Último pleno ordinario do ano presidido polas mocións

0

O Concello celebra pleno este serán na Casa da Cultura. Será a terceira sesión no que levamos de mes e, a diferenza das dúas anteriores, que foron extraordinarias, neste caso trátase do pleno de novembro, o derradeiro de carácter ordinario deste 2020. A orde do día componse de dez puntos dos que exactamente a metade son mocións presentadas polo PP e polo BNG sobre cuestións tan diversas como a devolución do IVE adebedado polo Estado aos concellos, a lei Celaá, as emendas aos Orzamentos Xerais do Estado ou unha declaración con motivo do 25N que, por primeira vez en anos, non chega ao pleno precedida do acordo unánime dos tres grupos. Entre exposicións de motivos e propostas de acordo, explicacións de voto e posibles réplicas e contraréplicas, as mocións prometen capitalizar boa parte dunha sesión que se prevé longa. E é que ademais da densidade dos asuntos para tratar,  neste pleno haberá quenda para os rogos e as preguntas. Un tramo final que adoita ofrecer un segundo grande bloque de debate animado -e ás veces aceso-  á marxe dos temas principais recollidos na orde do día. 

E dentro deses temas previos para deliberación e acordo hai varias cuestións importantes. A primeira é a declaración como actividades de especial interese municipal as que desenvolven catro explotacións gandeiras do territorio, de maneira que poidan acollerse a bonificacións do 95 ou do 50% na cota do IBI segundo se recolle na ordenanza reguladora deste imposto.

A segunda cuestión que abordará o pleno será a aprobación do Plan de Acción para o Clima e a Enerxía Sustentable -PACES-, que define as liñas de traballo para reducir as emisións equivalentes de CO²  en polo menos un 30% de aquí ao 2030 e, nomeadamente, unha rebaixa no consumo enerxético de fontes fósiles acompañada dunha aposta decidida polas renovables. O documento que recolle toda a análise e a estratexia redactouse no marco da adhesión de San Sadurniño ao Pacto das Alcaldías polo Clima e a Enerxía e, ademais, contou con financiamento da Xunta. Alén do seu contido, dispor dun plan de acción para o clima e a enerxía sustentable tamén será un dos factores puntuables para moitas liñas de axuda doutras administracións destinadas a proxectos ambientais ou relacionados co  aforro enerxético.

O terceiro punto ten tamén moito que ver co ambiente, aínda que na vertente da xestión dos residuos xerados no territorio. Neste momento San Sadurniño só dispón dunha ordenanza reguladora do prezo dos recibos da recollida do lixo, pero non dun marco normativo que defina de maneira máis ampla a prestación dun servizo que debe adaptarse a novos modelos e, sobre todo, ao cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible.

O Concello quere darlle forma a ese marco normativo deseñando un regulamento específico para o que solicitará a colaboración da veciñanza. Neste sentido proporáselle ao pleno municipal iniciar a redacción e poñer a disposición dos veciños e veciñas un borrador que poidan examinar con detemento e formularlle cantas achegas consideren oportunas. O Executivo local prevé publicar o borrador en decembro e, nese momento, abrir un período de un mes para recoller propostas que despois se debaterán para incorporalas á redacción definitiva. O último trámite sería a aprobación plenaria, previsiblemente a finais de xaneiro.

A sesión comezará ás 19.30h. e celebrarase sen público na Casa da Cultura, aínda que se ofrecerá en streaming a través de Facebook (se a conexión o permite) e poucos minutos despois da súa finalización estará dispoñible o audio íntegro na canle municipal en iVoox.

Share.