Declaración institucional con motivo do 25N, Día Internacional da eliminación da violencia contra da muller

0

Texto íntegro da declaración, aprobado no pleno ordinario de onte con 8 votos favorables do BNG e do PSOE e con 2 votos contrarios e unha abstención no grupo do PP.

O 25 de novembro foi declarado Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas no ano 1999, instando a gobernos, organizacións non gobernamentais e á sociedade civil no seu conxunto a planificar e desenvolver accións de sensibilización ao respecto da situación de violencia vivida por moitas mulleres. Desde un nivel conceptual as violencias machistas son todas aquelas formas de violencia que se dan no contexto dunha sociedade patriarcal, que outorga privilexios aos homes polo feito de ser homes, restando en consecuencia dereitos ás mulleres, e dando así lugar a unha diversidade de violencias e desigualdades: estruturais, económicas, psicolóxicas, sexuais, institucionais, etc. Neste marco, a noción de violencia de xénero fai referencia a toda aquela forma de violencia que sofren as mulleres polo feito de selo. Baixando á definición dada pola Lei 11 /2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, a violencia de xénero sería “( … ) calquera acto violento ou agresión, baseados nunha situación de desigualdade no marco dun sistema de relacións de dominación dos homes sobre as mulleres que teña ou poida ter como consecuencia un dano físico, sexual ou psicolóxico, incluídas as ameazas de tales actos e a coacción ou privación arbitraria da liberdade, tanto se ocorren no ámbito público coma na vida familiar ou privada”.

Atendendo aos datos de feminicidios cometidos nos últimos anos ternos aínda moito traballo por facer. É imprescindible continuar o traballo de forma coordinada, rachando co silencio e apostando pola sensibilización da sociedade e a prevención, desenvolvendo accións dirixidas a sensibilizar ao conxunto da sociedade sobre os danos provocados pola desigualdade e as condutas violentas, axudando á toma de conciencia sobre a magnitude da violencia contra as mulleres e as consecuencias que ten nas súas vidas e nas das súas tillas e tillos. Se ben é certo que ternos dado pasos adiante como sociedade na visibilización das violencias machistas, fica moito por facer. É clave aumentar os recursos dispoñíbeis e tamén que todas e todos nos centremos en que se identifiquen todo tipo de violencias machistas.

Desde o mes de marzo deste 2020 unha parte moi importante da poboación mundial estivo e está en situación de confinamento e o feito de que as vítimas en moitos casos convivan cos seus agresores puxo a proba un sistema que precisa de reformas importantes que atendan a situacións como a que estamos a vivir. Aínda que os datos oficiais indican un descenso no número de denuncias e tamén das ordes de protección, non podemos caer no erro de pensar que a situación mellorou. A dramática realidade é que os agresores teñen controlada completamente á vítima. Os entornos privados, a familia, os domicilios, son os espazos onde, desde sempre, a violencia está máis presente e nestes tempos de confinamentos as mulleres conviven moito máis tempo cos seus agresores, moitas veces en situacións de precariedade económica que agravan aínda máis os problemas.

Este feito debe ser tido en conta como prioritario nas políticas que se fagan desde as administracións competentes e despregar todo un aparato destinado a dar resposta as estas novas situacións que están empeorando moito a vida das mulleres que conviven cos seus agresores. Os datos do primeiro semestre do ano indican que houbo un incremento do 30% nas beneficiarias de axudas económicas, que o número de consultas no teléfono de atención a vítimas se incrementou un 35% e tamén que as consultas aos CIM aumentaron nun 16%. A maioría destas consultas teñen a ver con atención psicolóxica, acceso a recursos asistenciais e ordes de protección.

Tamén se están a constatar as dificultades coas que se atopan as mulleres que precisan recorrerás casas de acollida onde se lles piden innumerábeis requisitos médicos e sanitarios vinculados á situación de pandemia que estamos a vivir, pero que nin as vítimas nin os CIM que as derivan teñen medios para resolvelo. As mulleres vense expostas ao abandono institucional por non poder cumprir coas condicións para ingresar nunha casa de acollida, poñendo en risco aínda máis as súas vidas e as dos seus tillos e tillas. Urxe facer unha valoración global da situación na que se atopan as mulleres vítimas de violencia e dar unha resposta integral a todas estes atrancos que xorden da COVID-19.

A corporación do Concello de San Sadurniño, quere expresar o seu rexeitamento de maneira expresa e clara calquera acto de violencia contra as mulleres no marco do fomento dunha cultura da igualdade e do respecto á diversidade. Desde esta institución comprometémonos a traballar en incorporar a perspectiva de xénero de forma integral en todas as decisións que se adopten. Colaboraremos activamente na creación e dotación de medios dunha rede de entidades sensíbeis e comprometidas coa igualdade e a erradicación da violencia de xénero, fomentando a creación de sinerxías entre elas, co propio Concello, e coa sociedade no seu conxunto.

Así mesmo, reclamamos da Xunta de Galiza o incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia machista no proxecto de orzamentos de 2021 de forma que se sitúen, como mínimo, “no 1% do total” e así dotar de suficientes recursos para que se rectifique a liña de incumprimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, así tamén, demandamos do Goberno do estado que modifique a lei avanzando nunha definición da violencia machista que supere o enfoque patriarcal e reducionista que a limita ao ámbito familiar e da parella.

Esta corporación tamén solicita unhas medidas concretas e verdadeiramente eficaces para previr a violencia contra as mulleres no ámbito laboral, especialmente presente nos sectores máis feminizados, ou no seu caso, castigalas con contundencia. Contornas laborais violentas amplifican a violencia que as mulleres sufrimos en todos os eidos da vida, e nestes casos, as administracións públicas dispoñen de competencias e instrumentos legais que poden e deben utilizar. E unha vez máis, reclamamos a mellara dos puntos de encontro onde se trata con equidistancia a vítima e ao agresor coa desculpa de non interferir nas relacións coas crianzas.

E por ultimo, esta corporación , reclama que a Xunta, con toda a urxencia posible, deseñe os mecanismos que considere oportunos para manter a seguridade sanitaria nas casas de acollida pero sen poñer trabas no ingreso das mulleres que así o precisen, mediante convenios con SERGAS e creación de equipos sanitarios específicos.

“A dor, o pracer e a morte non son máis que o proceso da existencia. A loita revolucionaria en este proceso é unha porta aberta a intelixencia”.
Frida Kahlo

Share.