Endesa convoca catro cursos sobre desmantelamento de instalacións industriais, dentro do Convenio da Transición Xusta das Pontes

0

Os Convenios da Transición Xusta son unha ferramenta de dinamización económica e do emprego posta en marcha polo Goberno do Estado coa finalidade de compensar en certo modo as repercusións do peche das centrais térmicas de carbón, en cumprimento dos compromisos de “descarbonizar” a produción enerxética por razóns ambientais. Dentro dos convenios artéllanse liñas de axuda para apoiar o emprendemento e a posta en marcha de alternativas de emprego, para melloras de todo tipo no territorio -sempre desde a óptica da sostenibilidade- e tamén para formar en distintos ámbitos ás persoas de empresas auxiliares ou de sectores afectados directamente polo apagado. Neste sentido, no caso do Convenio da Transición Xusta das Pontes -no que entran 14 municipios da comarca e da zona limítrofe de Lugo-, Endesa ten abertas as inscricións para un curso gratuito de 200 horas sobre desmantelamento de instalacións industriais que oferta catro convocatorias entre maio deste ano e marzo de 2025 para un total de 200 participantes. Para solicitar calquera delas -a primeira comeza o 6 de maio- é necesario atoparse en situación de demanda ou mellora de emprego e, preferentemente, ter inscrición na Bolsa da Transición Xusta.

Endesa asinou un convenio de colaboración coa Consellería de Emprego da Xunta de Galicia e o Concello das Pontes para a implementación dun programa formativo relacionado co peche da térmica das Pontes co que se pretende mellorar a empregabilidade dos traballadores e traballadoras dos municipios de As Pontes, A Capela, As Somozas, Cabanas, Cerdido, Ferrol, Mañón, Moeche, Monfero, Muras, Narón, Ortigueira, San Sadurniño, Vilalba e Xermade, por ser os que máis notaron o cesamento da actividade da central.

O programa consta de catro edicións dun curso de desmantelamento de instalacións industriais de 200 horas -para 50 persoas por edición- e outras catro edicións do curso de operación e mantemento de centrais renovables, cunha duración de 90 horas para 25 persoas por quenda, programados para este ano e o que vén.

O que xa ten calendario fixado é o de desmantelamento de instalacións industriais,especialmente orientado aos oficios do sector da construción: montaxe de estruturas tubulares, demolicións e rehabilitación, movemento de terras e instalacións eléctricas, que serán certificados pola Fundación Laboral da Construción. As datas previstas son as seguintes:

1ª Convocatoria: do 6 de maio ao 28 de xuño de 2024
2ª Convocatoria: do 1 de xullo ao 8 de outubro de 2024 (pártese en dous, con agosto non lectivo)
3ª Convocatoria: do 14 de outubro ao 10 de decembro de 2024
4ª Convocatoria: do 13 de xaneiro ao 13 de marzo de 2025

A formación teórica impartirase na Casa Dopeso, en As Pontes, cunha duración de 12 días en dous turnos: un de mañá de 9 a 14:00h e outro de tarde de 15:00 a 20:00h. A teórico-práctica, de 23 días en total, terá lugar en instalacións municipais do Concello das Pontes cun horario intensivo de 9:00 a 18:00h con descanso para xantar.

Os módulos abordarán, entre outros temas, a prevención de riscos, a formación en primeiros auxilios, os procedementos de demolición e rehabilitación, a montaxe de andamios, o manexo de retroescavadoras, a retirada segura de amianto, o control de riscos para previr explosións e accidentes eléctricos, os traballos en altura e espazos confinados, a operación de guindastres e plataformas elevadoras, o uso de equipos de protección, etc.

Un programa moi completo que irá acompañado da correspondente certificación por parte da Fundación Laboral da Construción e que abre as portas -aínda que non haxa compromiso algún de contratación- para traballar no futuro desmantelamento da térmica pontesa.

No acceso á formación terán preferencia as persoas inscritas na Bolsa da Transición Xusta -unha especie de bolsa de emprego na que están apuntadas persoas de compañías auxiliares ou excedentes da central-, aínda que, de haber prazas, nos cursos tamén poderán participar demandantes de traballo ou de mellora de emprego.

Para anotarse é necesario cubrir esta solicitude e enviala asinada a es.vigo.Tecnos@sgs.com ou a inscripcionescursosdesmantelamiento@quironprevencion.com. Tamén se pode acudir ao Instituto Pontés de Promoción Económica -IPPEC- situado nas oficinas do Concello. Hai máis información neste folleto, nos anteriores correos electrónicos e nos teléfonos  986 49 43 60 (SGS), 639 032 861 (Quirón Prevención) e
inscripcionescursosdesmantelamiento@quironprevencion.com e 981 453 116 (IPPEC).

Augas de Galicia expón ao público o proxecto de mellora paisaxística da Cortiña e dos xardíns do Pazo
Os Convenios da Transición Xusta das antigas zonas mineiras, como é o caso das Pontes, contemplan, ademais de accións de promoción do emprego, investimentos en sostenibilidade e de posta en valor do territorio impulsados polos municipios de cada zona.

Neste sentido, San Sadurniño, como parte da comarca mineira das Pontes, presentou en 2022 un proxecto para a mellora paisaxística do paseo fluvial do Xubia, do espazo natural da Cortiña e dos xardíns municipais. O orzamento previsto ascende a algo máis de 493.000 euros, que se cubrirán na súa totalidade cunha achega do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto demográfico canalizada a través do Instituto para a Transición Xusta.

Posto que parte das actuacións van desenvolverse en zona de dominio hidráulico, hoxe mesmo saiu publicado no DOG o anuncio de Augas de Galicia coa apertura do trámite de información pública do proxecto, que poderá consultarse durante un prazo de 20 días hábiles.

Share.