Axudas destinadas á mellora das estruturas de produción das explotacións agrarias para o ano 2024 (MR404A, MR404B, MR405D, MR405E, MR405F e MR405G).

0

Axudas destinadas á mellora das estruturas de produción das explotacións agrarias en Galicia para o ano 2024 incluíndo intervencións contidas no Plan estratéxico da política agraria común de España 2023-2027 (PEPAC).

Persoas beneficiarias:

  • Sen prexuízo do previsto no capítulo III, en todo caso, as persoas beneficiarias deberán cumprir os requisitos establecidos no artigo 10.2 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

  • Así mesmo, as persoas beneficiarias deberán dispor dunha contabilidade específica Feader.

Condicionantes:

  • As axudas reguladas por esta resolución serán compatibles con calquera outra axuda que co mesmo fin concedan outras administracións públicas, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, sen prexuízo do establecido e en relación coa incompatibilidade destas axudas con calquera outra cofinanciada con fondos europeos do Feader, artigo 36 do Regulamento (UE) nº 2021/2116, do 2 de decembro de 2021, sempre que a contía das axudas acumuladas non supere o 100 % do gasto subvencionable.

  • No marco do Feader, unha operación unicamente poderá recibir distintas formas de apoio do Plan estratéxico da PAC e doutros fondos mencionados no artigo 1.1 do Regulamento (UE) 2021/1060 ou de instrumentos da Unión, se o total acumulado das axudas concedidas en virtude das diferentes formas de apoio non supera a intensidade máxima de axuda ou o importe máximo de axuda aplicables a ese tipo de intervencións a que se refire o título III do Regulamento (UE) 2021/2115.

Actuacións subvencionables: Só serán elixibles os investimentos que se realicen con posterioridade á data de presentación da solicitude, agás os gastos xerais dos proxectos. Inclúense obras e/ou instalacións fixas, cando exista un certificado do técnico competente da Consellería do Medio Rural en que se faga constar o non inicio destas.

Convócanse para o exercicio orzamentario 2024, con carácter plurianual, as seguintes axudas:

a) MR404A Establecemento de persoas agricultoras mozas.

b) MR404B Establecemento de novos agricultores.

c) MR405D Axudas a investimentos produtivos en explotacións agrarias vinculadas a contribuír á mitigación-adaptación ao cambio climático e uso eficiente dos recursos naturais. Explotacións agrarias.

d) MR405E Axudas a investimentos produtivos en explotacións agrarias vinculadas a contribuír á mitigación-adaptación ao cambio climático e uso eficiente dos recursos naturais. Pequenas explotacións.

e) MR405F Axudas a investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións. Explotacións agrarias.

f) MR405G Axudas a investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións. Pequenas explotacións.

Disposicións específicas

Procedementos MR405D e MR405E

Requisitos das persoas beneficiarias:

1. As persoas que desexen acceder ás axudas a investimentos produtivos en explotacións agrarias vinculadas a contribuír á mitigación-adaptación ao cambio climático e uso eficiente dos recursos naturais deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser titular/cotitular de explotación agraria inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia ou ben ser novo agricultor que se establece cun plan empresarial que inclúe actuacións en materia de mitigación-adaptación ao cambio climático e o ambiente, excepto no caso de persoa agricultora moza ou nova que solicita simultaneamente a axuda ao establecemento de persoas agricultoras mozas ou novas.

b) Ter polo menos 18 anos de idade, no caso de persoas físicas.

c) Ter capacitación profesional suficiente, o cal se acreditará segundo se establece no Decreto 200/2012, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, agás no caso de establecemento de persoas agricultoras mozas ou novas. As persoas xurídicas deberán acreditar que, polo menos, o 50 % das persoas socias posúe a capacitación suficiente.

d) Que a súa actividade principal sexa a agraria.

e) Exercer a actividade agraria na explotación, así como manter os investimentos cofinanciados durante 5 anos, desde o pagamento final ao beneficiario ou 3 anos no caso de mantemento de investimentos ou de postos de traballo creados por pemes.

f) A solicitude ten que ser viable economicamente.

g) Non ter ningún expediente da axuda da submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas do PDR de Galicia 2014-2020, sen presentar a súa solicitude de pagamento na data de publicación desta orde.

h) Non ter unha axuda concedida pola mesma intervención.

i) As comunidades de bens e as sociedades civís farán constar no anexo de solicitude os compromisos de execución asumidos por cada un dos seus membros, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles.

