Convocatoria para apoiar proxectos con fins de aforro enerxético e fomento do uso racional das enerxías renovables. Os proxectos limitaranse a instalacións para a xeración de electricidade mediante paneis solares fotovoltaicos en réxime de autoconsumo.
Condicionantes: As subvencións concedidas ao abeiro destas bases reguladoras serán incompatibles con outras axudas, subvencións ou recursos destinados á mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos ou privados, nacionais, da Unión Europea ou de organismos internacionais.
Persoas beneficiarias:
- As entidades locais de Galicia e entidades dela dependentes.
- As entidades sen ánimo de lucro.
- Empresas legalmente constituídas e autónomos; incluídas as empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía e que o obxecto destes contratos de servizos sexa a consecución de aforro económico derivado dun menor consumo de enerxía.
Actuacións subvencionables:
- Os paneis solares fotovoltaicos.
- O acondicionamento da enerxía eléctrica (inversores, convertedores, reguladores, cadros eléctricos, elementos de interconexión, proteccións, cablaxe, equipamentos de medidas e outros equivalentes), monitorización (sensores, adquisición de datos, comunicación remota e outros equivalentes) e sistema de acumulación con baterías que non sexan de plomo ácido.
- O resto de accesorios da instalación para o correcto funcionamento do sistema.
- O custo de montaxe e conexionado.
- O IVE (administracións locais ou cando non sexa recuperable)
Investimentos NON SUBVENCIONABLES:
- Os proxectos que non cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos nos artigos 6 e 7 destas bases reguladoras.
- Non se admitirán no orzamento partidas alzadas, todas as partidas deberán levar as súas correspondentes medicións.
- O IVE (imposto sobre o valor engadido), excepto cando non sexa recuperable e excepto nas administracións locais.
- Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible en xeral.
- As obras de mantemento.
- A obra civil non asociada á instalación dos equipamentos nin os gastos de legalización.
- Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man e os recollidos con tal carácter no artigo 29 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.
- As instalacións/equipamentos que xa fosen obxecto de subvención anteriormente; tampouco serán subvencionables as ampliacións de instalacións fotovoltaicas que xa foron obxecto de axuda do Inega en anos anteriores.
A contía concedida por cada proxecto pode chegar aos 50.000 euros, cunha intensidade máxima das seguintes porcentaxes:
Beneficiarias | Porcentaxe máxima de axuda |
Entidades locais | 60% |
Entidades xurídicas sen ánimo de lucro (que non realicen actividade económica) | 60% |
Empresas, as súas agrupacións e asociacións, así como entidades sen ánimo de lucro que realicen actividade económica. No caso de pequenas empresas a axuda incrementarase en 20 puntos porcentuais e no caso de medianas empresas en 10 puntos porcentuais | 20% |
Prazo de solicitude: ata o 19/04/2024.
Tipoloxía: axudas en concorrencia competitiva a fondo perdido