As actuacións en materia de Medio Ambiente son transversais a todas as áreas. San Sadurniño, como concello suscritor da Carta de Aalborg e comprometido coa Axenda 21 Local, ten asumido o avance cara a unha administración que aposte pola sustentabilidade, tanto na conservación de contornos públicos como nas propias medidas que pode adoptar o Concello para reducir a súa pegada ambiental.
No primeiro caso, o da preservación de espazos públicos, San Sadurniño ten en marcha un completo programa de conservación -e ampliación- das áreas para o lecer con valor ambiental, como son os parques, o arboredo e o paseo do Xubia, as áreas de descanso e as rutas de sendeirismo.
Pero, ademais, o Concello tamén aposta pola redución, a reutilización e a reciclaxe do lixo con programas como o de compostaxe caseira ou o denominado “porta por porta”, que se está levando a cabo nas zonas máis distantes -e tamén elevadas- con respecto ao centro urbano. O obxectivo destes programas é reducir ao mínimo o peso da materia orgánica (que no resto de Galicia supón o 40% da bolsa do lixo) para reducir tamén o custe do tratamento. A compostaxe e o porta por porta complétanse con puntos de recollida de aceites de cociña e tamén co programa de depósito de roupa usada en colaboración con Cáritas.
Noutra liña de traballo, o Concello tamén avoga por baixar a súa pegada de carbono na atmosfera por medio da adopción de medidas de eficiencia enerxética. Para iso estanse substituíndo pouco a pouco os sistemas de alumeado tradicionais por outros que gasten menos e tamén se traballa na optimización dos consumos con dispositivos redutores ou, simplemente, botando man de subministradoras que garanten enerxía procedente de fontes 100% renovables.