Bonos de innovación para pequenas e medianas empresas cuxa actividade se enmarca nas prioridades estratéxicas da RIS3, para o ano 2024 (IN848F)

0

Axudas da Axencia Galega de Innovación dirixidas ás microempresas, pequenas e medianas empresas galegas (pemes) destinadas ao financiamento de Bonos de innovaciónNesas axudas diferéncianse tres tipos de bonos de que se agrupan nas seguintes liñas:

Liña 1. Bonos para servizos de apoio á innovación, para o financiamento das actividades destinadas á protección da innovación, xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica, así como accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos.

Liña 2. Bonos para xestión do financiamento da innovación, para a subvención dos custos de actividades de xestión, contratadas cos axentes da innovación, encamiñadas ao:

Tipo A. Tramitación de incentivos fiscais á I+D+i e bonificacións na Seguridade Social de persoal investigador.

Tipo B. Tramitación de novas solicitudes de financiamento a propostas de I+D+i en convocatorias de axudas estatais.

Persoas beneficiarias: Microempresas, pequenas e medianas empresas, así como as entidades do terceiro sector de acción social, validamente constituídas no momento da presentación da solicitude, con domicilio social ou un centro de traballo en Galicia, onde deberán desenvolver as actividades para as que solicitan a axuda.

Bonos

Persoas beneficiarias

Liña 1. Servizos de apoio á innovación

Microempresas e pequenas empresas.

Entidades do terceiro sector de acción social con actividade económica e categoría de peme.

Liña 2. Xestión do financiamento da innovación

Microempresas, pequenas e medianas empresas.

Entidades do terceiro sector de acción social con actividade económica e categoría de peme

Exclusións:

1. Quedan excluídos da presente convocatoria e non poderán adquirir a condición de persoas beneficiarias desta axuda:

a) As pemes en crise conforme a definición contida no artigo 2.4 desta convocatoria.

A Axencia Galega de Innovación realizará as comprobacións necesarias para garantir que as empresas beneficiarias teñen a condición de peme, e que se cumpren as condicións establecidas no artigo 2.18 do Regulamento (UE) nº 651/2014, do 17 de xuño, da Comisión, para considerar unha empresa en crise.

b) As pemes nas cales concorra algunha das prohibicións recollidas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, nin aquelas que estean suxeitas a unha orde de recuperación pendente tras unha decisión previa da Comisión Europea que teña declarado unha axuda ilegal e incompatible co mercado común.

c) As asociacións, as fundacións e, en xeral, as entidades sen ánimo de lucro. A excepción das entidades do terceiro sector de acción social de conformidade coa definición do artigo 2.

d) As entidades e sociedades públicas con personalidade xurídica propia vinculadas ou dependentes das administracións públicas, así como aquelas pertencentes á Administración institucional, calquera que sexa a Administración na que se integren.

e) Calquera ente, organismo ou entidade con personalidade xurídica propia, que se teñan creado especificamente para satisfacer necesidades de interese xeral que non teñan carácter industrial ou mercantil, sempre que un ou varios suxeitos pertencentes ao sector público financien maioritariamente a súa actividade, controlen a súa xestión, ou nome en máis da metade dos membros do seu órgano de administración, dirección ou vixilancia, de acordo co establecido no artigo 3.1 da Lei 9/2017, do 8 de novembro, de contratos do sector público.

2. De xeito específico quedan excluídas:

a) Para a liña 1, bonos para servizos de apoio á innovación:

As pemes que resultasen beneficiarias da liña 1 no programa de bonos de innovación do ano 2023 (Resolución do 18 de xaneiro de 2023, DOG núm. 28, do 9 de febreiro de 2023), e non presentasen renuncia expresa a esta con posterioridade a súa resolución de concesión.

As pemes que resultasen beneficiarias dunha axuda no programa Innovapeme na súa convocatoria do ano 2022 (Resolución do 4 de abril de 2022, DOG núm. 73, do 18 de abril), e non presentasen renuncia expresa á mesma con posterioridade a súa resolución de concesión.

As pemes que resultasen beneficiarias dunha axuda da convocatoria Deseñapeme e Innovapeme 2023 (Resolución do 29 de xuño de 2023, DOG núm. 132, do 12 de xullo, respectivamente).

b) Para a liña 2, bonos para a xestión do financiamento da innovación:

As pemes que resultasen beneficiarias dunha axuda no programa Innovapeme na súa convocatoria do ano 2022 (Resolución do 4 de abril de 2022, DOG núm. 72, do 18 de abril), e non presentasen renuncia expresa a esta con posterioridade á súa resolución de concesión.

As pemes que resultasen beneficiarias dunha axuda da liña 2 Innovapeme da convocatoria Deseñapeme e Innovapeme 2023 (Resolución do 29 de xuño de 2023, DOG núm. 132, do 12 de xullo), e non presentasen renuncia expresa á mesma con posterioridade a esta resolución de concesión.

c) As pemes vinculadas ou asociadas e/ou pertencentes ao mesmo grupo empresarial, que sexan beneficiarias simultaneamente na presente convocatoria na mesma liña. Neste caso, as pemes beneficiarias deberán determinar cal é o expediente que continúa no procedemento. En caso de que non se indique, excluiranse as segundas e sucesivas solicitudes, segundo a orde de entrada, de empresas vinculadas, asociadas, ou do mesmo grupo empresarial.

