Desenvolvemento local valora como “un éxito” a XXVII Feira da Plantación

0
San Sadurniño pechou no serán deste domingo 28 de abril a 27ª edición da Feira da Plantación, que volveu ser todo un éxito de público e, segundo comentaron varios postos, tamén de vendas. O día estivo fresco e, en contra do que anunciaban as previsións, con máis sol que nubes. Iso axudou a que a Cortiña fose un ir e vir constante de xente á procura, sobre todo, de planta para as hortas e xardíns, pero tamén de queixos, mel, chacinas, zumes, marmeladas, galletas e outro produto alimentario de proximidade. O tempo solleiro contribuiu a manter unhas vendas que “tardaron en arrancar” durante a mañá, pero que se compensaron cunha tarde estirada nalgúns casos ata máis aló da hora da clausura.
Luís Sanjurjo, queixeiro e viveirista de Bardaos, é un dos fixos das feiras comarcais e non falla a ningunha das dúas citas anuais organizadas polo Concello de San Sadurniño. El é un barómetro fiable sobre a marcha deste tipo de eventos que se fan para promocionar o sector primario, pero que en último caso funcionan e se manteñen ano tras ano porque neles hai vendas.
“Foi unha feira na que houbo bastante movemento, aínda que tardou en arrancar. A xente viña buscar planta de pemento, tomate, moito cebolo e moita fresa”, comentaba Sanjurjo ao mediodía cun ollo posto nas bandexas de produto, non tan baixas coma outros anos a esa mesma hora. Con todo, pola tarde, preto do peche da feira, a valoración xa era outra, sinalando que o balance final fora “positivo”.
Ese mesmo cualificativo foi o utilizado tamén por José Horjales, da Casa da Planta, outro dos viveiros habituais: “foi unha boa feira, positiva, coma todos os anos. O tempo ameazou, pero ao final aguantouse. O que máis se vendeu foi planta de temporada e arbusto para xardín”, explicou mentres apuntaba que o mostrario do produto non lucía tan vistoso coma noutras edicións “porque este ano todo vén algo máis atrasado, pero a natureza é así”
En que a XXVII Feira da Plantación funcionou ben coincidiron a maioría dos expositores aos que lles preguntamos, principalmente os relacionados directamente coa planta e o produto alimentario. Este ano foron máis de 60 entre artesanía, agroalimentación e planta -20 máis que o ano pasado-, e algúns deles chegados incluso desde Pontevedra. Isabel Fernández, de Plantas A Lagoa (Vilanova de Arousa), resumiu a feira nos mesmos termos que Sanjurjo -“empezou un pouco frouxa a primeira hora pero despois foi remontando. Hai moita xente”, dixo-, aludindo a que as feiras tamén acusan “a crise” de prezos. “Antes eran compras de máis diñeiro, e agora fanse máis compras pero máis pequenas”.
Ademais, os viveiros, sexan de planta ornamental ou de horta, tamén teñen que irse adaptando de ano en ano ás demandas do público. Alicia Coello, da firma Gayma (O Vicedo), comentaba que entre as 10 e as 13:00h fora a mellor hora en canto a vendas, sobre todo de “tomate resistente ao neboeiro”, pero que durante a xornada tamén escoitaron peticións de produtos dos que nunca oíran falar. “Hoxe preguntáronme por uns tomates que nunca escoitara, que nunca vin e cousas raras. O que conseguen así é que cada vez traiamos cousas diferentes e que ao final nos adaptemos ao que o cliente pide”.
O mesmo ocorre coa flor, pola que o público se decanta dependendo das modas ou doutros factores.”O ano pasado vendemos alegría guineana, e este ano estase vendendo xeranio”, explica Isabel Fernández. E para todos os gustos, a feira de San Sadurniño ten oferta. Segundo Silvia Caffaro, da empresa local Viveiros Florgalicia, “a xente vén desexosa de ver planta, planta diferente e atópase con viveiristas de toda Galicia e cousas que xeralmente non se encontran nas tendas”. Caffaro engadiu que nesta edición da Feira da Plantación tiveron boa saída as plantas “de baixo mantemento, plantas vivaces, perennes que florecen todo o ano, que aguantan tamén no inverno e que precisan pouca auga”, algo que se está convertendo en tendencia.

Canda a planta -protagonista principal- a feira tamén contou con varios postos agroalimentarios, entre eles o que mostraba varias elaboracións saídas do centro de transformación Agroalimentaria A Fusquenlla. Cinthya Arias, unha das produtoras que compartía posto, asegurou que as marmeladas, zumes e conservas “vendéronse moi ben” xa que, segundo dixo, “este ano a maioría da xente xa coñece A Fusquenlla e ademais xa temos produto que ofrecerlle”.

Valoración “positiva” do Concello
A Feira da Plantación de San Sadurniño arrimoulle a toda a oferta de produtos múltiples actividades paralelas, como as demostracións de arte floral (os centros elaborados sorteáronse ao mediodía e á tardiña), as explicacións sobre as rochas do xeoparque ofrecidas por Fran Canosa, os talleres de manualidades ambientais para a rapazada, o cadro que pintou ao vivo Leandro Lamas -sorteado pouco antes da clausura da feira- e os showcookings de cociña sostible ofrecidos polo chef arzuán Álex Iglesias, que reuniu arredor de si unha chea de público.

O evento deuse por rematado ás 20:00h, aínda que algúns postos estiraron a feira un pouco máis con ofertas ben interesantes. O concelleiro de Desenvolvemento local, Manolo Varela, fixo balance do día reiterando a súa valoración “moi positiva” e asegurando que a 27ª feira  fora “un éxito, un ano máis”. Entre os factores  que contribuíron ao bo resultado da xornada, o edil aludiu ao tempo atmosférico “que ao final acompañou”, á fidelidade do público e ao interese que esperta entre os expositores “porque veñen e venden, válelles a pena vir”.

 

Share.