O Concello e o Centro de Día clausuran este mércores as actividades de ximnasia rehabilitadora e memoria activa

0

O Centro de Día de San Sadurniño desenvolveu no último mes polas parroquias do municipio varias sesións de ximnasia rehabilitadora dirixidas ás persoas maiores. A proposta consistiu en encontros dunha hora nos que se puxeron en práctica sinxelos exercicios que axudan a mellorar a postura corporal e a previr lesións. Para este mércores programouse un evento de despedida que terá lugar na Casa da Cultura entre as 16 e as 19.30 horas. Estará dividido en tres partes: na primeira repasarase o aprendido co persoal do Centro de Día, logo traballaranse algúns dos exercicios cognitivos practicados durante os obradoiros de memoria do ano pasado e, para rematar, o dúo A Tropa de trapo ofrecerá -coa colaboración do Fondo Galego de Cooperación- unha sesión de música e narracións que falan de “pequenas loitas” coas que conseguir “mellorar o mundo”.

Ademais de ser o peche das actividades de ximnasia rehabilitadora, a cita tamén cumprirá a función de clausurar os obradoiros de memoria activa 2015-2016 cun evento que quedara pendente desde antes do verán e que o Concello decidiu facer cadrar co remate das sesións impartidas polo Centro de Día.

Na primeira parte da tarde, e 16.00 a 17.00 horas, profesionais do Centro de Día practicarán co grupo de persoas participantes aqueles movementos recomendables para prolongar o máis posible un bo estado físico, incidindo naqueles beneficiosos para a artrose que, ademais, calquera pode facer na casa.

Entre as 17.00 e as 18.00 horas a axente de Igualdade e o técnico de Deportes, xunto coas dúas técnicas do Centro de Día, desenvolverán 4 tipos de actividades nas que se traballarán destrezas motrices e cognitivas, convertendo o salón de actos da Casa da Cultura nun espazo de xogo dividido en catro estacións con catro dinámicas distintas.

Ao seu remate farase unha parada de media hora para descansar e, xa na recta final do evento, subirán ao escenario o dúo A Tropa de trapo, que ofrecerá o espectáculo “Contos coas mans abertas”. Trátase de historias -case todas reais- recollidas en primeira persoa e adaptadas posteriormente a un formato de contacontos máis música. Nelas nárranse experiencias “de pequenas loitas posibles e de grandes soños” protagonizadas, entre outras, “por mulleres maiores dunha aldea galega” coas que se pretende reflexionar sobre como  “mellorar o mundo e entendelo mellor para traballar por el”.

Obradoiro sobre prevención e seguridade na vida diaria o 17 de outubro
Desde o departamento de Igualdade lémbrase que ata o 3 de outubro estará aberto o prazo de inscrición no obradoiro sobre prevención e seguridade na vida diaria que terá lugar na Casa da Xuventude o próximo 17 de outubro en colaboración coa Escola Galega de Saúde para a Cidadanía dependente do SERGAS.

Neste obradoiro daranse as claves para coñecer os perigos existentes no noso contorno e outros que poñen en risco a nosa saúde. O obxectivo da sesión é minimizar os erros na toma de medicamentos e evitar accidentes dentro e fóra da casa, máis habituais a idades avanzadas. Os contidos que se tratarán son a prevención das enfermidades transmisibles (vacinación contra a gripe), a importancia da hixiene das mans, o uso adecuado dos medicamentos, como evitar erros de medicación, a prevención de accidentes e como actuar en caso de que se produzan.

A sesión impartiraa Paula Sabela Rodríguez, médica especialista en Medicina Preventiva. A iniciativa forma parte da programación da Escola Galega de Saúde para a Cidadanía da Consellería de Sanidade. As inscricións cómpre facelas nos Servizos Sociais do Concello, chamando ao teléfono 981490027 ext. 1, ou na páxina web www.escolasaude.sergas.es accedendo a través do apartado de cursos presenciais

Share.