O Pleno é o máximo órgano da representatividade municipal e nel trátanse aqueles temas de maior trascendencia que lle afectan ao Concello, como poden ser os proxectos de orzamentos e outros asuntos que deben contar por lei co aval da maioría da corporación.
As sesións ordinarias quedaron fixadas para os últimos xoves dos meses impares ás 19:30h., mentres que os plenos extraordinarios convócanse polo xeral para resolver asuntos de certa urxencia que non poden agardar á seguinte sesión ordinaria. Habitualmente estes plenos están relacionados con prazos e programas doutras administracións ou con circunstancias especiais que requiren un tratamento inmediato por parte de toda a corporación municipal. No apartado específico podes descargar as actas das sesións celebradas desde 2008 e mesmo acceder ás gravacións dos plenos do 2014 en diante. Os plenos son abertos ao público, que mesmo pode intervir no caso dos ordinarios tralo levantamento da sesión.
Do pleno forman parte todos os concelleiros e concelleiras elixidos nas urnas. Ademais, en San Sadurniño hai unha Comisión Informativa Permanente para abordar os asuntos do pleno e os relativos a facenda e contas.
O goberno municipal de San Sadurniño quedou conformado por resolución da alcaldía o 22 de xuño de 2023:
- Secundino García Casal, alcalde-presidente da corporación e competencias non delegadas nas persoas responsables de cada área, que non contan con delegación de sinatura.
- María do Carme Muíño Filgueira, concelleira de Benestar.
- Manuel Varela Mecías, 1ª tenente de alcalde e concelleiro de Desenvolvemento local e Xestión interna
- Araceli Bellas Castro,concelleira de Cultura, Normalización lingüística, Igualdade e Coordinación das programacións municipais
- Manuel Beceiro Couce, 2º tenente de alcalde e concelleiro de Obras e Servizos
- Raquel Piñeiro López, 3ª tenente de alcalde e concelleira de Participación veciñal e Axenda 2030
- José Manuel Martínez Pérez, concelleiro de Deportes
A Xunta de Goberno Local é un órgano colexiado do goberno municipal integrado polo propio alcalde e os concelleiros e concelleiras que el designou como tenentes para substituílo no caso de enfermidade, ausencia, dimisión ou falecemento. A Xunta de Goberno Local funciona con competencias delegadas do pleno e é, na práctica, o órgano executivo da administración municipal xa que nela se aproban facturas, licenzas, autorizacións, e outras cuestións.Celébranse tres ao mes, os días 1, 11 e 21 e, de cadrar en festivo algún deles, a sesión pasa para o seguinte día hábil. A Xunta de Goberno Local está formada por:
- Secundino García Casal
- Manuel Varela Mecías
- Manuel Beceiro Couce
- Raquel Piñeiro López
Outro organismo permanente do Concello é a Mesa de Contratación Permanente, da que forma parte como presidente Manuel Beceiro Couce, xunto coa técnica municipal de Xestión, Mónica Cibreiro Caneiro, en calidade de secretaria e tres vogalías: Olalla Álvarez de Neyra -secretaria municipal- e as funcionarias Eiravedra Filgueira e Natalia Alves Novo. Poden asistir ás sesións da Mesa con voz pero sen voto os portavoces dos grupos municipais do PP e do Grupo Mixto, María Belén Trigo Meizoso e Juan Alberto Rivera Franco, respectivamente.