En que consiste o “Plan da hostalaría segura”?

0

A publicación do DOG 38bis de onte deixou dous decretos relativos aos cambios nos niveis de restricións na maioría dos municipios galegos, pero tamén un terceiro documento en vigor desde hoxe mesmo e que lle afecta directamente ao sector da hostalaría e aos concellos. É o denominado “Plan de hostalaría segura da Comunidade Autónoma de Galicia” e pode resumirse en dúas frases: os bares e restaurantes deberán vixiar máis aínda o cumprimento da normativa preventiva e os concellos terán que controlar que efectivamente se cumpre, ben sexa apoiándose nas súas policías locais ou, como ocorre en San Sadurniño, noutras forzas de seguridade.  Neste sentido, a área de Desenvolvemento local -981 490 027- facilitaralles a aqueles locais que o precisen información e asesoramento para adaptárense ás novas normas, que serán de cumprimento obrigado a partir do venres que vén, 5 de marzo. Ademais, na web coronavirus.sergas.gal xa se publicou información sobre as novas obrigas informativas dos establecementos, así como a aplicación desde a que se poderá xerar a cartelaría cos códigos QR obrigatorios.

Bares e restaurantes deberán declarar e manter accesible ao público a información sobre a súa capacidade máxima no interior e nas terrazas e responsabilizarse de controlar que se respecten os aforos. Para iso, a persoa responsable do establecemento deberá dispor de documentación acreditativa das superficies utilizadas e dos cálculos da capacidade. E… iso como se fai? O DOG especifica a maneira:

Cálculo da superficie e do aforo no interior
Para o cálculo da superficie interior haberá que medir o espazo dispoñible sen contar a barra, a zona interior da barra nin os aseos. Os metros cadrados obtidos na medición haberá que dividilos entre 1,5, co fin de garantir unha superficie mínima de seguridade. O resultado desa división daranos o número máximo de persoas que pode haber no interior, ao que logo lle haberá que aplicar a porcentaxe de aforo que estea en vigor en cada momento por causa da situación sanitaria.

Enténdese mellor cun exemplo. Supoñamos que temos un bar (é un exemplo, insistimos). Medimos o longo e o ancho do seu interior sen contar barra nin aseos e dános 30 m². Pois ben, eses 30 metros cadrados temos que dividilos por 1,5. O resultado é 20. É dicir, o local ten un aforo máximo de 20 persoas. Hai que ter en conta, iso si, que se nos dá 20 e na licenza municipal temos unha capacidade de 10, o que vale é o que poña a licenza.

Pero a conta non para aí, senón que a ese aforo máximo haberá que aplicarlle a porcentaxe que corresponda segundo o nivel de restricións. Outro exemplo: se estivese permitida a apertura da hostalaría a un 30% da súa capacidade interior (como ocorre en Vigo ou Lugo, por exemplo), habería que obter o 30% de 20 -xa sabedes, multiplícase polo “tanto” e divídese polo “cento”-, o que nos daría como resultado un aforo limitado a 6 persoas para esa superficie e con ese nivel de restricións.

Estas contas hai que botalas cada vez que as autoridades sanitarias muden os niveis de restrición. Se por exemplo esta semana estivesemos coa hostalaría limitada ao 30% no interior, no noso bar hipotético só poderiamos atender a 6 persoas. E se dentro dunha semana a restrición cambia ao 50%, entón poderiamos servir a 10 persoas.

Cálculo da capacidade das terrazas
No caso do aforo permitido en cada momento para o exterior, o cálculo faise de maneira moi similar: hai que coller a superficie autorizada polo Concello e aplicarlle directamente a porcentaxe que estea permitida en cada momento na normativa preventiva. Se non hai un documento ao respecto, haberá que medir a superficie que se estea utilizando, facer a porcentaxe e ver cantas mesas caben, coa separación debida, dentro deses metros cadrados. A capacidade exterior obtida a través deste cálculo non poderá ser superior á establecida no correspondente título habilitante de carácter municipal (se o hai). Nese caso, prevalecerá a capacidade consignada no título.

Enténdese que nesa superficie -e tamén no interior- deberá estar disposto o número de mesas habituais coas súas cadeiras, pero para non ter que movelas nin recollelas abondará con sinalizalas cunha cinta ou un adhesivo que deixe ben claro cales non se poden utilizar. En calquera caso hai que asegurar que se cumpre a distancia de seguridade esixida (1,5 m neste momento).

Obrigas de información e código QR de rastrexo
No acceso ao establecemento -preferiblemente na porta de entrada- deberá colocarse un cartel que informe da capacidade máxima no interior e no exterior, as porcentaxes que sexan de aplicación en cada momento tanto dentro como fóra e o número de persoas que poden permanecer ao mesmo tempo tanto no interior como na terraza.

