O Concello programa varias actividades deportivas até o verán

0

Alén de volei e fútbol, de cara ás próximas semanas e meses temos outras citas co deporte promovidas polo Concello en colaboración con outras entidades. Así, de aquí a setembro hai programadas varias relacionadas co mundo do ciclismo e, ademais, tamén temos aí, á volta de nada, a novena edición da Carreira Popular. Ide apuntando na vosa axenda todo o que hai e estade pendentes da apertura dos prazos de inscrición, dos cales vos iremos informando a través da web municipal e das redes sociais, ademais de publicar novos recordatorios nos boletíns Novas que se envíen ás casas nos próximos meses.

O domingo 26 de maio, a partir das 11:00h desenvolverase a tradicional Ruta Cicloturista en Familia. O percorrido en bicicleta discorrerá por 14 quilómetros de pistas e estradas de baixa dificultade dos arredores do centro urbano e Pedroso. Sairase ás 11:00h do CPI de San Sadurniño e ofértanse 75 prazas que se cubrirán por orde de inscrición (gratuíta). Poderán participar nenas e nenos de 6 anos en diante e para anotarse será necesario cubrir esta ficha, algo que se poderá facer pouco antes da saída ou enviarlla de maneira anticipada ao técnico de Cultura e Deportes (agustin.perez@sansadurnino.gal).

A que xa ten aberto o prazo de inscrición é a IX Carreira Popular de San Sadurniño “Corre polo medio ambiente” do próximo 9 de xuño. A exitosa carreira amadora volverá discorrer por un trazado de 5 quilómetros -nas categorías absolutas- que partirá da Cortiña para proseguir despois pola Bidueda, Cornide, a AC-862, os xardíns municipais e volta ao punto de saída polo paseo fluvial do Xubia. Ademais tamén hai circuitos máis curtos sen saír da Cortiña para as categorías inferiores, desde Sub 16 até Peques.

As probas comezarán ás 11:00h e iranse dando as saídas en cada categoría até as 12:45h. As inscricións poden facerse ata o 3 de xuño a través da web www.emesports.es e son gratuítas agás para as categorías que correrán os 5 quilómetros, que terán un prezo de 5€..

A popular de San Sadurniño “Corre polo Medio Ambiente” forma parte do calendario de carreiras da Deputación da Coruña e contará coa asistencia técnica da Federación Galega de Atletismo, ademais da colaboración da clínica local Fisio-Che-Ben e do club MTB Biela e Chaveta. 

Por outra banda, Biela e Chaveta e o Concello tamén volven colaborar na organización da III BTT Concello de San Sadurniño, que se desenvolverá o domingo 30 de xuño a partir das 09:00h. Trátase dunha proposta de dificultade media que ofrecerá dúas rutas, unha de 45 quilómetros e outra de 25, por pistas forestais de todo o municipio. As inscricións estarán abertas entre o 15 de maio e o 23 de xuño na web da Federación Galega de Ciclismo, fegacilismo.es, cun prezo de 15€ para deportistas con licenza federativa e de 27€ para aqueles e aquelas que non dispoñan dela. Ademais tamén hai opción de xantar para participantes e acompañantes por un prezo de 10€ (gratis menores de 12 anos).

Pódese obter máis inormación contactando con Biela e Chaveta no correo bielaechaveta@gmail.com. A entidade e a Concellaría de Deportes teñen programadas outras dúas probas para máis adiante, integradas no programa anual Sansa Sobre Rodas 2024. Son a II Cronoescalada Sanrockeira do venres 23 de agosto e a Ruta Nocturna BTT do venres 27 de setembro, das que se irá ampliando información nos boletíns Novas, nesta web e nas redes sociais municipais a medida que se vaian achegando as datas. 

Share.