Programación do III Chanfaina Lab

0

O Chanfaina deste ano desenvolverase desde o xoves 1 ata o domingo 4, de maneira que gana un día con respecto ás pasadas edicións ao tempo que amplía o seu catálogo de actividades con máis proxeccións e un apartado formativo/colaborativo específico. A lista de asistentes está practicamente confirmada e reunirá xente de aquí á que lle tira iso de contar con imaxes e tamén xente de fóra con longa traxectoria e reputación no mundo audiovisual. 

Entre eles e elas atoparemos nomes autóctonos coma o de Fran Bermúdez, Abel Vega, Bieito Beceiro, Pablo Martínez, Roberto Bouza ou Sebastián Rodríguez, ademais dos de Patricia Lamas, David Anca e Miguel Sanjurjo -integrados en ConSuma Conciencia-, o modestino Dani Ferreira e outros que poidan sumarse ao proxecto nos días que faltan.

Os realizadores e realizadoras confirmadas de “fóra de portas” que afrontarán o reto de filmar un territorio descoñecido para a maioría -parte deles repiten- teremos a Ángeles Huerta, a Beatriz del Monte, a Carla Andrade, a Claudia Brenlla, a Eloi Domínguez, a Lara Bacelo, ás irmás xemelgas Lara e Noa Castro, a Lois Patiño, a Marcos Lourido, a Marta Piñeiro, a Natalia Porca (de Narón pero con raíces en Igrexafeita), a Pablo Millán, á pontesa Sabela Pernas e ao recentemente premiado co Goya á mellor montaxe por “El Desconocido”, Jorge Coira.

Todos e todas convivirán durante a primeira fin de semana do mes que entra compartindo a experiencias e a experiencia en si que é captar con tempo escaso a esencia de San Sadurniño retratando xente, paisaxes, e historias que, máis adiante, cando se monten e se proxecten, comporán un totum revolutum de visións a imaxe e semellanza do prato típico que lle dá nome ao encontro.

Calquera persoa ou entidade que queira sumarse ao proxecto cunha peza ou botando unha man na produción dalgunha curta -axudándolle a outros realizadores e realizadoras, facendo de guía ou contándolles cousas interesantes que poidan converterse nun audiovisual- pode facelo contactando directamente coa organización no teléfono  616 016 793.

O Chanfaina Lab está organizado polo Concello e é unha iniciativa impulsada polo académico do audiovisual Manolo González como proxecto paralelo a Fálame de San Sadurniño, a web á que moitos creadores e creadoras acoden para buscar material e inspiración sobre as historias que contarán despois. Na edición de 2016 tamén colabora a Deputación da Coruña.

PROGRAMA

XOVES 1 
20.00h.- Casa da Cultura: Proxección dos filmes documentais “A Seara”, de Pepe Coira, e “Verengo”, de Víctor Hugo Seoane. Pezas unidas polo eixo temático común de recolleren a realidade de dúas aldeas da montaña interior galega.

VENRES 2
10 a 14.00h.- Aula CeMIT: “Retrata San Sadurniño: son de aquí, miro así”.
Ana Seijo e Sabela Pernas (Videodinamizarte), traballarán sobre creatividade, dinámicas de grupo e técnicas básicas de gravación e realización. A iniciativa ten como obxectivo obxectivo  que as persoas participantes desenvolvan conxuntamente a súa propia peza para proxectala o domingo durante a clausura do encontro. O obradoiro é gratuíto e ás persoas participantes, ademais de consellos prácticos, tamén se lles facilitará material de gravación. Desenvolverase desde as 10 ás 14.00h. e para inscribirse é necesario pasar pola Aula CeMIT ou chamar ao 616 016 793.

20.00h.- Aula CeMIT: Recepción de participantes e visita á Casa do Concello. Apertura na galería do pazo da exposición fotográfica “A propósito da Chanfaina”, con instantáneas das anteriores edicións captadas polo fotoxornalista Gabriel Tizón (aberta durante todo o mes)

21.15h.- Casa da Cultura: Presentación do proxecto  “Visións”, nacido no marco do programa Cinema e Muller da Deputación de Pontevedra. Unha iniciativa que busca reivindicar o papel feminino na creación audiovisual e da que saiu un filme colaborativo executado a base de curtas por dez realizadoras.  Proxectaranse Ambos mundos (2016) de Claudia Brenlla, Aquí dentro (2016), de Lara Bacelo e Listen to Me (2016), de Carla Andrade. As tres participan no Chanfaina Lab.

SÁBADO 3
9.00 a 14.00h.- Produción e gravación de curtametraxes

14.30h. a 15.30h.- Xantar para participantes no local social de Bardaos, en colaboración coa Confraría do San Pipote

15.30h. a 21.00h.- Produción e gravación de curtametraxes

21.00h.- Casa da Cultura: Eira de Cineastas, coa proxección dunha escolma de pezas producidas polos creadores e creadoras convidadas nesta edición:

  1. Quixera, Fran Bermúdez, 2016
  2. O segredo, Ángeles Huerta, 2016
  3. Autarquía, Escravo e Fernando VII, Lara e Noa Castro, 2016
  4. Montaña en sombra, Lois Patiño, 2012
  5. Fatum, Pablo Millán, 2010
  6. 1664.Toma de posesión de Bernardino de Andrade, Bieito Beceiro,2016
  7. Home, Beatriz del Monte, 2015
  8. Materia Prima, Natalia Porca, 2016
  9. Logo chega o día, Jorge Coira, 2010
  10. Amancio Sigfredi, futbolista actor porno, Con suma conciencia, 2015
  11. No novo céio, Eloi Dominguez Serén, 2014
  12. O pozo de Lamas, Abel Vega, 2014
  13. Pequeñas sombras humanas, Marcos Lourido, 2014
  14. As doce, Marta Piñeiro, 2015
  15. Aquí e agora, Sabela Pernas, 2016

DOMINGO 4
10.00h. a 14.00h.– Gravación de curtametraxes

10.00h. a 14.00h.- Aula CeMIT: Montaxe da peza colaborativa “Retrata San Sadurniño: son de aquí, miro así”

14.30h. a 15.30h.- Xantar para participantes no local social da A.VV. Adiante de Igrexafeita

15.30h. a 19.00h.- Gravación de curtametraxes

19.00h.- Casa da Cultura: Proxección da curta producida dentro do obradoiro de Videodinamizarte e despedida de participantes no III Chanfaina Lab

Anteriores Chanfaina Lab

 

Share.