Lavar o coche, esa ciencia

0

Ter as rodas en bo estado, cambiar aceite e filtros cando toca, revisar niveis doutros líquidos… son tarefas habituais no mantemento dun coche. E a elas deberiámoslle engadir un lavado exterior e unha limpeza do interior feitas de maneira correcta, posto que diso depende non só que o vehículo luza, senón tamén que o seu aspecto se conserve nas mellores condicións durante moitos anos. Esa é a materia dun curso que se está impartindo ata este venres en Lamas, dentro da oferta de accións formativas gratuítas promovidas pola empresa Telemática Galicia en colaboración co Concello. O coidado da chapa, a recuperación dos plásticos e incluso o lavado do motor son só algúns dos aspectos tratados ao redor dunha actividade que todas e todos facemos na casa e que, ademais, tamén pode ser unha interesante alternativa de autoemprego con pouco investimento.

E é que pola nosa zona, que nós saibamos, non hai ningunha empresa que se dedique exclusivamente ao lavado e limpeza de vehículos, máis dos talleres mecánicos e de chapa e pintura que inclúen a limpeza integral no seu listado de servizos. Algo que choca coa cada vez maior querencia por ter sempre o coche en estado de revista, e non só cando temos voda. De feito, nos últimos anos incrementouse a venda de produtos de limpeza especiais -champús con acabado brillante, deterxentes para llantas, hidratadores de coiros e vinilos, espumas para tapizados, etc.- e tamén de ferramentas específicas, como panos de secado e limpeza de microfibras, cepillos adaptados a cada oco ou pulverizadores que crean unha capa de xabón abundante antes de empezar a fregar suavemente cunha luva de lá.

Pero todos eses produtos non valen de nada se non se utilizan de forma adecuada e, en mans debidamente adestradas, dan un resultado certamente espectacular, como puidemos ver hoxe no primeiro día do curso de limpeza de coches ofrecido por Telegal dentro do seu catálogo gratuíto de actividades encadradas, á súa vez, nun curso de capacitación de formadores e formadoras para o emprego.

O programa lectivo de hoxe estivo centrado na limpeza exterior do vehículo que, aínda que non o pareza, ten moita ciencia. O primeiro é lavar o coche á sombra se é un día soleado, para evitar que o xabón ou as pingas de auga sequen antes de tempo deixando marcas na chapa que despois serán difíciles de eliminar. Outro é utilizar unha luva específica para lavado -non se recomendan esponxas nin moito menos cepillos de mango ou vasoiras- e utilizar dous caldeiros, un coa auga con xabón e outro con auga limpa para mollar a luva antes de metela de novo na auga xabonosa.

O terceiro consello é mollar o coche ben antes de empezar e aplicar ben auga nas zonas dos pasos de roda e nos faldóns para quitar “o máis gordo”. Hai quen usa máquinas de presión e quen prefire a mangueira, menos agresiva coa pintura. Se optamos pola hidrolimpadora debemos ter coidado de non aproximar o chorro demasiado para evitar danos.

Despois diso, e antes que seque, o vehículo ten que cubrirse  con abundante espuma -para iso tamén hai accesorios- como paso previo ao fregado, que ha de facerse comezando polo teito e continuando logo cara a parte baixa (fiestras, portas, capó e maleteiro, baixos). Hai que procurar dar pasadas liñais, nunca circulares, e sen exercer demasiada forza por se houbese algunha area.

Por suposto, nada de Fairy, Mistol ou KH-7…, senón que debe usarse un champú concentrado especial para vehículos. Non son baratos, pero fará falla moi pouca cantidade en cada lavado e o acabado será moito mellor. Por iso, á larga, compensa gastar os cartos.

Outro produto no que compensa investir é no empregado para limpar as llantas. Nese caso hai que buscar un líquido que nos asegure que non vai dar problemas de sulfatado no aluminio nin tampouco danos na pintura. Eses líquidos aplícanse directamente, déixanse actuar uns intres e logo enxáuganse, aínda que no medio case sempre fai falla fregar cun cepillo para eliminar os restos de pó das pastillas do freo.

DSC02739-web1440x1920U70

O último paso do lavado é o secado. Importante, fundamental, imprescindible se non queremos que a foula volva pegarse á carrozaría. Para esta parte da operación tamén hai material específico, como por exemplo baetas de pel de camelo -chámanse así, aínda que poden ser de coiro de vacún ou de ovino-, toallas de microfibra ou espátulas similares ás empregadas para limpar grandes superficies acristaladas (similares, non iguais).

Se se quere rematar a faena como é debido tamén se debe aplicar un produto protector e hidratante para as partes exteriores de plástico, limpar con coidado as gomas das fiestras e, xa para nota, encerar ou dar á man un produto pulidor pouco agresivo que, en todo caso, tamén debe estar deseñado para non deixar marcas nas partes plásticas.

Se falamos do interior do coche, aí tamén hai un mundo de produtos que aplicar e trucos para que o vehículo quede como saído do concesionario. Por poder ata podemos limpar o motor usando un pincel, un deterxente neutro -tamén especial para iso- e auga en abundancia, sen medo se se trata de coches diésel, aínda que non convén pasarse nas zonas con conectores eléctricos e preto do filtro do aire.

DSC02743-web1280x1920U70

En canto a salpicadeiros, cadro de mandos e indicadores e partes acolchadas, o mellor é un pano de microfibra suave para eliminar pó superficial e despois aplicar o produto axeitado para cada material, aínda que un pano humedecido con auga e ben escurrido sempre nos asegurará limpeza sen risco de danar as superficies.

Nos interiores é fundamental un aspirado en profundidade antes de pasar a baeta ou botar espumas para as tapicerías ou as alfombras. Un detalle tamén importante que nos evitará traballar ao revés: sacar antes de nada as alfombrillas procurando que non caia a terra que poidan ter e sacudilas ben lonxe do coche, sobre todo se é un día de vento. Son de axuda pinceis pequenos para quitar a suciedade das grellas dos condutos de ventilación e, se non os temos, faránnos avío uns bastonciños de algodón cunha pouca auga -nada de alcol, glassex ou cristasol-, moi útiles tamén para os puntos de unión dos paneis.

Por último, os cristais. Mellor usar tamén un limpador que evite que se empanen e unha baeta que non desprenda fibras. E, segundo nos comentaron esta mañá no curso, cómpre buscar un líquido específico para coches, non se aconsellan os mesmos que se usan para a casa.

Seguindo estes pasos habemos deixar o noso coche limpo e brillante, e incluso nos dará a sensación de que anda mellor (só a sensación). E se queremos ir un paso máis aló e adentrarnos no apaixoante mundo do “detailing” -que significa detallado ou aquelado de vehículos- podemos rematar a faena cunha plastilina lubricada específica para este choio que elimina contaminacións e incrustacións na chapa e aplicar posteriormente un recubrimento cerámico que, literalmente, impide que a merda se adhira á chapa. Porén, para estas dúas últimas operacións fan falla certos coñecementos e mans ben adestradas para que o resultado final non sexa un completo desastre.

 

Share.