O Aldebarán-Intasa, subcampión da SM2 e con dereito a estar na Superliga de Volei Masculina

0

O Instercap Asisa Tarragona SPSP conquistou este domingo o título da Tempada 23/24 da categoría de prata do voleibol nacional masculino. O equipo catalán superou en tres sets ao equipo local Intasa San Sadurniño, que tamén obtivo praza na Superliga Masculina e que nas próximas semanas deberá decidir se volve aventurarse en primeira ou se, pola contra, opta por continuar na SM2. Carlos Moura, de Asisa Tarragona SPSP, foi elixido MVP da Fase Final, e foi o cvleganes.com quen subiu ao terceiro chanzo do podio tras vencer ao Vóley Textil Santanderina na loita polo bronce.

Os tarraconenses non deron tregua ao equipo local no choque polo título entre os dous conxuntos xa ascendidos a SVM. Instercap Asisa Tarragona SPSP foi máis contundentes nas súas accións ofensivas, sen apenas fallos, marcando o ritmo de xogo de inicio a fin.

Os dous primeiros sets estiveron máis igualados, con todo, no último set, o cadro catalán, intratable, puxo marcha directa cara ao triunfo, pechando a tempada cun sólido 25-8 ao seu favor e subindo ao máis alto do podio.

O Aldebarán Intasa San Sadurniño, organizador da fase final da SM2 disputada desde o xoves no municipal chegou ao enfrontamento deste domingo con toda a forza que lle deu saberse ascendido trala victoria da véspera diante da Textil Santanderina nun partido bronco e de clara superioridade local.

Porén, o equipo dirixido por Pablo Gómez Parga nada puido facer contra o Sant Pere i Sant Pau (SPSP) e tivo que conformarse cun subcampionato ligueiro que, con todo, é merecida recompensa a unha temporada excepcional na que adestrador e equipo foron a grande revelación.

A obtención de praza para o ascenso e o subcampionato da SM2 vivíronse no pavillón como unha grande festa que agora lle dá paso a un período de reflexión no seo do club local para decidir que facer na encrucillada en que se encontra: quedar na división de prata e seguir fortalecendo o equipo (que conta cunha canteira local moi prometedora), ou ben arriscarse a unha nova tentativa na primeira división, o que requiriría un importante esforzo económico e, se cadra, reforzos deportivos para contar con máis posibilidades de permanencia. Neste sentido a que conta con máis papeletas é a primeira opción, de maneira que o Aldebarán se decantaría pola cesión dos seus dereitos.

 

Share.