Comunicación

Ademais desta web institucional, o Concello tamén dispón doutras canles informativas a través das que estar ao tanto da actualidade municipal. Unha das principais é o boletín Novas, que se publica cada mes ou mes e medio -dependendo da cantidade de contidos que cumpra trasladarlle á cidadanía- e que se distribúe de forma gratuíta por todos os domicilios de San Sadurniño. O boletín recolle, principalmente, información de axenda, convocatorias e liñas de subvencións de interese, xa sexan municipais ou doutros organismos. Por outra banda, o Novas está aberto ás entidades que queiran  publicitar as súas actividades e mesmo ás empresas de nova creación que se queiran dar a coñecer.

Para incluír contidos neste boletín abonda con enviar un correo a correo@sansadurnino.gal

É importante que cando se envíen informacións para publicar se inclúan algúns datos imprescindibles. No caso de eventos ou actividades organizados por asociacións: nome do evento/actividade, unha pequena descrición, a data, os horarios, os prezos e as datas límite de inscrición, se os houbese. Tamén é de axuda enviar o cartel ou algunha fotografía referencial. Deste xeito o Concello poderá publicar a actividade no Novas e noutros soportes, como a web, o facebook, o twitter ou como previsión informativa para os medios comarcais. Desta maneira todo o que se organice no territorio terá moita maior difusión. Se tes unha empresa ou un pequeno negocio que está empezando, podes facernos chegar un pequeno texto explicándonos o que fas e os teus datos de contacto,  acompañados dunha foto e do teu logo se o tes.

Boletíns Novas do último ano en pdf
Boletín Novas nº 135 – Febreiro 2023
Boletín Novas nº 134 – Decembro 2022 / Xaneiro 2023
Boletín Novas nº 133 – Outubro/Novembro 2022 (Especial Orzamento participativo)
Boletín Novas nº 132 – Outubro/Novembro 2022
Boletín Novas nº 131 – Agosto/Setembro 2022
Boletín Novas nº 130 – Xuño/Xullo 2022
Boletín Novas nº 129 – Abril/Maio 2022
Boletín Novas nº 128 – Febreiro/Marzo 2022

Identidade gráfica
Outro aspecto referido á comunicación municipal é a identidade gráfica deseñada para representar a imaxe do Concello en publicacións, papelería e outros contidos visuais. Trátase do logo do carballo de 7 follas -unha por cada parroquia- cun tronco que representa tanto o Castelo de Naraío como o torreón da casa consistorial. Ao pé desta árbore encóntranse dúas ondas, representativas á súa vez dos dous ríos que sucan San Sadurniño, o Xubia e mailo Castro.

Información importante sobre o uso dos logos municipais: As distintas versións do logo en formato .psd (Photoshop) poden descargarse desde esta ligazón e son de uso obrigatorio na publicidade de eventos nos que colabora o Concello. A este respecto cómpre lembrar que se deben respectar as aplicacións de cores ou branco e negro. Non están permitidas variacións en cores distintas (amarelos, azuis, etc.) e é obrigatorio manter a proporción do logo, que non se debe estirar nin achatar para acomodalo a un deseño, senón que cómpre redimensionalo coa mesma proporción de largo e alto. Tampouco se poden dividir os elementos que o compoñen nin  usar a imaxe en soportes que non respondan aos seguintes casos: cartelaría e papelería municipal, cartelaría e publicidade de entidades beneficiarias de axudas ou convenios e calesquera outras que conten coa autorización municipal previa.

Nas redes sociais
Outros medios de comunicación imprescindibles na actualidade son os que ofrecen as redes sociais. San Sadurniño conta con perfís  institucionais en FacebookTwitter (@concellosansa) e Instagram pero, ademais, tamén dispón dunha canle propia en youtube á que se suben videos producidos polo Concello e outra na plataforma ivoox, onde se poden escoitar as gravacións dos plenos municipais.

Listas de reprodución en youtube e iVoox

Máis en internet
Xunto coas canles principais, hai outros servizos e iniciativas municipais que dispoñen de sitios de seu na Rede. É o caso da web colaborativa falamedesansadurnino.org, que xunta nun mesmo espazo videos, documentos escritos, fotografías e audios que repasan o pasado e o presente do noso Concello. O proxecto dispón dun podcast en ivoox, presenza en twitter (@falamedesansa), comunidade en Facebook e canle en youtube.

A Biblioteca municipal conta con dous lugares de referencia en Internet: a súa páxina en Facebook e unha web específica na Rede Meiga.

A Oficina de Orientación laboral tamén comunica a través de Facebook , igual que o Departamento de Igualdade, que posúe un perfil nesta rede social co título de San Sadurniño en Igualdade.