Axudas para actuacións de corrección de impactos paisaxísticos destinadas a persoas físicas (MT402A)

0

Obxectivo: A corrección de impactos paisaxísticos, todo isto en congruencia cos valores paisaxísticos recollidos no Catálogo das paisaxes de Galicia e os obxectivos e criterios que expresan as directrices de paisaxe de Galicia.

Persoas beneficiarias:

  • As persoas físicas titulares dun inmoble ou ben sobre o cal pretendan realizar algunha/s das actuacións subvencionables.

  • A persoa solicitante deberá ser propietaria do terreo, inmoble ou ben en que se pretende realizar as actuacións e deberá acreditar a súa plena dispoñibilidade, como mínimo, durante o período en que se manteñen as obrigas que asume o beneficiario.

Condicionantes:

  • Serán compatibles coa percepción doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, para o mesmo obxecto e finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, estatais ou de organismos internacionais, pero o seu importe en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos doutras administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo da actuación subvencionada.

Actuacións subvencionables

  1. Actuacións de restauración e/ou revestimento de elementos de fachada:

    1. Revestimento de paramentos que actualmente están rematados con materiais ou solucións construtivas que poidan resultar inadecuadas para quedar vistas, como podería ser a fábrica de ladrillo, de bloques de formigón, o formigón ou morteiro de cemento.

    2. Eliminación de elementos adxacentes e/ou a renovación do acabado dos paramentos cegos de fachadas, carpintarías ou cerrallarías exteriores, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia dunhas inadecuadas características construtivas, do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou da intensidade da actual cor de acabado.

    3. Considérase deficiente estado de conservación aquel en que se encontren os elementos de fachada como consecuencia de patoloxías construtivas tales como descascados, humidades ou manchas permanentes, quedando EXCLUIDAS de forma expresa as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.

    4. Actuacións sobre fachadas de cachotaría ou cantaría que precisen a aplicación ou renovación dos morteiros de rexuntamento.

    5. Queda expresamente EXCLUÍDA de subvención, con carácter xeral, a substitución de carpintarías e cerrallarías exteriores, así como o picado de recebos existentes en fachadas de cachotaría para deixar vista a pedra.

    6. Considerarase unha ÚNICA EXCEPCIÓN en relación coa substitución de carpintarías e elementos de cerrallaría: poderá considerarse a subvención da actuación cando se trate de actuacións sobre arquitecturas tradicionais, nas cales se propoña a renovación de elementos orixinais de inviable reparación ou a substitución de elementos instalados posteriormente e pouco adecuados aos valores arquitectónicos da edificación ou construción.

  1. Remate, renovación e/ou substitución do acabado exterior de cubertas:

    1. Cubertas das edificacións están en deficiente estado de conservación ou presentan solucións construtivas ou materiais de acabado que poderían ser considerados como inadecuados. Poderá ser subvencionable a substitución de cubertas de placas de fibrocemento e/ou doutros materiais, así como a eliminación de elementos adxacentes discordantes cos valores paisaxísticos do contorno onde se sitúa a edificación.

    2. Considéranse incluídas entre as actuacións subvencionables as unidades de obra imprescindibles para o soporte (non estrutural), remate ou renovación das cubertas. Queda EXCLUÍDA de forma expresa a renovación de elementos estruturais (soportes, vigas, pontóns…) así como as deficiencias estéticas que se resolvan con labores de limpeza.

    3. Para o novo acabado exterior das cubertas daquelas edificacións situadas en contornos rurais empregarase preferentemente tella cerámica, lousa ou cuarcita natural (en función do material tradicional da comarca), aínda que se poden empregar outros materiais e solucións acordes coas características arquitectónicas da edificación, autorizables.

    4. Queda expresamente EXCLUÍDA de subvención a substitución de cubertas de tella cerámica ou lousa por outras solucións con outros materiais de acabado.

  1. Recuperación, restauración e/ou revestimento de muros de peche de terreos:

    1. Revestimento de muros de peche executados con fábrica de ladrillo ou bloques de formigón, sen revestir.

    2. Redución da altura dos citados muros, mediante a supresión de fileiras de bloques ou de elementos prefabricados de formigón como celosías ou balaustradas, así como a eliminación de elementos adxacentes discordantes cos valores paisaxísticos do contorno.

    3. Poderá ser obxecto de axuda o pintado das portas, portais ou cerrallarías exteriores integradas nos peches de parcelas, que supoñan un impacto paisaxístico como consecuencia do deficiente estado de conservación ou da tonalidade e/ou a intensidade da actual cor de acabado. Queda expresamente EXCLUÍDA de subvención a substitución destas carpintarías e cerrallarías.

    4. Actuacións destinadas á recuperación, restauración ou arranxo de muros de pedra tradicionais.

    5. NON SERÁ SUBVENCIONABLE, para completar os paramentos destes muros de cachotaría ou cantaría tradicional vistas, a execución de chapados de pedra ou outros revestimentos, agás os recebos de morteiro tradicionais.

Gastos subvencionables:

  1. Gastos necesarios para a adecuada execución das actuacións subvencionadas, tales como, entre outros, os materiais e a man de obra.

  2. Gastos correspondentes a honorarios facultativos devindicados pola redacción dos proxectos técnicos precisos para a execución das actuacións, así como pola dirección facultativa das obras e o custo dos estudos necesarios para a súa realización. Estes custos xerais asociados aos investimentos que se efectúen non poderán superar o 10 % do investimento subvencionable.

  3. Os tributos serán gasto subvencionable cando a persoa beneficiaria da subvención os aboe efectivamente. EN NINGÚN CASO se subvencionarán os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación, nin os impostos persoais sobre a renda.

En NINGÚN CASO SERÁN SUBVENCINABLES:

a) Os gastos correntes de funcionamento da persoa beneficiaria.

b) Equipamento e materiais non funxibles de segunda man.

c) Actuacións de mantemento que se realicen periodicamente para manter o recurso ou o elemento sobre o cal se propón a actuación en perfecto uso ou estado.

En ningún caso serán obxecto de subvención os gastos de xuros debedores en contas bancarias, os xuros, as recargas e as sancións administrativas e penais, nin os gastos dos procedementos xudiciais.

Prazo de solicitude: ata o 17/02/2024.

Tipoloxía: Axudas a fondo perdido e sen concorrencia competitiva

Cantidade: A contía máxima será do 70 % do orzamento do investimento subvencionable (orzamento aceptado polo Instituto de Estudos do Territorio tendo en conta o valor de mercado), co límite máximo de 3.000,00 € por solicitante e ben.

Enlace á normativa

Share.