras da especie Gallus gallus e reprodutoras da especie Meleagris gallopavo, sacrificadas por orde da autoridade competente dentro dos programas nacionais de control de salmonela.

d) De aves sacrificadas/mortas por mor da declaración oficial dun foco de influenza aviaria, de enfermidade de Newcastle, ou doutra enfermidade das aves declarada oficialmente.

e) De porcos sacrificados/mortos por mor da declaración oficial dun foco de peste porcina clásica ou de peste porcina africana, ou doutras enfermidades porcinas declaradas oficialmente ou durante o desenvolvemento de medidas, probas ou controis ordenados pola autoridade competente.

f) De visóns americanos que se sacrifiquen por resolución da autoridade competente en materia de sanidade animal, ou morran, afectados por enfermidades sometidas a actuacións ou programas sanitarios oficiais.

g) De animais bovinos que morran como consecuencia de padecer a enfermidade hemorráxica epizoótica, tras a declaración oficial do primeiro foco da enfermidade por parte da autoridade competente en sanidade animal.

h) De animais que morran como consecuencia directa de actuacións, tratamentos e manipulacións preventivas ou con fins de diagnóstico e, en xeral, de animais que morran no contexto de medidas de execución de actuacións sanitarias oficiais impostas pola autoridade competente.

i) Os demais supostos recollidos na Lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, e na normativa estatal e da Unión Europea de desenvolvemento dos programas e das actuacións sanitarias de vixilancia, loita, control e erradicación de cada enfermidade.

Condicionantes

  • As indemnizacións reguladas nesta orde serán compatibles con calquera outra indemnización que poida obterse das distintas administracións (da UE, internacionais, nacionais, autonómicas) para a mesma finalidade, sempre e cando a contía en concorrencia de todas elas non supere o valor de mercado que tiña o animal inmediatamente antes do seu sacrificio ou morte.
  • Neste ámbito de acumulación de indemnizacións, o formulario de solicitude recollido nesta orde (anexo I, código de procedemento MR553C) inclúe unha declaración responsable da persoa solicitante, en relación con outras indemnizacións concedidas ou solicitadas para a mesma finalidade.

Cantidade

  1. As contías das indemnizacións serán as que estean en vigor en cada momento, segundo os baremos ou prezos oficiais (establecidos para as indemnizacións por sacrificio obrigatorio por motivos de sanidade animal), ou segundo os valores unitarios dos animais recollidos nos diferentes plans de seguros agrarios combinados (para os efectos do cálculo das súas contías de indemnización), aprobados polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) e publicados no Boletín Oficial del Estado mediante reais decretos ou ordes ministeriais.
  2. Para os casos en que, por cuestións sanitarias, a autoridade competente considere necesario decretar o sacrificio obrigatorio de animais das especies bovina, ovina e cabrúa ou ben os animais destas especies morran, afectados por enfermidades distintas das sometidas a programas nacionais de vixilancia, loita, control e erradicación, e para as cales non haxa un baremo oficial xa aprobado, a contía das indemnizacións será a sinalada no punto 1 anterior.

Prazos: ata o 29 de novembro. 

Enlace á normativa

 

Share.