San Sadurniño volverá vestirse coas cores da primavera o domingo 28 de abril nunha nova edición da Feira da Plantación, o escaparate da produción floral e de planta ornamental da comarca que tamén reunirá artesanía e outros artigos relacionados con este mundo. O Concello volve organizar o evento no que colaboran Planteles Vivergal e a Deputación da Coruña, ademais dos postos que acudirán á cita con toda a súa oferta.
A XXVII Feira da Plantación contará principalmente con planta de temporada coa que decorar xardíns e balcóns, pero tamén con árbores froiteiras e materia prima para poñer morteiros -pemento, leituga, tomateiras, etc.- que converten o recinto no sitio ao que hai que vir, si ou si, para facerse con todo o necesario, incluídas sementes, ferramentas e maquinaria.
Onde?
Desde 2022 a feira celébrase no arboreto autóctono da Cortiña, ao pé do paseo fluvial do Xuvia e da Fraga Máxica (localización en Google Maps), para gozar dun espazo máis amplo e accesible.
Quero ir co meu posto
Os postos que desexen participar na feira poden presentar a súa solicitude até o 22 de abril no rexistro municipal (ata as 14:00h), na Sede Electrónica (ata as 24:00h) ou por correo postal (Concello de San Sadurniño, Lugar do Casal 16, 15560, San Sadurniño, A Coruña). Os prezos de participación dependerán do número de metros liñais que se queiran reservar. As entidades sen fins de lucro poderán instalarse de balde. Os expositores e expositoras poderán instalar as súas propias carpas e toldos ou solicitarlle ao Concello ese equipamento.
Segundo o anuncio publicado no BOP, as cotas son as seguintes:
- 1 a 5 metros frontais por 5 de fondo: 5€
- 6 a 15 metros frontais por 5 de fondo: 15€
- 16 a 25 metros frontais por 7 metros de fondo: 45€
- Postos que soliciten carpa de 5x5m instalada polo Concello: 85€
- Postos que soliciten carpa de 12x6m instalada polo Concello: 200€
Folla de solicitude e bases de participación
PROGRAMA
10:00h. Apertura de postos – Con venda de planta e artesanía relacionada co mundo floral, produtos da terra, alimentación e maquinaria de xardín e horta.
11:00 a 19:30h. Obradoiros e demostracións
- Obradoiro infantil “Árbores de San Sadurniño”, ás 11:45h para rapazada a partir dos 8 anos. 14 prazas dispoñibles. Inscricións no posto do Concello
- Demostracións de Arte Floral, ás 11:00 e ás 16:30h. Sen inscrición.
- Obradoiro infantil “Animaliños do río e da horta”, ás 13:00h para nenas e nenos de 4 a 7 anos. 14 prazas dispoñibles. Inscricións no posto do Concello.
- Obradoiro-degustación de cociña sostible, con sesións ás 12:30 e ás 18:00h. Sen inscrición.
- Pintura ao vivo con Leandro Lamas, durante todo o día. Sen inscrición. A obra do artista nedense sortearase ás 19:45h
- Degustación de produtos do Centro de Transformación Agroalimentaria A Fusquenlla. Durante todo o día.
- Xeoparque do Cabo Ortegal: “Unha ollada ás rochas que pisamos”. Charlas ofrecidas cada hora polo Doutor en Xeoloxía Fran Canosa. Sen inscrición.
14:00 e 19:30h Sorteo de ramos e centros florais da XXVII Feira da Plantación
As rifas entregaranse con cada compra. Haberá que depositalas na urna situada na carpa principal. Os sorteos serán presenciais ata que apareza a persoa premiada.
Actuación ao longo da xornada do grupo Trío Detrés. Na feira tamén haberá un espazo para xantar a prezos populares. Outra opción é acudir a algún dos restaurantes do concello. Nese caso recoméndase reservar mesa, sobre todo nos dous que quedan máis preto do evento.
20:00h Clausura da XXVI Feira da Plantación
Todas as persoas que acudan á feira poderán levar de agasallo unha bolsiña con plantas ornamentais, gracias á colaboración da empresa local Vivergal S.L.