2. No caso de solicitantes do procedemento MR405D, deberán cumprir, ademais, que a explotación ten que ter unha dimensión suficiente que, como mínimo, se traducirá nunha renda unitaria de traballo igual ou superior ao 35 % da renda de referencia anual.

3. No caso de solicitantes do procedemento MR405E, deberán cumprir, ademais, ser pequena explotación e residir no concello onde se atopa a explotación ou en concellos limítrofes.

Investimentos elixibles:

a) Investimentos relacionados coa xestión eficiente de estercos e xurros (sistemas de almacenamento e/ou cubrición de almacéns de esterco ou xurro).

b) Investimentos en mellora da xestión e aproveitamento dos estercos e xurros:

a. Nitrificación-desnitrificación.

b. Separación sólido-líquido.

c. Compostaxe.

d. Dixestión anaerobia.

c) Investimentos en produción de enerxía renovable para uso exclusivo en autoconsumo na explotación: solar térmica, solar fotovoltaica, biomasa, eólica, aerotérmica ou xeotérmica.

d) Os custos xerais vinculados aos investimentos anteriores.

Nesta intervención non serán subvencionables os seguintes investimentos:

a) O IVE, as taxas, licenzas administrativas ou outros impostos.

b) Os xuros de débeda e os seus gastos.

c) Os xuros de demora, recargas, multas coercitivas e sancións administrativas e penais.

d) Os gastos de procedementos xudiciais.

e) A adquisición de terreos por un importe superior ao 10 % do custo total elixible.

Establécese o seguinte importe de investimento elixible mínimo:

a. Para o procedemento MR405D: 20.000 euros.

b. Para o procedemento MR405E: 5.000 euros.

Cantidade: O importe da axuda será do 40 % dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 75 % en función da aplicación dos seguintes criterios:

a) 10 % cando os investimentos sexan realizados por unha persoa que cumpra as condicións de persoa agricultora moza. Para que unha persoa xurídica poida ter esta bonificación, máis do 50 % das persoas socias deberán ser persoas mozas.

b) 10 % no caso de investimentos en zonas con limitacións naturais de montaña ou en Rede Natura 2000.

c) 10 % no caso de investimentos en explotacións de agricultura ecolóxica.

d) 5 % no caso de que a persoa titular da explotación sexa muller. Para que unha persoa xurídica poida ter esta bonificación, máis do 50 % das persoas socias deberán ser mulleres ou que as persoas socias mulleres acrediten máis do 50 % do capital social.

No caso de investimentos en explotacións intensivas, a axuda limitarase á porcentaxe de axuda base.

A contía máxima da axuda establécese en:

a) Para o procedemento MR405D: 40.000 euros.

b) Para o procedemento MR405E: 10.000 euros.

Procedementos MR405F e MR405G

Requisitos das persoas beneficiarias:

1. As persoas que desexen acceder ás axudas a investimentos en modernización e/ou mellora de explotacións agrarias deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ser titular/cotitular de explotación agraria inscrita no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, excepto no caso de persoa agricultora moza ou nova que solicita simultaneamente a axuda ao establecemento de persoas agricultoras mozas ou novas.

b) Ter polo menos 18 anos de idade, no caso de persoas físicas.

c) Ter capacitación profesional suficiente, o cal se acreditará segundo se establece no Decreto 200/2012, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, agás no caso de establecemento de persoas agricultoras mozas ou novas. As persoas xurídicas deberán acreditar que, polo menos, o 50 % das persoas socias posúe a capacitación suficiente.

d) Que a súa actividade principal sexa a agraria.

