O Boletín Oficial da Provincia do mércores pasado publicou as bases polas que se rexerá en San Sadurniño a selección de persoal do programa de integración laboral da Deputación da Coruña. O Concello contratará durante 5,5 meses dúas persoas para apoiar o departamento de Obras e Servizos. Os perfís son o dun condutor/a a tempo completo para guiar tanto no camión do lixo como na maquinaria agrícola municipal, así como do dunha peoa ou peón especial que desempeñe, entre outros, labores de recollida e tratamento de resíduos, limpeza viaria ou control da rede de abastecemento de auga. O proceso selectivo efectuarase por valoración dos méritos -experiencia e formación- e, de acordo co que estipula o programa provincial, tamén das circunstancias socioeconómicas das persoas aspirantes. O prazo para presentar as instancias é de cinco días hábiles contados desde este luns 1 de abril (incluído), de maneira que o último día será o venres 5 de abril. O rexistro da solicitude pode facerse presencialmente no Concello, por correo postal ou a través da Sede Electrónica municipal (ou doutra Administración).
Os requisitos para optar a calquera das dúas prazas temporais son o de ter nacionalidade española -ou doutro país membro da UE ou ter permiso de residencia-, ser maior de 16 anos sen exceder a idade de xubilación, non ter expedientes abertos ou sancións que impidan traballar para unha Administración pública, contar con aptitudes físicas e psíquicas para poder desempeñar as funcións de cada posto e, importante tamén, estar en situación de desemprego con inscrición no SPEG como demandante.
Ademais, no caso do posto de condutor/a haberá que presentar copia do carné de conducir C, mentres que para o de peón ou peoa abondará con estar en posesión do carné B e saber manexar a rozadora de fío.
A maiores destas condicións mínimas, as persoas aspirantes tamén deberán atoparse nalgunha das seguintes situacións, tal e como establece o PEL-Concellos da Deputación: ser muller, ter máis de 45 anos, ser persoa desempregada de longa duración -polo menos un ano como demandante-, ter recoñecida unha discapacidade igual ou superior ao 33%, que no fogar non haxa ningunha persoa empregada ou que sexa monoparental/monomarental, ter dificultade para atopar traballo por razóns de idioma ou socioculturais, non ter fogar, ser vítima de violencia de xénero ou encontrarse en situación de drogodependencia.
Calquera das anteriores circunstancias -non é necesario cumprilas todas- deberán acreditarse con infome emitido polos Servizos Sociais do concello onde se resida e no caso de que se teña algunha discapacidade, co correspondente certificado. Para as persoas empadroadas en San Sadurniño, estes datos consultaranse de oficio sempre e cando as aspirantes teñan aberto expediente nos Servizos Sociais municipais. Se non é así, deberán solicitar e presentar as certificacións igual que as candidatas e candidatos de fóra do noso concello.
O procedemento de selección farase valorando con ata 3 puntos a experiencia profesional -que se debe acreditar coa vida laboral e certificacións ou contratos de traballo- e con outros 3 puntos os coñecementos adquiridos en programas de capacitación, formación ou integración laboral que estean relacionados cos postos ofertados.
As circunstancias socioeconómicas valorables -ter menores a cargo, insuficiencia de ingresos familiares (menos de 300€ mensuais de renda per cápita), desemprego de toda a unidade familiar ou de longa duración (máis de 12 meses), situacións de especial risco de exclusión e discapacidade igual ou superior a un 33%- outorgarán un máximo de 4 puntos. No caso de puntuacións parellas, este será o principal criterio de desempate.
As dúas persoas que obteñan a maior valoración no concurso de méritos -experiencia, formación e circunstancias persoais- accederán a dous contratos temporais de 5,5 meses de duración a xornada completa. A condutora ou condutor seleccionado terá entre os seus cometidos o manexo do camión do lixo e do tractor coa rozadora de brazo, ademais doutros traballos do departamento de Servizos e Obras, por un salario bruto de 2.134,51 euros mensuais (pagas extras prorrateadas). Para o posto de operario/a especial estipúlase un salario de 1.635,82€ brutos e as súas tarefas consistirán, entre outras, en labores de limpeza viaria, recollida e tratamento de lixo ou control da rede de abastecemento de auga.
As bases de todo o proceso selectivo poden consultarse nesta ligazón, onde tamén se encontra a folla de solicitude que deberá presentarse xunto coa copia do DNI, dos carnés de conducir esixidos en cada posto ao que se opte e das acreditacións da experiencia e dos méritos valorables.
A instancia pode presentarse até o venres 5 de abril presencialmente no Concello -en horario de rexistro de 9:00h a 14:00h– ou a través da Sede Electrónica municipal. Tamén se pode remitir por correo postal (Concello de San Sadurniño, Lugar do Casal 16, 15560, San Sadurniño, A Coruña) ou por medio dos rexistros doutras Administracións públicas. Se se opta por calquera destas dúas últimas opcións será necesario enviar a correo@sansadurnino.gal o resgardo dese rexistro dentro das 24 horas seguintes, coa finalidade de que o tribunal teña constancia desas solicitudes cursadas desde fóra do Concello.