Ordenanzas e regulamentos

Os concellos teñen certa autonomía para aprobar normas, prezos públicos e taxas coas que regular actividades dentro do seu territorio así como marcar o custe pola prestación de certos servizos. O Concello de San Sadurniño ten delegado na Deputación da Coruña o cobro do IVTM, o dos recibos da contribución (IBI), o IAE e a recollida do lixo, que deben facerse efectivos entre outubro e novembro dentro do periodo voluntario.  San Sadurniño tamén delegou nos servizos de recadación provinciais o cobro da taxa anual que pagan as empresas eléctricas, telefónicas e outras subministradoras de servizos de interese xeral por ter liñas, antenas, tubaxes ou tendidos no noso territorio. O pagamento destes impostos e taxas pode facerse no banco ou ben mediante domiciliación. Ademais, con certificado dixital tamén se pode facer un seguemento dos recibos pagados ou pendentes a través da oficina virtual tributaria da Deputación da Coruña.
Calquera cuestión referida a estes trámites pode xestionarse na delegación da Deputación, situada na rúa Naturalista López Seoane, s/n, Ferrol (Esteiro), 15403. O horario de atención ao público é de 9 a 14 h., de luns a venres. Tamén se pode chamar ao 981 355 795, enviar un fax ao 981 356 554 ou contactar con este departamento a través do correo electrónico zona2@dicoruna.es
Por outra banda, o Concello de San Sadurniño recada directamente as taxas correspondentes á subministración de auga potable -cada tres meses-, a dos sumidoiros -un recibo anual-, así como o imposto de instalacións e obras e o resto de taxas e prezos públicos recollidos nas respectivas ordenanzas e que non están suxeitos ao pagamento en periodos fixos. No caso dos servizos da Escola Infantil Municipal o cobro da taxa correspondente faino a empresa xestora do centro por mes vencido agás a matrícula, que se paga antes do comezo do curso. Sobre o pagamento de certas taxas e prezos públicos, cómpre ter en conta que San Sadurniño é un concello adherido ao Carné Xove, do que se beneficia a mocidade entre 12 e 30 anos. Ter este carné en vigor significa, previa solicitude, bonificacións dun 50% no prezo da subministración da auga, no do saneamento, no das licenzas de autotaxi, no da limpeza de fincas, nas licenzas de apertura dun establecemento, nos servizos asociados aos casamentos civís nas dependencias municipais, na tramitación de expedientes urbanísticos e no uso tanto de instalacións como de servizos culturais e deportivos.
As distintas ordenanzas e regulamentos do Concello de San Sadurniño están dispoñibles a través  do Portal de transparencia da Sede Electrónica, onde tamén figuran os prezos públicos de actividades puntuais.