Subvencións para proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria para o ano 2024 (IN421L)

0

Subvencións destinadas a proxectos de equipamentos de aproveitamento de enerxías renovables eléctricas e de aforro e eficiencia enerxética nas empresas de produción agrícola primaria. Delas poderán beneficiarse:

a) As empresas legalmente constituídas e os empresarios autónomos, que teñan domicilio social ou algún centro de traballo en Galicia, incluídas no sector de produción agrícola primaria.

b) As empresas de servizos enerxéticos que xestionen total ou parcialmente instalacións consumidoras de enerxía. Os centros de consumo en que se actúe deben estar situados en Galicia e corresponder a empresas incluídas no ámbito de actuación destas bases e, en concreto, desenvolver algunha das actividades recollidas no punto anterior.

Actuacións subvencionables de enerxías renovables: Serán subvencionables os custos dos investimentos necesarios para o desenvolvemento de instalación que xeren electricidade a partir de fontes de enerxías renovables. En concreto, serán subvencionables as instalacións de xeración eléctrica mediante tecnoloxía fotovoltaica ou minieólica (para os efectos destas bases considéranse minieólica aquelas instalacións cunha potencia nominal inferior ou igual a 100 kW) asociadas a algún centro de traballo do sector agrícola primario na modalidade de subministración con autoconsumo.

O investimento mínimo para que a actuación sexa subvencionable debe ser de 5.000 euros por solicitude (IVE non incluído).

Actuacións subvencionables de aforro e eficiencia enerxética: 

  • Medidas de contabilización, monitorización e telexestión do consumo de enerxía asociados ás actuacións de aforro para as cales se solicita axuda.
  • Equipamentos xeradores de calor en instalacións de auga quente sanitaria e climatización.
  • Mellora de instalacións de iluminación.
  • Os custos de investimento adicionais necesarios para lograr un nivel mais elevado de eficiencia enerxética.

Custos subvencionables:

a) O prezo dos equipamentos, a súa montaxe e posta en marcha, así como o custo de elaboración dos documentos técnicos do proxecto e da solicitude de axuda. No caso de instalación de xeración eléctrica considéranse custo subvencionable os equipamentos de acumulación de enerxía asociados.

b) Os proxectos que cumpran cos requisitos técnicos mínimos recollidos nos artigos 7 e 8 serán subvencionables.

c) IVE, cando non sexa recuperable conforme a lexislación nacional sobre IVE.

Non son subvencionables:

a) Os gastos de legalización.

b) Os gastos que se realicen en pagamento de licenzas, gastos sometidos a aranceis, adquisición de bens de segunda man.

c) Os gastos de funcionamento da actividade subvencionada e material funxible.

d) Os gastos anteriores á presentación da solicitude, salvo os traballos preparatorios. 

e) A obra civil non asociada directamente á instalación dos equipamentos.

f) As conducións de distribución interior da calor e os equipamentos emisores, salvo cando estes sexan parte activa do circuíto de xeración térmica.

g) As conducións de distribución eléctrica, salvo cando estes sexan parte do circuíto de xeración renovable ou estean asociados directa e exclusivamente á medida de aforro e eficiencia enerxética.

h) A rehabilitación da envolvente dos edificios, salvo que incorpore sistemas dinámicos.

i) As instalacións de iluminación de emerxencia, rótulos lumínicos e a iluminación de sinalización.

j) Operacións de mantemento (simple reposición…).

k) Os electrodomésticos (frigoríficos, fornos, cociñas, televisores, ordenadores…).

l) Vehículos de todas as clases utilizables para o transporte terrestre, marítimo ou aéreo de persoas, animais, materiais ou mercadorías, excepto os que se deban rexistrar na conta de maquinaria. 

m) A substitución de radiadores eléctricos portátiles.

En ningún caso serán subvencionables as instalacións/equipamentos que xa foron obxecto de subvención anteriormente.

Prazo de solicitude: ata o 31/05/2024.

 

Cantidade: A contía da axuda a fondo perdido e sen concorrencia competitiva será do 30 % do custo elixible da nova instalación, cun máximo de 100.000 euros por proxecto e de 300.000 € por empresa, salvo no suposto de instalacións de autoconsumo colectivo en que se establece unha axuda máxima de 500.000 € por proxecto e de 500.000 € por empresa. A intensidade da axuda incrementarase un 20 % no caso de axudas concedidas a pequenas empresas e un 10 % no caso de medianas empresas.

Ligazón á normativa

 

Share.