Condicionantes:

  • As axudas concedidas pola Axencia Galega de Innovación ao abeiro desta convocatoria serán compatibles coa percepción doutras axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público ou privado, nacional ou internacional, salvo que se superen as intensidades máximas de axuda establecidas no Regulamento (UE) nº 651/2014 que se indican, que teñen a consideración de intensidade máxima.

Actuacións subvencionables:

1. Serán subvencionables os custos de contratación de servizos externos efectuados desde a data de presentación da solicitude e ata o 15 de outubro de 2024.

2. De acordo co artigo 6 do Regulamento (UE) nº 651/2014, considerarase que as axudas teñen un efecto incentivador. O comezo da actuación terá como data mínima de inicio a data de solicitude, polo que calquera actividade ou investimento terá que ser executada con posterioridade á solicitude.

3. As actuacións deberán enmarcarse nalgún dos ámbitos de prioridade da Estratexia de Especialización Intelixente (RIS3) de Galicia 2021-2027 recollidos no anexo VIII desta convocatoria.

Conceptos de gasto que se subvencionan:

1. Os gastos que se subvencionan deberán respectar o establecido nesta convocatoria

e serán exclusivamente custos directos. Estarán directa e inequivocamente relacionados coas accións que se subvencionan e cuxo nexo poida demostrarse.

2. Só se admitirán aqueles gastos que fosen realizados e pagados nos períodos temporais establecidos para cada unha das liñas de axuda. A contratación e prestación do servizo subvencionado terá que facerse no antedito período temporal segundo o artigo 25.1.

3. Os conceptos de gasto agruparanse por liña do seguinte modo:

a) Liña 1:

i. Custos da protección do coñecemento da innovación industrial nas empresas.

ii. Custos de xestión da innovación e vixilancia tecnolóxica.

iii. Custos das accións estratéxicas para desenvolver novos produtos, procesos e servizos.

b) Liña 2:

i. Tipo A, custos da tramitación de incentivos fiscais á I+D+i e bonificacións de persoal investigador. Serán custos subvencionables tanto os relativos á entidade certificadora acreditada por ENAC, como os relativos a servizos de consultoría ou profesionais, de ser o caso, necesarios para a tramitación da solicitude do informe motivado relativo e dos certificados obligatorios emitidos polas entidades acreditadas por ENAC.

ii. Tipo B, custos da tramitación de novas solicitudes de propostas de I+D+i en convocatorias de axudas estatais. Serán subvencionables os custos por parte de profesionais dos ámbitos de consultoría e estratexia de innovación que elaboren a documentación e tramitación destas actuacións unicamente no referente á solicitude das ditas axudas, non incluíndo a xestión posterior en caso de aprobación ou negociación co organismo ao cal se presentou a solicitude.

4. No suposto de que o importe do IVE non sexa recuperable, poderá ser considerado un gasto subvencionable. Neste caso deberase presentar un certificado relativo á situación da entidade con respecto ao IVE.

5. En ningún caso poderá concertar a persoa beneficiaria a execución total ou parcial das actividades, ou prestación de servizos que se subvencionan con:

a) Persoas ou entidades incursas nalgunha das prohibicións do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Persoas ou entidades que percibisen outras subvencións para a realización da actividade obxecto de contratación.

c) Intermediarios ou asesores nos que os pagamentos se definan como unha porcentaxe de custo total da operación, agás que o dito pagamento estea xustificado con referencia ao valor de mercado do traballo realizado ou dos servizos prestados.

d) Persoas ou entidades vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial coa persoa beneficiaria, segundo o establecido na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Se empresas vinculadas, asociadas e/ou do mesmo grupo empresarial participan como entidades contratadas, como provedores, provedores de servizos ou dalgunha outra forma, a súa actividade non será subvencionable.

e) Persoas ou entidades solicitantes de axuda ou subvención na mesma convocatoria e programa que non obtivesen subvención por non reunir os requisitos ou non alcanzar a valoración suficiente.

Prazo de solicitude: ata o 23/02/2024.

Tipoloxía: axudas en concorrencia competitiva a fondo perdido.

Cantidade:

1. As axudas concederanse en forma de subvención non reembolsable, determinarase sobre o investimento total elixible e será conforme os límites de intensidade previstos no artigo 28 do Regulamento (UE) nº 651/2014.

2. A contía máxima da axuda que pode ser concedida a cada persoa beneficiaria será con carácter xeral, do 70 %, tendo en conta as seguintes condicións:

a) Na liña 1:

i. O investimento subvencionable será, como mínimo, de 15.000 € e dun máximo de 50.000 €.

ii. Os custos de protección de coñecemento terán, en todo caso, unha subvención máxima do 50 %.

b) Na liña 2, a subvención para cada bono será dun máximo de 5.000 €.

3. No caso de que a entidade teña recibido, ou teña en execución, axudas para servizos de asesoramento e apoio en materia de innovación superiores a 220.000,00 € nos últimos tres anos naturais (incluído o ano da presente convocatoria), a intensidade de axuda estará limitada ao 50 % dos custos subvencionables para estes servizos, de conformidade co artigo 28.4 do Regulamento UE nº 651/2014. Para estes efectos, teñen a consideración de servizos de asesoramento e apoio en materia de innovación todos os custos que se relacionan no artigo 7 desta resolución, a excepción dos custos da protección do coñecemento (artigo 7.4.c.I).

Enlace á normativa

Share.