e) Exercer a actividade agraria na explotación, así como manter os investimentos cofinanciados durante 5 anos, desde o pagamento final ao beneficiario ou 3 anos no caso de mantemento de investimentos ou de postos de traballo creados por pemes.

f) A solicitude ten que ser viable economicamente.

g) Non ter ningún expediente da axuda da submedida 4.1 Apoio aos investimentos nas explotacións agrícolas do PDR de Galicia 2014-2020, sen presentar a súa solicitude de pagamento na data de publicación desta orde.

h) Non ter unha axuda concedida pola mesma intervención.

i) As comunidades de bens e as sociedades civís farán constar no anexo de solicitude os compromisos de execución asumidos por cada un dos seus membros, así como o importe de subvención que se vai aplicar por cada un deles.

2. No caso de solicitantes do procedemento MR405F, deberán cumprir, ademais, que a explotación ten que ter unha dimensión suficiente que, como mínimo, se traducirá nunha renda unitaria de traballo igual ou superior ao 35 % da renda de referencia anual.

3. No caso de solicitantes do procedemento MR405G deberán cumprir, ademais, ser pequena explotación e residir no concello onde se atopa a explotación ou en concellos limítrofes.

Investimentos elixibles:

1. Serán elixibles os investimentos materiais e inmateriais que supoñan unha mellora do rendemento global, a competitividade ou a viabilidade das explotacións. En particular:

a) A reforma ou construción de instalacións e compra de maquinaria que supoña una redución nos custos de produción ou un incremento da produtividade; o cumprimento de novas normas obrigatorias da Unión Europea; a mellora das condicións de seguridade laboral.

b) Compra de construcións agrarias en desuso.

c) Plantación e mellora de cultivos leñosos de aptitude froiteira (árbores e arbustos froiteiros).

d) A compra de terreos conforme o establecido no artigo 73.3.c) do Regulamento (UE) 2021/2115.

e) Os investimentos inmateriais asociados á realización dos investimentos materiais enumerados poderán comprender gastos xerais, licenzas de software u outros permisos.

Os investimentos para adaptarse a normas de obrigado cumprimento da Unión só serán subvencionables no período de gracia de 12-24 meses.

Nesta intervención non serán subvencionables os seguintes investimentos:

a) A compra de dereitos de produción agrícola.

b) A compra de dereitos de pagamento.

c) A compra de terras por un importe superior ao 10 % do gasto total elixible.

d) A compra de animais.

e) A compra de plantas anuais e a súa plantación.

f) O IVE, as taxas, licenzas administrativas ou outros impostos.

g) Os xuros de débeda e os seus gastos.

h) Os xuros de demora, recargas, multas coercitivas e sancións administrativas e penais.

i) Os gastos de procedementos xudiciais.

j) Os de simple substitución.

k) Os de segunda man.

l) Os de carácter forestal.

m) Os de transformación e comercialización.

3. Establécese o seguinte importe de investimento elixible mínimo:

a. Para o procedemento MR405F: 20.000 euros.

b. Para o procedemento MR405G: 5.000 euros.

Cantidade:

1. O importe da axuda será do 30 % dos custos elixibles, que poderá incrementarse ata un máximo do 65 % en función da aplicación dos seguintes criterios:

a) 10 % cando os investimentos sexan realizados por unha persoa que cumpra as condicións de persoa agricultora moza. Para que unha persoa xurídica poida ter esta bonificación, polo menos o 50 % das persoas socias deberán ser persoas mozas.

b) 10 % no caso de investimentos en zonas con limitacións naturais de montaña ou en Rede Natura 2000.

c) 10 % no caso de investimentos en explotacións de agricultura ecolóxica.

d) 5 % no caso de que a persoa titular da explotacións sexa muller. Para que unha persoa xurídica poida ter esta bonificación, máis do 50 % das persoas socias deberán ser mulleres ou que as persoas socias mulleres acrediten máis do 50 % do capital social.

No caso de investimentos en explotacións intensivas, a axuda limitarase á porcentaxe de axuda base.

