O Concello remata o aglomerado dun novo tramo na zona da Abelleira

0

A empresa de obra pública Hordescon S.L. rematou hai escasos días o proxecto acollido ao Plan de Camiños municipais da AGADER de 2023, co que se aglomerou a comunicación interior do núcleo da Abelleira, en Naraío, así como a súa conexión co cruzamento da Grúa empregando o mesmo tipo de firma. Ademais, a actuación tamén incluiu o asfaltado até o lugar de Racamonde de Arriba, cun investimento lixeiramente superior aos 87.000 euros. As obras desenvolvéronse en dúas fases, a primeira xusto antes do Nadal e a segunda durante as últimas semanas, habida conta de que os temporais de chuvia dos primeiros meses do ano retrasaron a súa execución.

A primeira fase dos traballos -acometida en decembro- ocupouse de aglomerar a pista de 400 metros de lonxitude que artella o núcleo principal da Abelleira que, ademais, é a única vía de entrada e saída para as persoas residentes nas cinco vivendas do lugar, agrupadas case todas no cabo do camiño.

Máis recentemente, aproveitando os días solleiros que viñeron nas últimas semanas, a empresa adxudicataria levou a cabo a segunda parte do proxecto -a AGADER permite executar o Plan de Camiños en máis dunha anualidade-, que se centrou en ampliar o firme aglomerado ao tramo da vía que une A Abelleira co cruzamento da Grúa, estendendo ao longo de aproximadamente un quilómetro de distancia unha nova capa de rodadura de maior grosor e adherencia. Como base do novo pavimento empregouse o antigo asfalto, ao que foi necesario limparlle antes as cunetas e corrixirlle os desperfectos máis profundos.

Ambas fases do Plan de Camiños 2023 dánlle continuidade ás actuacións que se levaron a cabo nos últimos anos na banda sur de San Sadurniño co obxectivo de incrementar e regularizar o ancho e proporcionarlle maior durabilidade a todos os tramos que conectan o fondo de Naraío co límite da Capela. Cómpre lembrar neste sentido que desde 2020 foron sucedéndose -tamén con aglomerado- os treitos Eirexado-Lourido, Lourido-Quintiá e Quintiá-Cruzamento da Grúa. É dicir, 4,6 quilómetros de percorrido aos que agora se lle acaban de sumar outros 1.100 metros con idéntico tipo de pavimento.

Ademais, dentro deste proxecto acollido á subvención de 74.000 euros procedentes de fondos europeos -os 13.000 euros restantes poraos o Concello- tamén se incluíu o asfaltado integral da pista que vai desde A Abelleira ata Racamonde de Arriba (cerca de 1,5 km), seriamente danada en varios puntos. Trátase “dun asfaltado de mantemento” posto que a intención do Concello, segundo asegurou o alcalde, Secundino García, é “continuar ampliando o firme aglomerado en próximos exercicios, a medida que vaiamos tendo fondos, coa finalidade de que toda esa zona conte cunha pista principal coas mellores condicións”.

Fondos da Deputación para outros camiños da zona
Estas melloras, nas que se investiron 87.018,86 € , non serán as únicas na zona  máis elevada de San Sadurniño e tamén a máis afastada do centro urbano e xeográfico do municipio. De feito, con cargo aos fondos provinciais do POS+ tamén se asfaltaron outras pistas que enlazan co eixo A Grúa-A Abelleira, como son a do Lugar do Monte (870 m), a pista do Pousadoiro (1.290 m) e o tramo de 300 metros que sobe desde a ponte sobre o rego do Aguillón até o núcleo de Racamonde de Abaixo.

Estoutro paquete viario, xa executado, adxudicouse en 72.508,03 euros a José No Mantiñán e Hijos e tamén incluiu a reparación do camiño de Solposto (730m), en Igrexafeita, e un tramo de 90 metros do núcleo de Lourido, en Naraío.

 

 

 

 

 

Share.