As subvencións para contribuír ao uso da madeira como elemento estrutural mediante as seguintes liñas de apoio:
– Liña 1.1 (MR502B): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivendas en altura, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
– Liña 1.2 (MR502D): axudas á redacción de proxectos de construción nova, rehabilitación ou reforma de vivendas unifamiliares que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
– Liña 2.1 (MR502F): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivendas en altura, naves e establecementos de negocio que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
– Liña 2.2 (MR502G): axudas á utilización de produtos de madeira en obra nova, rehabilitación ou reforma de vivendas unifamiliares que empreguen produtos de madeira como elementos estruturais.
Persoas beneficiarias
Para as liñas 1.1 e 2.1: as comunidades de montes veciñais en man común (CMVMC) e as pequenas e medianas empresas, incluídas as persoas autónomas, que conten con domicilio social ou cun centro de traballo radicado en Galicia, e as cooperativas, asociacións, organizacións, fundacións e entidades sen ánimo de lucro.
Para as liñas 1.2 e 2.2: as persoas físicas, sexa de xeito individual ou unha pluralidade delas, que residan en Galicia.
Actuacións subvencionables
Configúranse como conceptos de gastos subvencionables para cada unha das liñas de apoio os seguintes:
– Liñas 1.1 e 1.2:
• Custos dos honorarios técnicos de redacción dos proxectos técnicos e proxectos de edificación correspondentes ás actuacións subvencionables. Os proxectos de obras de
edificación poderanse redactar nunha única fase ou dividirse en proxecto básico e proxecto de execución.
– Liñas 2.1 e 2.2:
• Custos correspondentes aos produtos de madeira ou derivados da madeira e a súa colocación con finalidade estrutural, dos sistemas de compartimentación, envolvente e acabamentos, excluíndo os das carpintarías interiores, pavimentos interiores e acabamentos interiores.
Os investimentos tanxibles e/ou intanxibles deberán ser bens novos.
Non se considerarán subvencionables en ningunha das liñas:
a) O imposto sobre o valor engadido que sexa recuperable conforme a normativa nacional, así como os impostos de natureza similar que sexan recuperables conforme a normativa nacional, sen prexuízo do establecido para os instrumentos financeiros.
b) Taxas de permisos ou licenzas.
c) Custo do visado colexial.
d) Custos dos honorarios técnicos correspondentes á redacción do anteproxecto, á dirección de execución, á dirección de obra ou á coordinación da seguridade e saúde en fase de execución.
e) Os demais que se recollen no artigo 29.7 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
Prazo de solicitude: ata o 02/05/2024.
Cantidade: O importe máximo de subvención total acumulada por beneficiario será de 70.000,00 euros para aquelas persoas beneficiarias das liñas 1.1 e 2.1, e poderá chegar ata os 120.000,00 euros no caso de edificación en altura con madeira e de 45.000,00 euros para aquelas persoas beneficiarias das liñas 1.2 e 2.2.