2. A contía máxima da axuda establécese en:

a) Para o procedemento MR405F: 300.000 euros.

b) Para o procedemento MR405G: 75.000 euros.

Poderá destinarse, como máximo, un 30 % deste importe á adquisición de maquinaria agrícola.

Procedemento MR404A

As persoas que desexen acceder ás axudas para o establecemento de persoas agriculturas mozas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter entre 18 e 40 anos de idade, ambos incluídos.

b) Cumprir coas condicións necesarias para ser xefe de explotación por primeira vez ou tela cumprido nos 12 meses anteriores á solicitude da axuda (excepción para a incorporación nunha forma xurídica).

c) Cumprir a condición de agricultor profesional dentro dos 18 meses seguinte á data de establecemento.

d) A explotación en que se promove a instalación debe alcanzar unha renda unitaria de traballo igual ou superior ao 35 % da renda de referencia.

e) Posuír o nivel de capacitación profesional suficiente segundo se establece no Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia, no prazo máximo de 36 meses desde o momento do establecemento.

f) Presentar un plan empresarial co seguinte contido mínimo:

a. Unha descrición da situación inicial da explotación agraria, indicando as fases e os obxectivos concretos de desenvolvemento das actividades da nova explotación.

b. Unha descrición da situación unha vez realizado o plan de empresa, incluíndo, polo menos, os seguintes datos:

i. Superficie da explotación, especificando a superficie dos distintos cultivos, e cabezas de gando, por especies, e rendementos medios de cada actividade produtiva.

ii. Maquinaria, equipamentos, melloras territoriais e edificacións.

iii. Composición e dedicación da man de obra.

iv. Plan de produción, que incluirá información relativa á produción bruta de cada actividade produtiva, aos gastos de cada actividade produtiva e gastos fixos do conxunto da explotación.

v. Análise económica do proxecto. Esta análise incluirá: previsións económicas, estrutura de financiamento e rendibilidade.

vi. Actuacións que se van realizar.

c. Un plan de investimentos (información detallada sobre investimentos e prazos), se é o caso, en que se indiquen as melloras que se van realizar, establecendo o seu impacto no cambio climático (emisións de gases efecto invernadoiro, capacidade de adaptación), que inclúa medidas de aforro e eficiencia enerxética, consumo auga eficiente, etc., e no cal figure un estudo de impacto ambiental, no caso de que a normativa europea-estatal-autonómica así o require, prestando especial atención aos posibles impactos nas zonas incluídas na Rede Natura 2000.

d. Información detallada, se é o caso, sobre formación, asesoramento ou calquera outra medida necesaria para desenvolver as actividades da explotación agraria, incluíndo as relacionadas coa sustentabilidade ambiental e a eficiencia dos recursos.

g) Permanecer na actividade agraria durante un prazo de 5 anos desde o pagamento final da axuda.

h) Participar no programa de titorización a persoas agricultoras mozas que presta a Consellería do Medio Rural. O proceso de incorporación deberá ser tutelado polo persoal técnico agrario das oficinas rurais da Consellería do Medio Rural do ámbito territorial da área comarcal onde se localice a explotación agraria.

i) Non ter recibido axuda por primeira instalación.

Cantidade:

1. O importe da axuda será de 30.000 euros, que poderá incrementarse ata os 70.000 euros en función da aplicación dos seguintes criterios:

a) 10.000 euros por ser muller.

b) 10.000 euros por explotación localizada en zonas con limitacións naturais de montaña ou en Rede Natura 2000.

c) 10.000 euros por explotación de agricultura ecolóxica.

d) 10.000 euros por titularidade compartida.

No suposto de que se instalen varias persoas simultaneamente na mesma explotación, os incrementos establecidos nas alíneas b), c) e d) repartiranse a partes iguais entre as persoas que se instalen.