Para facer estes carteis deberán utilizarse os modelos que se xeran automaticamente a través da web TURESPAZO, de Turismo de Galicia. En primeiro lugar os establecementos terán que rexistrarse con correo e contrasinal -non fai falla certificado electrónico- e declarar alí a súa capacidade máxima no apartado que lles toque: café bar, cafetaría ou restaurante. Na web poden introducirse manualmente as capacidades do interior ou da terraza e, se non se saben ou se teñen dúbidas, tamén hai unha opción para que o cálculo o faga o aplicativo.

Unha vez cubertos os formularios en liña con todos os datos que se solicitan poderase descargar a cartelaría  en formato A3 ou A4 podendo elixir distintos idiomas (galego, castelán e inglés).

Ademais, os carteis descargados da web xa traerán incorporados os códigos QR da app da Xunta Passcovidcoa finalidade de que a clientela do establecemento poida rexistrar a súa presenza nel capturando co teléfono móbil este distintivo (un cadradiño composto por varios puntos), o que axudará a detectar posibles concentracións de contaxios con maior rapidez. O establecemento terá a obriga de dispor do código QR, pero o seu uso por parte da clientela é voluntario.

Segundo reflicte o DOG, para aquelas persoas que non dispoñan da aplicación Passcovid, o local poderá dispor de QR personalizados para entregarlles aos usuarios e que permitan a súa rastrexabilidade en caso de detección de casos positivos.

Para facer máis doada a adaptación, a Xunta publicou unha guía rápida da web TURESPAZO e máis unha pequena presentación sobre como funciona o sistema de rastrexo Passcovid para a hostalaría. O rexistro dos locais hai que facelo desde aquí.

Maior control
A orde publicada pola Xunta encoméndalles aos concellos unha maior vixiancia do cumprimento da normativa, xa sexa por medio das policías locais ou doutras forzas de seguridade, como ocorre en San Sadurniño, ou solicitando apoio da Xunta para levar a cabo as inspeccións. Esa vixilancia  agora está  regulada en canto á frecuencia e ás comprobacións que se deberán facer, algo que varía dependendo da poboación total do municipio e dos efectivos cos que conte para facer ese labor.  Os concellos deberán levar conta do número de actuacións de control e inspeccións que se desenvolvan e, de ser o caso, o número de denuncias formuladas polos incumprimentos, co obxectivo de trasladarlle periodicamente esa información á “Autoridade sanitaria autonómica”.

En concellos sen Policía local (San Sadurniño entre eles) ou con tres ou menos efectivos en activo efectuarase preferentemente unha visita semanal por local de hostalaría. En territorios con Policía local de ata 20.000 habitantes, con máis de tres efectivos en activo faranse dúas visitas por semana a cada establecemento, reforzando a vixilancia nas fins de semana.

Nesas visitas aleatorias verificarán que se ten exposta correctamente toda a información -capacidade máxima do local, porcentaxes aplicables e número de persoas permitidas dentro e fóra-, ademais de controlar o cumprimento das medidas de aforo, de separación interpersoal, de uso da máscara por parte de clientela e persoal e, en xeral, todas as que sexan de aplicación consonte a normativa preventiva. Tamén se asegurarán do cumprimento dos horarios de peche establecidos en cada momento.

Se nesas inspeccións se detectan incumprimentos das medidas de prevención, o DOG é moi claro e contundente indicando que os corpos de seguridade, despois de requirírllelo sen éxito ás persoas responsables do local,  poderán ordenar no momento “a suspensión inmediata do espectáculo ou actividade e o desaloxo e precintaxe dos establecementos abertos ao público”, así como calquera outra medida “que se considere necesaria para garantir a seguridade das persoas e bens”.

No decreto defínense como situacións de risco grave, entre outras, o incumprimento xeralizado (non o puntual) das distancias de seguridade e do uso da máscara, a presenza no local de persoas con sintomatoloxía compatible coa da COVID-19 ou obrigadas a gardar corentena, o incumprimento das medidas de limpeza e desinfección, superar os aforos permitidos e a existencia de aglomeracións no interior ou no exterior dos locais ou que se formen nas mesas grupos maiores dos autorizados en cada momento.

Unha semana para adaptarse
Todas estas medidas do “Plan de hostalaría segura de Galicia” están en vigor desde hoxe, pero daráselle unha semana aos establecementos para que se vaian adaptando a elas. A orde da Consellaría de Sanidade xa indica que as medidas relativas á cartelaría informativa e os códigos QR serán de aplicación a partir do próximo venres, 5 de marzo, e que ata daquela os posibles controis que se fagan serán de carácter informativo.

Share.