Declaración institucional do Día das diversidades sexuais

0

O Concello de San Sadurniño loce desde esta mañá e con fachenda a bandeira multicor que simboliza a o orgullo e a loita polos seus dereitos das persoas lesbianas, gais, transexuais, bisexuais, queer e intersexuais. O xesto vén significar o compromiso municipal -apoiado por todos os grupos políticos- cunha causa que combate prexuízos sociais reivindicando a liberdade individual de cadaquén para vivir a afectividade e a sexualidade como a sinta. Unha reivindicación que, en pleno século XXI, aínda se debe facer todos os días. A homosexualidade, por exemplo, segue sendo considerada por moitos e moitas unha “desviación” e hai países onde o amor entre persoas do mesmo xénero se castiga a paus, con cárcere ou mesmo coa morte. Baixo o paraugas da intolerancia gorécense a represión, o tabú e a pasividade social e política. Nun día coma hoxe o que se fai é berrar por algo que non ten nada que ver coa sexualidade, senón con algo que nos debera ser común a todos e todas e que todas e todos deberiamos ter garantido: liberdade e respecto.

Con motivo do Día das diversidades sexuais -ou día do Orgullo Gai, ou día do Orgullo, a secas- o Concello de San Sadurniño súmase á campaña da Deputación da Coruña #construindodiversidade. A iniciativa ten o compromiso firme de sensibilizar sobre a necesidade de xerar sociedade, apoiando a diversidade e a liberación sexual que non entende de orientación sexual ou identidade de xénero, así como dignificar a comunidade #LGTBQI.

En Galicia, os principios de liberdade e igualdade do individuo aparecen recollidos no Estatuto de autonomía, no seu artigo 4.2 reflíctese a obriga que corresponde aos poderes públicos de “promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude e facilitar a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social”.

A lexislación internacional sobre dereitos humanos e múltiples tratados internacionais consagran a igualdade como un principio xurídico fundamental e universal. Desde a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, que establece que “toda persoa ten os dereitos e as liberdades proclamados nesta declaración, sen ningunha distinción de raza, cor, sexo, idioma, relixión, opinión política ou de calquera outra índole, orixe nacional ou social, posición económica, nacemento ou calquera outra condición”, numerosos textos sobre dereitos humanos e múltiples tratados  consagran a igualdade das persoas como un principio xurídico fundamental e universal.

Malia todo, unha cousa son as declaracións internacionais e outra moi distinta a sociedade real e incluso a configuración sociopolítica de territorios onde a lexislación aínda está moi marcada pola relixión. A homosexualidade segue a ser considerada como un delito que se castiga coa pena de morte en paises como Irán, Mauritania, Arabia Saudita, Sudán, Yemen, Nigeria e Somalia. E, ademais, nos denominados “países occidentais”, asistimos todos os días a brotes de intolerancia -acosos, malleiras, repudios manifestos ou velados, etc.- contra persoas que só fan iso, vivir en liberdade  maneiras de sentir e amar que non son as da maioría.

Declaración municipal
Na liña de reivindicar e facer ver o que aínda falta por avanzar, os tres grupos con representación municipal de San Sadurniño déronlle o visto e prace a unha declaración institucional que rexeita a homofobia e a transfobia, ademais de avogar polo recoñecemento da diversidade sexual “como un dereito básico”. A declaración publícase no mesmo día en que o Concello izou na fachada da casa consistorial a bandeira multicor que simboliza tanto o orgullo como a reivindicación.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL CONTRA A HOMOFOBIA E TRANSFOBIA

“O 17 de maio de 1990, a Asemblea Xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS) suprimiu a homosexualidade da listaxe de doenzas mentais, feito con que se pretendía acabar con case un século de homofobia médica e discriminación contra as persoas homosexuais.

Nesta data histórica que representa un símbolo moi importante na loita polo recoñecemento da dignidade das lesbianas, gays, bisexuais e transexuais (LGBT), conmemórase o Día Internacional contra a Homofobia, a Lesbofobia, Transfobia e a Bifobia, unha iniciativa que conta co apoio da Asociación Internacional de Lesbianas e Gays (ILGA) e de numerosos colectivos, entidades e institucións presentes na Galiza e ao redor do mundo.

No entanto, a realidade internacional para o colectivo LGTB non mudou substancialmente e, en máis da metade dos países do mundo, a discriminación contra a comunidade LGTB rompe todos os acordos internacionais e vulnera sistematicamente os Dereitos Humanos, incluído o máis elemental dereito á
vida.

En Galicia é incuestionable que se foron conquistando liberdades grazas á loita incansable do propio colectivo LGBT, polo que parece que lesbianas, gays, bisexuais e transexuais gozan hoxe de maior liberdade que nunca.

Porén, a pesar dos importantes avances lexislativos, a Lei 2/2014, de 14 de abril, pola igualdade de trato e a non discriminación de lesbianas, gais, transexuais, bisexuais e intersexuais en Galicia segue a ser inoperativa e a tan demandada e urxente Lei integral trans galega segue sen materializarse. As agresións homófobas e transfóbicas son unha realidade cotiá, e que as mostras de afecto entre dúas persoas do mesmo sexo ou a mera presenza de persoas transexuais non se toleran en moitos espazos públicos.

Ademais, as condicións en que as persoas mozas gais, lesbianas ou transexuais se ven obrigados a vivir na súa adolescencia adoitan estar marcadas polo silencio e o medo e o rexeitamento do seu entorno, moitas veces da propia familia, o que repercute negativamente no seu posterior desenvolvemento e
estabilidade emocional, con taxas de suicidio moi superiores á media.

Por estes motivos, a Corporación Municipal de San Sadurniño, quere recoñecer publicamente que os dereitos das persoas LGTB son dereitos humanos e que a diversidade sexual se debe contemplar como un dereito básico en calquera ámbito da vida.

A lgbtfobia é unha forma de discriminación que non deben ter cabida nas nosas aldeas, vilas e cidades, nin en ningún ámbito da nosa sociedade, xa que atentan contra a convivencia, o respecto á diferenza, a dignidade e a diversidade, pilares básicos que deben sustentar calquera sociedade democrática e plural.”

Share.