Bono das persoas autónomas para o ano 2024 (TR341Q)

0

Axudas do Programa do bono das persoas autónomas, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, para impulsar a mellora da competitividade mediante investimentos relacionados directamente co seu negocio.

Persoas beneficiarias:

1. As persoas traballadoras autónomas de alta no réxime especial de autónomos ou en mutualidade de colexio profesional, que na data da solicitude teñan o domicilio fiscal en Galicia e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que na data da solicitude teñan unha antigüidade superior a 42 meses (3,5 anos) ininterrompidos computados desde a data da solicitude, na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional.

b) Que teñan un rendemento neto reducido dos rendementos de actividades económicas declarados na declaración do IRPF anual referida ao ano 2022, inferior a 50.000 euros.

c) Que teñan unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído, na declaración referida ao ano 2022.

2. As sociedades de calquera clase, incluídas as unipersonais e comunidades de bens, con domicilio fiscal en Galicia na data da solicitude, e que cumpran os seguintes requisitos:

a) Que na data da solicitude teñan unha persoa autónoma societaria cunha antigüidade superior a 42 meses ininterrompidos na realización efectiva dunha actividade empresarial ou profesional, e que a dita sociedade non fora beneficiaria nin percibira esta axuda nalgunha das cinco últimas cinco convocatorias (2019-2023 ambas incluídas)

No suposto de persoas autónomas administradoras, terán a consideración de autónomo societario se forman parte da sociedade nunha porcentaxe superior ao 25 % da súas participacións ou do 33 % do seu capital, o que deberán acreditar fidedignamente mediante escritura notarial.

b) Que a empresa teña unha facturación mínima anual de 12.000 euros, IVE incluído na declaración referida ao ano 2022.

c) Que a empresa teña unha base impoñible no imposto de sociedades da declaración realizada referida ao ano 2022 inferior a 50.000 euros (segundo o recadro 552 do imposto do sociedades). No caso de entidades que tributen en réxime de atribución de rendas este importe de 50.000 euros referirase á suma de todos os rendementos netos reducidos (rendementos da actividade económica da entidade solicitante), declarados no IRPF de cada un dos membros da entidade solicitante (modelo 184).

3. QUEDAN EXCLUIDAS desta orde:

a) As persoas autónomas colaboradoras e os familiares que, de maneira habitual, realizan traballos para persoas traballadoras autónomas ou mutualistas de colexio profesional e que non teñan a condición de persoas traballadoras por conta allea conforme o establecido no artigo 1.3.e) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, aprobado polo Real decreto lexislativo 2/2015, do 23 de outubro.

b) As persoas autónomas administradoras, salvo que formen parte da sociedade nunha porcentaxe superior ao 25 % das súas participacións ou do 33 % do seu capital, o que deberán acreditar fidedignamente mediante certificado do Rexistro Mercantil.

c) As persoas traballadoras autónomas que foran beneficiarias e percibiran a axuda do bono das persoas autónomas, procedemento TR341Q, nalgunha das cinco últimas convocatorias (2019 a 2023 ambas incluídas).

d) As sociedades que foran beneficiarias e percibiran a axuda do bono das persoas autónomas, procedemento TR341Q, nalgunha das cinco últimas convocatorias (2019-2023 ambas incluídas).

Condicionantes:

  • En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, concedidos por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais, da Unión Europea ou de organismos internacionais, supere o 80 % do custo da actividade que vaia desenvolver a persoa beneficiaria.

  • As axudas previstas nesta orde serán incompatibles coas axudas que polos mesmos conceptos e gastos poidan outorgar as administracións públicas.

  • Esta axuda é incompatible nos mesmos conceptos de axuda coas subvencións para a dixitalización e modernización de empresas comerciais e artesanais convocadas para o ano 2024, procedemento CO300C, da Consellería de Economía, Industria e Innovación.

Actuacións subvencionables: A través desta axuda serán subvencionables os gastos realizados desde o 1 de xaneiro de 2024 e ata a data da solicitude da axuda, efectivamente xustificados, mediante facturas emitidas no período subvencionable e documentos bancarios acreditativos do seu pagamento. Esta axuda terá unha liña de actuación, de mellora da competitividade, a través dos seguintes tipos de investimentos:

  • Compra de maquinaria.

  • Compra e/ou instalación para a mellora da eficiencia enerxética.

  • Inversións para a substitución de combustibles fósiles ou materiais críticos ou escasos.

  • Compra de enxoval e ferramentas.

  • Reforma do local ou espazo do negocio.

  • Equipamento informático.

  • Equipamento de oficina e/ou negocio.

  • Rótulos.

  • Aplicacións informáticas, creación e desenvolvemento de páxinas web, apps e redes sociais.

  • Deseño de marca.

No suposto de adquisición, construción, rehabilitación e mellora de bens inventariables a persoa beneficiaria deberá destinar os bens ao fin concreto para o que se concedeu a subvención, que non poderá ser inferior a cinco anos en caso de bens inscritibles nun rexistro público, nin a dous anos para o resto de bens.

No caso de reforma do local do negocio exclúese da axuda o domicilio habitual da persoa traballadora autónoma, excepto no caso en que quede acreditado que é imprescindible para o desenvolvemento da actividade do negocio.

Non se consideran gastos subvencionables os impostos indirectos, como é o caso do IVE, cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, segundo dispón o artigo 29.8 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Prazo: As solicitudes poderán presentarse desde o 29/01/2024 ata o 30/09/2024.

Tipoloxía: Axudas a fondo perdido e sen concorrencia competitiva.

Cantidade: Poderase conceder para a mellora da competitividade da actividade empresarial das persoas beneficiarias desta orde, unha subvención do 60 % da actividade que se vai subvencionar, cun límite máximo de 7.000 euros de axuda polo conxunto de actividades subvencionables, sendo o resto do gasto por conta da persoa beneficiaria.

Enlace á normativa.

Share.