Ata o 26 de outubro poden solicitarse as bolsas escolares e tamén as axudas á conciliación na EIM A Rolada

0

Ata o día 26 de outubro poderán presentarse as solicitudes da convocatoria extraordinaria de bolsas escolares e de axudas para gastos de conciliación na escola infantil municipal. A partida ascende a 20.500 euros, que se distribuirán do seguinte modo: 9.500 para estudos posobrigatorios, 8.000 para estudos obrigatorios, 500 resérvanse para 2º ciclo de Educación Infantil e 2.500 euros para sufragar gastos dos servizos de conciliación da vida laboral e familiar prestados na Escola Infantil Municipal “A Rolada”. Deste modo o Concello pretende esgotar a partida de 40.000 euros recollida para bolsas no orzamento municipal deste ano, ademais de mudar o calendario das axudas para que coincidan co inicio do curso. As bases tamén introducen como novidade importante que as partidas sobrantes en calquera das liñas poderán redistribuirse entre as que teñan maior demanda, co obxectivo de garantir que os fondos se repartan na súa totalidade e de que poidan beneficiar a máis familias. As bases da convocatoria publicáronse hoxe no BOP dándo un prazo de 15 días naturais contado a partir de mañá para facer o trámite.

As contías máximas que se poderán percibir varían dependendo do tipo de axuda que se solicite, que será compatible coas demais e tamén coas concedidas por outras administracións. Así, nas convocadas para o 2º ciclo de Educación Infantil o tope son 100 euros por nena ou neno e no apartado de estudos obrigatorios marcouse unha cantidade de ata 200 euros como máximo para aquelas solicitudes que cumpran os requisitos, entre eles o de ser beneficiario/a das axudas da Xunta para adquirir material escolar. No caso das bolsas para estudos postobrigatorios -bacharelatos, ciclos formativos e universitarios- o importe máximo por solicitude será de 800 euros. A axuda máxima para gastos de conciliación na EIM “A Rolada” estipulouse en 1.500 euros.

O resume por apartados é o seguinte:

Bolsas escolares para 2º de Educación Infantil 
Fai falla que o neno ou nena estea matriculada en 2º de Educación Infantil no CPI de San Sadurniño ou noutro colexio público -desaparece a obriga de que sexa nun concello limítrofe-, sempre e cando estean empadroados en San Sadurniño no momento de solicitar a axuda. A renda familiar non pode superar os 9.000 euros e a bolsa será de ata 100 euros por alumna/o que cumpra os requisitos, tendo en conta que se dará máis puntuación (máximo 5 puntos) cantas máis persoas formen parte da unidade familiar.

Bolsas escolares para estudos obrigatorios 
Dirixidas a alumnado que curse Primaria ou ESO nun centro público, tamén é necesario estar empadroado/a en San Sadurniño e, ademais, percibir as axudas da Orde do 6 de maio de 2021 da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, referidas á compra de material escolar. Isto último acreditarase mediante un certificado expedido pola dirección do centro. Neste caso a achega é de ata 200 euros e nas bases non se marcan requisitos de renda, xa que son os mesmos que dán dereito á percepción da axuda autonómica.

Bolsas escolares para estudos postobrigatorios
Destas axudas poderán beneficiarse os alumnos e alumnas que cursen estudos postobrigatorios regrados -bacharelatos, ciclos formativos, estudos universitarios oficiais de grao e de terceiro ciclo- en centros públicos fóra de San Sadurniño pero dentro do territorio de Galicia. Para acceder á bolsa será necesario estar empadroado/a, ter matrícula no curso completo -agás estudos universitarios, onde o mínimo será o 50% dos créditos- e o umbral da renda anual da unidade familiar non deberá superar os 18.000 euros. A concesión valorará dúas cuestións: nivel de renda e cualificacións, é dicir, máis puntos cantos menos recursos económicos e tamén canto mellor sexa o expediente académico. A bolsa poderá chegar até os 800€ por solicitude.

Axudas para gastos por servizos de conciliación na EIM “A Rolada” 
Para poder percibir estas axudas –máximo 1.500 euros– serán requisitos imprescindibles, entre outros, que as nais, pais, titores legais ou familias acolledoras estean empadroadas en San Sadurniño, que a renda anual da unidade familiar no supere os 25.000 euros e que non sexan beneficiarias da gratuidade do servizo por segundo fillo/a. A cantidade concedida non poderá superar o 50% dos gastos anuais efectivamente realizados e xustificados -puntuarase segundo as tarifas soportadas-, que deberán corresponderse co curso 2021-22 da EIM “A Rolada”.

As bases e a convocatoria saíron publicadas no BOP deste 11 de outubro, dándo un prazo de solicitude de 15 días naturais contados a partir do día seguinte á data de publicación. Dito doutro xeito: o último día para presentar as solicitudes é o martes 26 de outubro. 

O trámite pode facerse presencialmente no Rexistro Municipal ou presentando a documentación requirida como unha solicitude xenérica a través da Sede Electrónica.

Documentación descargable:
Bases da convocatoria (pdf)
ANEXO I (.docx) e (.pdf)
ANEXO II (.docx) e (.pdf)
ANEXO III (.docx) e (.pdf)

Share.