Orzamento participativo 2018

0

O Concello anda deseñando xa os orzamentos municipais de cara ao ano que vén. Un documento coas previsións de ingresos e gastos en servizos e investimentos que, desde hai case unha década, se deseña tendo moi en conta as propostas veciñais formuladas nas asembleas que se desenvolven nas sete parroquias do territorio. O habitual é que cadaquén propoña investimentos para o seu contorno inmediato, como asfaltados, sinalizacións, rozas, construción de sendas peonís, etc. Porén, as asembleas tamén están concibidas como un punto de encontro de onde poidan xurdir ideas beneficiosas para o conxunto do territorio -medidas de aforro, programas de optimización de recursos, novos servizos, etc.- e non exclusivamente para unha zona concreta. A xente vai dicindo, o Concello vai anotando, logo xúntao todo, mira o que é asumible e, finalmente, acorda coa representación da veciñanza e priorizando necesidades aquelas actuacións que se reflectirán no orzamento municipal, combinadas coas deseñadas polo equipo de goberno. Ese é a grandes trazos o mecanismo do Orzamento participativo de San Sadurniño que desenvolverá as súas xuntanzas de consulta entre finais de outubro e os primeiros días de novembro.

Todas as asembleas veciñais desenvolveranse ás 20.00h. nas seguintes datas e lugares:

  • Igrexafeita, luns 30 de outubro
  • Lamas, martes 31 de outubro
  • Ferreira, xoves 2 de novembro (Local social da Seara)
  • Camiño Arriba, venres 3 de novembro
  • Bardaos, luns 6 de novembro
  • Santa Mariña do Monte, martes 7 de novembro
  • Naraío, mércores 8 de novembro
  • San Sadurniño, xoves 9 de novembro (Casa da Xuventude)

No transcurso das xuntanzas, onde cadaquén poderá expoñer as ideas e investimentos que queira -ben de viva voz ou nas follas normalizadas facilitadas polo Concello-, tamén se elixirán dúas persoas entre as asistentes para que fagan as veces de representantes da parroquia na xuntanza de posta en común de propostas que se celebrará máis adiante e na que se acordará o listado priorizado de actuacións.

Nos inicios do Orzamento Participativo o Concello reservaba unha contía duns 110.000 euros para sufragar as iniciativas veciñais. Porén, andando o tempo, viuse que era máis operativo -e tamén máis democrático- retirar ese teito económico e alentar á xente para que se pronunciase con ideas que fosen realizables e asumibles polo Concello, ben con recursos propios ou ben coa colaboración doutras administracións.

Froito de orzamentos participativos anteriores foron, entre outros, o programa de execución de sendas peonís, boa parte dos aglomerados, rebacheos e arranxos da rede viaria que se fixeron nos últimos anos, a instalación de sistemas de depuración biolóxica nos núcleos da Vila e do Chao, etc.

As asembleas de participación veciñal están abertas a calquera persoa empadroada no concello ou que teña unha relación directa de tipo social, laboral ou empresarial con San Sadurniño. Nelas debaterase sobre distintos asuntos que lle afectan ao territorio que precisan algún tipo de solución, como poden ser a xeración de emprego, o aproveitamento de recursos, a mellora de servizos municipais e da eficiencia económica. En definitiva, ideas e propostas que poden ser beneficiosas para toda a comunidade.

O espírito das asembleas non é unicamente saber as obras que se queren para cada parroquia  senón que se busca tomarlle o pulso ao territorio para coñecer con máis precisión cales son as súas necesidades. Así, das xuntanzas sairá unha relación de actuacións de todo tipo que se condensarán nun documento de acordo coa súa urxencia, a súa prioridade e, sobre todo, coas posibilidades reais de sacalas adiante.

Quen queira implicarse en todo o proceso pode asistir ás xuntanzas veciñais ou ben facerlle chegar ao Concello as súas ideas e proxectos por medio da folla normalizada que se pode descargar algo máis abaixo. A ficha pode entregarse no rexistro, mandala por correo postal -Lugar do Casal 16, 15560 San Sadurniño- ou enviala ao correo electrónico correo@sansadurnino.gal.

Os resultados dos debates e das propostas que se dean nas asembleas recolleranse e ordenaranse para ser tratados na Mesa de participación veciñal, onde estarán presentes os grupos políticos e as persoas designadas en cada parroquia para defenderen as súas propostas. A mesa reunirase o venres 10 de novembro ás 20.00h. na Casa da Xuventude.

Folla de propostas do Orzamento Participativo 2018

<< voltar á portada

Share.