Programa Nova oportunidade das persoas traballadoras autónomas para o ano 2024 (TR790A)

0

Axuda para as persoas traballadoras autónomas que cesaron na súa actividade e van volver emprender un negocio como persoas traballadoras autónomas e son demandantes de emprego no momento previo á nova alta como persoa traballadora autónoma. A súa finalidade é facilitar a volta á actividade económica á persoa emprendedora a quen lle foi mal no seu anterior negocio pero ten a experiencia práctica e a iniciativa de volver emprender, no mesmo ou diferente sector.

Persoas beneficiarias:

1. Serán beneficiarias destas axudas as persoas autónomas que teñan sido autónomas con anterioridade, que queren volver emprender, e cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter causado alta no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, no período do 31 de outubro de 2023 ao 30 de outubro de 2024, e atoparse de alta no momento da solicitude.

b) Ter a última alta no RETA antes desta nova alta, dentro dos últimos 3 anos desde a data da publicación desta orde.

c) Ter cotizado anteriormente a esta nova alta polo menos durante 3 meses ininterrompidos na súa vida laboral no réxime especial de traballadores autónomos (RETA) ou en calquera outro réxime especial por conta propia da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

d) Estar inscrita como persoa demandante de emprego nos servizos públicos de emprego con carácter previo á nova alta e carecer de ocupación efectiva, non ter contrato laboral en vigor e atoparse en tal situación na data inmediatamente anterior á de inicio da actividade laboral, mantendo a alta no RETA no momento da tramitación e durante un tempo mínimo de 24 meses desde a nova alta.

e) Transcorrer un período mínimo de seis meses entre a nova alta na Seguridade Social e a anterior baixa.

f) Ter o domicilio fiscal en algún concello de Galicia, con anterioridade á nova alta, e desenvolver a súa nova actividade económica ou profesional en Galicia.

g) Ter iniciada a actividade con anterioridade á presentación da solicitude de subvención.

h) Ter dado a baixa no imposto de actividades económicas da actividade precedente.

2. As persoas traballadoras autónomas ou por conta propia poderán ser beneficiarias das axudas deste programa cando formen parte de comunidades de bens, sociedades civís ou outras entidades sen personalidade xurídica de nova creación, sempre que as soliciten a título persoal. Neste caso, a entidade deberá estar constituída previamente á presentación da solicitude e, en todo caso, con data posterior ao 31 de outubro de 2023.

3. Quedan excluídas das axudas reguladas nesta orde as persoas traballadoras autónomas que xa foran beneficiarias con anterioridade desta axuda (TR790A), así como as persoas traballadoras autónomas membros de entidades de economía social e as persoas autónomas administradoras que non acrediten participación na empresa ou negocio. Tamén quedan excluídas as persoas autónomas colaboradoras e os membros das sociedades mercantís e sociedades laborais.

Condicionantes:

  • Esta axuda será incompatible coas axudas á promoción do emprego autónomo (TR341D) convocadas para o exercicio 2023 e para o exercicio 2024 coas axudas do programa Emega (SI429A), convocadas para o exercicio 2024, coas axudas do Programa I de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais (TR802G) do programa Aprol-Economía social convocadas para o exercicio 2024, e co programa de incentivos ás IEBTs (TR340E).

  • Esta axuda tamén será incompatible coa orde de promoción do autoemprego das persoas galegas retornadas (PR937A) para os exercicios 2023 e 2024 e compatible co Programa II: fomento do acceso á condición de persoa socia (TR802J) do programa Aprol-Economía social.

  • Pola outra banda, as axudas previstas nesta orde serán incompatibles coas axudas que polos mesmos conceptos e gastos poidan outorgar as administracións públicas, agás as outorgadas polo Igape dentro do programa Re-Acciona para o ano 2024, coas que si serán compatibles.

Actuacións subvencionables: O aboamento das subvencións reguladas nesta orde realizarase polo 100 % do importe da axuda concedida, unha vez comprobados os requisitos exixidos, en concreto, os referidos as débedas coa Axencia Tributaria do Estado, coa Axencia Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social e a documentación exixida no artigo 14 desta orde (acreditación de baixa na actividade precedente e posta en marcha da actividade actual) ; o cumprimento do resto dos requisitos acreditarase na solicitude mediante a declaración responsable emitida baixo a súa responsabilidade e sen prexuízo da comprobación do seu cumprimento con posterioridade á resolución de concesión; en función desa declaración responsable resolverase a concesión da axuda e procederase ao seu pagamento no número de conta, con inclusión do IBAN, indicado na solicitude.

Prazo de solicitude: ata o 31/10/2024.

Tipoloxía: axudas a fondo perdido sen concorrencia competitiva.

Cantidade: Será dunha contía de 7.500 € dirixida ás persoas que cumpran os requisitos, contía que se incrementará en 500 € no caso de que a beneficiaria sexa unha muller.

Enlace á normativa.

Share.