2. No caso de incorporación en explotacións intensivas, a axuda limitarase a 30.000 euros.

Procedemento MR404B

As persoas que desexen acceder ás axudas para o establecemento de persoas agriculturas novas deberán cumprir os seguintes requisitos:

a) Ter entre 41 e 55 anos de idade, ambos incluídos.

b) Cumprir coas condicións necesarias para ser xefe de explotación por primeira vez ou tela cumprido nos 12 meses anteriores á solicitude da axuda.

c) A explotación en que se promove a instalación debe alcanzar unha renda unitaria de traballo igual ou superior ao 35 % da renda de referencia.

d) Posuír o nivel de capacitación profesional mínimo de 150 horas no prazo máximo de 36 meses desde o momento do establecemento. A acreditación da capacitación realizarase segundo se establece no Decreto 200/2012, do 4 de outubro, polo que se regula o Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

e) Presentar un plan empresarial co seguinte contido mínimo:

a. Unha descrición da situación inicial da explotación agraria, indicando as fases e os obxectivos concretos de desenvolvemento das actividades da nova explotación.

b. Unha descrición da situación unha vez realizado o plan de empresa, incluíndo, polo menos, os seguintes datos:

i. Superficie da explotación, especificando a superficie dos distintos cultivos, e cabezas

de gando, por especies, e rendementos medios de cada actividade produtiva.

ii. Maquinaria, equipamentos, melloras territoriais e edificacións.

iii. Composición e dedicación da man de obra.

iv. Plan de produción, que incluirá información relativa á produción bruta de cada actividade produtiva, aos gastos de cada actividade produtiva e gastos fixos do conxunto da explotación.

v. Análise económica do proxecto. Esta análise incluirá: previsións económicas, estrutura de financiamento e rendibilidade.

vi. Actuacións que se van realizar.

c. Un plan de investimentos (información detallada sobre investimentos e prazos), se é o caso, en que indiquen as melloras que se van realizar, establecendo o seu impacto no cambio climático (emisións de gases efecto invernadoiro, capacidade de adaptación), que inclúa medidas de aforro e eficiencia enerxética, consumo auga eficiente, etc., e no cal figure un estudo de impacto ambiental, no caso de que a normativa europea-estatal-autonómica así o require, prestando especial atención aos posibles impactos nas zonas incluídas na Rede Natura 2000.

d. Información detallada, se é o caso, sobre formación, asesoramento ou calquera outra medida necesaria para desenvolver as actividades da explotación agraria, incluíndo as relacionadas coa sustentabilidade ambiental e a eficiencia dos recursos

f) Permanecer na actividade agraria durante un prazo de 5 anos desde o pagamento final da axuda.

g) Participar no programa de titorización ás persoas agricultoras novas que presta a Consellería do Medio Rural. O proceso de incorporación deberá ser tutelado polo persoal técnico agrario das oficinas rurais da Consellería do Medio Rural do ámbito territorial da área comarcal onde se localice a explotación agraria.

h) Non ter recibido axuda por primeira instalación, nin considerarse instalado.

Cantidade:

1. O importe da axuda será de 25.000 euros, que poderá incrementarse ata os 55.000 euros en función da aplicación dos seguintes criterios:

a) 10.000 euros por ser muller.

b) 10.000 euros por explotación localizada en zonas con limitacións naturais de montaña.

c) 10.000 euros por explotación de agricultura ecolóxica.

d) 10.000 euros por titularidade compartida.

No suposto de que se instalen varias persoas simultaneamente na mesma explotación,

os incrementos establecidos nas alíneas b), c) e d) repartiranse a partes iguais entre as

persoas que se instalen.

2. No caso de incorporación en explotacións intensivas, a axuda limitarase a 25.000 euros.

Prazo de solicitude para todos os programas: ata o 25/03/2024.

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado (anexo I, anexo II, anexo III, anexo IV, anexo V ou anexo VI) dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

A solicitude de axuda será cuberta a través da aplicación informática Melles á cal pode acceder mediante a seguinte ligazón: https://melles.xunta.gal/melles/sede

Tipoloxía: axudas en concorrencia competitiva a fondo perdido.

Enlace á normativa.

Share.