Nuns días comeza a festa do volei en San Sadurniño

0

O Pavillón Municipal de San Sadurniño acollerá do xoves 25 ao domingo 28 de abril a fase de ascenso á Superliga Masculina de volei nun torneo en que o Aldebarán-Intasa será anfitrión das outras cinco mellores escuadras da división de prata. O Concello e o club local presentaron a competición esta tarde en rolda de prensa, onde quedou patente o compromiso do equipo de saltar á cancha sen complexos para dar o mellor de si. O adestrador Pablo Gómez Parga e a formación azul, integrada maioritariamente por canteiráns moi novos, causaron sensación na liga pola frescura e a efectividade do seu xogo, o que lles valeu para meterse por méritos propios na loita por unha das dúas prazas na máxima categoría que se desputarán a semana que vén. Para acadar ese obxectivo, equipo e Concello fan un chamamento ao máximo apoio da afección.

A recta final da SM2 e fase de ascenso á Superliga estará dividida en dous grupos cun todos contra todos en cada un deles.  No grupo A competirán o conxunto anfitrión, o Aldebarán-Intasa San Sadurniño, o UD Ibiza Voley e o cvleganes.com, mentres no grupo B participarán Textil Santanderina, Instercap Asisa Tarragona e CV Utrera.

O alcalde, Secundino García, expresou o “orgullo” que supón para San Sadurniño acoller un evento deportivo “que non todos os días temos a sorte de poder celebrar os concellos pequenos”, sinalando ademais que o Aldebarán competirá “en igualdade de condicións” con equipos procedentes “de cidades importantes” do Estado.

O rexedor local engadiu que a fase de ascenso tamén será unha oportunidade de “demostrar que temos capacidade organizativa para eventos deste tipo” e mostrouse esperanzado en que a resposta da afección e os resultados deportivos “sexan satisfactorios”, culminando así o traballo desenvolvido durante a temporada polo equipo e por Pablo Gómez Parga, “unha persoa xa case de San Sadurniño que en moi pouco tempo será un dos adestradores de referencia no voleibol estatal”, asegurou García Casal.

O presidente do CV Aldebarán, Uxío García, agradeceu o apoio “do Concello, da Deputación da Coruña e das empresas colaboradoras”, abundando deseguido en que o técnico e os xogadores terán a oportunidade de exhibir na casa o xogo que lles valeu para acceder á fase de ascenso “sen máis presión” que a de “desfrutar do evento”. García comentou neste sentido que será unha fin de semana “de celebración”, tamén para o público asistente ao torneo e avanzou ao respecto que os partidos estarán animados polo speaker deportivo e picadiscos malagueño Ángel Saura. “Imos centrarnos na fase de ascenso, pero queremos que sexa un evento que tamén divirta á xente”.

O adestrador do Aldebarán-Intasa, por outra banda, centrou a súa intervención na “grande oportunidade” que vai supor para os seus pupilos -“que son mozos con pouca experiencia pero con moitas ganas”, dixo Parga- o participar nesta competición e poder facelo na casa “que sempre é un punto a favor”.

O histórico xogador e agora líder estratéxico do Aldebarán explicou que o equipo saltará á cancha do municipal “para competir da mellor maneira” e ofrecer espectáculo enfrontándose contra equipos “dun nivel económico maior que o San Sadurniño, pero non deportivo”. O técnico argumentou  que o Intasa xa se mediu durante a liga con todos os seus contrincantes de dentro duns días, chegando a esta recta final na segunda posición do G-A da SM2. “Puidemos competir contra todos e situarnos como segundo clasificado do noso grupo”, defendeu Parga, ao tempo que manifestou o compromiso de toda a formación local de “traballar, adestrar e tentar dar o máximo” de aquí ao próximo domingo.

O edil de Deportes, Manel Martínez, destacou que San Sadurniño “poida ter un equipo deste calibre optando á primeira división do volei estatal” e aproveitou a rolda de prensa para facer un chamamento á participación do público enchendo as bancadas “porque imos ter enfrontamentos do máximo nivel”, ademais de recordar que o domingo das finais o municipio tamén vai acoller a Feira da Plantación. Un apuntamento no que tamén incidiu Secundino García convidando a toda a xente que veña a San Sadurniño, “sobre todo a de fóra”, a que aproveite para “descubrir o noso territorio”. García tamén animou a encher o pavillón municipal para convertelo “na nosa bomboneira”.

Horarios e cruzamentos
Así as cousas, a menos dunha semana para que comece a grande festa do volei en San Sadurniño, o CV Aldebarán, como anfitrión da cita, ultima uns preparativos que se prolongarán até o xoves 25, día no que comezarán os encontros dos dous grupos en que se dividiu a fase de ascenso, que é tamén o torneo no que se decidirá quen queda campión da SM2.

O club publicou hai dous días no seu Facebook os prezos das entradas: 5€ media xornada e abonos a 25€ para toda a competición (15€ as persoas socias).

Salvo cambios que poidan producirse de aquí a xoves, os horarios e emparellamentos quedaron da seguinte maneira:

GRUPO A

Xoves 25 de abril, 20:00h

UD Ibiza Volley – cvleganes.com

Venres 26 de abril, 12:00h

Aldebarán Intasa – UD Ibiza Volley

Venres 26 de abril, 20:00h

cvleganes.com – Aldebarán Intasa

GRUPO B

Xoves 25 de abril, 17:30h

CDV Textil Santanderina – CV Utrera

Venres 26 de abril, 09:30h

Instercap Asisa Tarragona – CDV Textil Santanderina

Venres 26 de abril, 17:30h

CV Utrera – Instercap Asisa Tarragona

 

5º E 6º POSTO

Sábado 27 de abril, 11:00h 3º Grupo A – 3º Grupo B

SEMIFINAIS

Sábado 27 de abril, 17:30h 2º Grupo A – 1º Grupo B
Sábado 27 de abril, 20:00h 1º Grupo A – 2º Grupo B

FINAIS

Domingo 28 de abril, 10:00h Perdedor 1ª semifinal – Perdedor 2ª semifinal
Domingo 28 de abril, 12:00h Ganador 1ª semifinal – Ganador 2ª semifinal
Share.