O Concello de San Sadurniño ten dous grandes eventos anuais dedicados á terra, a Feira da Plantación e a Feira Rural.
A Feira da Plantación celébrase o derradeiro domingo de abril como escaparate da produción de planta e flor que sae, principalmente, dos viveiros de San Sadurniño. O evento naceu en 1996 da man da Asociación cultural Bidueiro e foi o Concello quen asumiu a súa organización trala disolución desta entidade. Un cambio que tamén significou abrir o abano a máis expositores sen renunciar ao papel principal da planta ornamental. A Feira da Plantación celébrase ao pé do colexio público e xunta, uns anos con outros, a arredor de 5.000 visitantes.
O segundo evento feiral de relevancia é a Feira Rural, fixada habitualmente no último sábado do mes de agosto. Trátase dunha cita cun protagonismo indiscutible de todas as iniciativas que buscan recuperar o potencial socioeconómico e ambiental das zonas rurais, xa sexa a través das posibilidades produtivas do sector primario, dos servizos ou do turismo. A feira réxese polo lema “Por un medio rural vivo” co que se reivindican estilos de vida e xeitos de producir que aseguren un futuro sustentable desde o punto de vista social e ambiental.
A Feira Rural programa ducias de actividades para todas as idades -unha proba de agility canino, obradoiros infantís, a ruta ciclista, paseos en kaiac polo río, exposicións, etc.-, ademais de acoller o tradicional concurso de froita autóctona no que se premian as mellores variedades do país, moitas delas recuperadas na horta municipal situada xusto ao pé do lugar onde se celebra a feira, na finca da Cortiña.
Desde 2015 a Feira Rural vén acompañada do Festival Sons na Cortiña -celébrase ao día seguinte na carpa principal- co que se tenta asentar unha oferta musical alternativa dirixida principalmente á mocidade.
Outras festas e eventos
Porén, alén destes eventos feirais organizados polo Concello, San Sadurniño tamén oferta ao longo do ano outras citas relacionadas coa cultura como son o Festival do Río Castro, que se celebra en Naraío o primeiro sábado de xullo, e a Feira de Artesanía e de degustación das carrilleiras, que ten lugar no Chao de Lamas o último sábado ou domingo do mes de maio.
Porén, neste apartado cómpre reseñar as celebracións que teñen que ver coa tradición festeira das parroquias. E é que os “patróns” son datas irrenunciables en todo o municipio, haxa ou non haxa festa propiamente dita.
O sistema que se emprega en practicamente todos os lugares para organizar as festas é o das comisións, é dicir, pequenos grupos de veciños e veciñas -e ás veces tamén algunha asociación- que se autonomean dun ano para outro e que botan varios meses recadando fondos con rifas, xantares populares, ceas baile e outras iniciativas semellantes que complementan as achegas económicas das casas da parroquia.
As festas parroquiais de San Sadurniño son as seguintes, aínda que, de celebrárense, adoitan moverse cara á fin de semana que teñan máis próxima: