Continúan as estreas virtuais do Chanfaina Lab

0

No repaso semanal que facemos das curtametraxes que se van subindo os venres á canle en youtube do Chanfaina Lab fáltannos por comentar as dúas últimas pezas publicadas. Unha é “Sen orde nin ficción”, da novísima Natalia Fernández, e a outra -a do venres pasado- é o videoclip “Non teño dono”, das prolíficas The Sungirls. Creacións ambas ben distintas que veñen ratificar o Chanfaina como un espazo de liberdade total á hora de producir historias visuais coa condición, iso si, de que San Sadurniño sexa o seu protagonista ou pano de fondo no que se desenvolvan.

Natalia Fernández forma parte desa cohorte de alumnas e alumnos do IES Concepción Arenal de Ferrol alentados polo profesor Manolo González a potenciar a súa faceta artística no ámbito da imaxe. González -quen usa o audiovisual como ferramenta fundamental do seu proxecto docente- proporciónalles os coñecementos básicos sobre a maxia transfiguradora do cine e despois son eles e elas quen empezan a experimentar, nun momento dacabalo entre a adolescencia e a primeira etapa adulta en que as ideas ferven na cabeza coma nunha pota a presión. O audiovisual, a poesía, a música e outras artes, case sempre combinadas, son a válvula de escape de toda esa ansia por contar. E Natalia é un bo exemplo.

Naceu en Neda no ano 2000 e, tal e como resume Manolo González en Fálame de San Sadurniño, esta novísima creadora practica numerosas actividades artísticas como a fotografía, o teatro, o debuxo e por suposto o cinema. Actualmente estuda 1º curso na Facultade de Ciencias da Comunicación de Compostela.

Natalia non viña cunha idea clara sobre o que ía gravar no Chanfaina Lab. Todo o máis, percorrer o concello e rexistrar algo así como un diario filmado -ao xeito de Jonas Mekas – de todo o que fose aparecendo diante dos seus ollos: “Ao principio non sabía que ía facer. Sabía que quería gravar algo sobre as persoas, sobre os sons e sobre os diferentes espazos de todo o concello. Quería rexistrar a pegada do paso do tempo. Cando, xa en San Sadurniño, souben que ao día seguinte pola mañá ía pasar o tren, foi coma se tivese todo clarísimo. Percorrín a pé moitos lugares do concello gravando todo o que para min tiña algún significado. Limiteime a pousar a cámara e, mentres, apuntaba nun caderno que sentido tiña para min cada plano, disfrutaba de todos os lugares novos que pisaba.”

“Sen orde nin ficción” colecciona instantes, momentos e sensacións pautados polos pasos nerviosos e áxiles da cineasta de Neda. Instantes tan fugaces como as miradas dos pasaxeiros dese tren que agardamos e ao fin chega. Imaxes non manipuladas, de “liña clara” que buscan disociar as paisaxes físicas das humanas para transmitir o concepto de que unha non ten sentido sen a outra. Momentos visuais ou sonoros captados como accións da vida, seguindo o ronsel do cine-ollo de Vertov – a quen Natalia admira-, na procura da propia mirada: ” Para min esta curta é unha deconstrución da vida que é plasmada en momentos atravesados pola miña mirada. Tratei de dar importancia á presenza das persoas e ao baleiro que estas son capaces de deixar. Por unha parte atópase un mundo sinxelo pero en silencio, sen persoas, no que cada acción e cada son é unha marca do profundo baleiro que a xente que algunha vez estivo aí deixou tras de si. Por outra parte está o mundo humano, o mundo no que, aínda con espazos sen xente, o simple son das persoas chega a cada recuncho enchéndoo de vida. Desta forma creei a peza. Quería mostrar a importancia que teñen as persoas que nos rodean nos nosos momentos, a importancia que dan ás nosas vidas; e todo a través dunha visión pasaxeira que ven e vai por cada lugar polo que pasa e que, cada sitio que pisa, a medida que pasa o tempo, transfórmase nun momento máis a recordar”.

Exitazo nas redes de “Non teño dono”

A outra estrea do Chanfaina Lab que nos quedaba por comentar é a do venres pasado, obra de Olga Vigo, Mónica Cibreiro e Graciela Galdo, The Sungirls. O seu título é “Non teño dono” e en tan só catro días anda preto xa das 3.000 reproducións en youtube, a estrea máis exitosa de todas cantas houbo no proxecto desde os seus inicios.

Xa participaran no Chanfaina de 2017 con “360º en cores” e en 2018 apostaron por realizar unha peza máis complexa que requiriu da colaboración de preto de cen mulleres do concello, unha celebración do empoderamento feminino que se gravou en numerosas localizacións de San Sadurniño:”As Sungirls levábamos tempo barallando a idea de cantar algunha canción nun vídeo. A canción de Alaska pareceunos axeitada porque nos gustaba moito a idea que transmite a canción “A quen lle importa”, e, ademais nós somos tres mulleres que non temos ningunha vergoña en amosarnos como somos, a canción parecíanos ideal para iso. O motivo de “Non teño dono” reforzaba esa idea de rebeldía das mulleres, que non somos de ninguén máis que de nós mesmas e non nos gusta ter ningún dono na nosa vida. Por iso quixemos facer partícipes a todas aquelas mulleres de San Sadurniño que se viran identificadas con esta idea e , a verdade, é que foron moitas as que se achegaron para gravar e que quixeron participar, dende mozas novas ata mulleres non tan novas e así xurdiu “Non teño dono”. A principal dificultade da gravación foi reunirnos, temos os tempos moi ocupados as tres, e custounos ir atopando ocos, ademais de coordinar os nosos horarios coas mulleres que aparecían no vídeo”.

“Non teño dono” é un videoclip optimista e luminoso, filmado en distintos lugares do territorio que engloba na súa mensaxe o empoderamento, a liberdade, o respecto e a igualdade. Na súa realización déixase entrever a influencia visual das redes e da linguaxe audiovisual contemporánea: “O principal obxectivo que poderá atopar o espectador visualmente é que quixemos empoderar a todas as mulleres que aquí saen, facer que foran o centro da narración e representar a todos os colectivos, asociacións e mulleres de diferentes parroquias. Pensamos que transmite entusiasmo e ganas de vivir a nosa vida en liberdade”.

A través dunha montaxe áxil e dinámica podemos ver a moitas das mulleres que participan activamente na dinamización do tecido sociocultural, o Concello ou actividades da biblioteca municipal, o colectivo de ximnasia rítmica e danza Brío, así como as asociacións culturais das sete parroquias, nomeadamente participantes do programa de ximnasia rehabilitadora e memoria activa.

Malia que a estrea da curta debería producirse dentro dunhas semanas, desde a organización do Chanfaina Lab consideraron “máis que pertinente” adiantar a súa publicación para facela coincidir co Día Internacional da Muller. A peza tamén se proxectará en pantalla grande o último sábado de mes con motivo do acto central de celebración do 8M.

Share.