A comarca segue subindo en positivos

0

No primeiro día de entrada en vigor dos peches perimetrais en practicamente todos os concellos da volta, o SERGAS notifica que o número de positivos na comarca segue medrando e incrementando a sobrecarga hospitalaria no CHUF Arquitecto Marcide. Segundo a información publicada na web coronavirus.sergas.gal -actualizada onte ás 18.00h.- este mércores rexistráranse 1.284 casos de infección activa -92 máis que os notificados o día anterior- e 118 persoas hospitalizadas, 14 delas ingresadas en UCI. As cifras marcan un novo récord na pandemia, que nesta terceira onda semella imparable. De feito, o dato que se publicará hoxe á tarde case con toda probabilidade apuntará a números aínda maiores. San Sadurniño figura con 24 casos activos, dous máis que os anotados onte no mapa, pero cómpre ter en conta que se trata dun reconto efectuado con respecto ao martes. A cifra máis recente -comunicada ao Concello esta mañá pola Xerencia da Área Sanitaria- incrementa a estatística de casos acumulados a 14 días en dous máis, de maneira que San Sadurniño se sitúa nun total de 26. É un número, un sumatorio frío e alarmante que, non o esquezamos, se refire a persoas con nomes e apelidos. Pero non hai outra maneira de informar sobre a gravedade da situación e volver pedir por activa e por pasiva que todas e todos extrememos as precaucións, empezando pola aplicación de medidas de autoprotección.

Repetimos e insistimos no chamamento das autoridades sanitarias e o sentido común: temos que limitar os desprazamentos ao mínimo imprescindible, non reunirnos máis de 4 persoas que non vivamos xuntas -tampouco nas casas- e seguir aplicando todas esas medidas de protección comunitaria tantas veces repetidas e non caer nesa “fatiga pandémica”  que nos pode levar a baixar a garda por cansanzo despois de case un ano nesta situación. Agora máis que nunca cada un de nós debemos ter moito rigor levando á práctica o seguinte:

  • Reducir ao mínimo a interacción social fóra da casa e limitar os desprazamentos só aos imprescindibles: traballo, comprar o necesario, ir ao médico ou á farmacia, etc. Os grupos -repetimos- non poden ser de máis de 4 persoas non conviventes, tanto en espazos públicos como en espazos privados.
  • Distanciamento de 1,5 metros con respecto a outras persoas.
  • Máscara obrigatoria a partir dos 6 anos, que ha de ir correctamente colocada e non ter válvula exhalatoria. A máscara deberase manipular o menos posible e, de ter que facelo, sempre coas mans perfectamente limpas.
  • Hixiene frecuente de mans: lavalas a conciencia con abundante auga e xabón e utilizar sempre que se poida solucións desinfectantes para uso cutáneo ou xeles hidroalcólicos. Débese evitar tocar os ollos, o nariz ou a boca.
  • Hixiene respiratoria: non quitar a máscara para esbirrar ou tusir. Se estamos na casa sen ela, tapar o nariz e a boca cun pano desbotable ou facelo contra o interior do cóbado. Neste sentido é fundamental que cando esteamos na terraza dun bar -dentro non nos poden atender- só quitemos a máscara no momento da consumición (así o indica a normativa vixente). É dicir, para tomar un grolo ou sorber un pouco café retiramos a máscara e inmediatamente despois de facelo axustarémola de novo colléndoa polas gomas. Aínda que o vemos moitas veces, non se pode quitar a máscara ao sentar na mesa, estar con ela baixada mentres se parola e se consume e, despois, cando nos erguemos, poñela de novo. Non, a máscara quítase para beber e ponse para seguir de parrafeo, por moi incómodo que sexa e por moitas veces que teñamos que facelo.
  • Prohibido fumar/vapear en lugares públicos a menos de 2 metros doutras persoas. Tamén está prohibido tomar alcol na vía pública.
  • Se notamos algún síntoma coincidente cos da COVID-19, debemos quedar na casa -igual que no caso de ter un contacto estreito cun positivo por coronavirus- e informar ás autoridades sanitarias chamando ao 900 400 116, nunca acudir directamente ao centro de saúde. Os síntomas da enfermidade son os seguintes:  febre, calafríos, tose, sensación de falta de aire, diminución do olfacto e do gusto, dor de gorxa, dores musculares, dor de cabeza, debilidade xeral, diarrea ou vómitos.

Ademais de todo isto, non está de máis volver repasar todo o que ten publicado a web coronavirus.sergas.gal sobre as restricións de nivel máximo que son de aplicación en San Sadurniño e noutros municipios da comarca desde a pasada noite.

LIMITACIÓN DA LIBERDADE DE CIRCULACIÓN DAS PERSOAS EN HORARIO NOCTURNO

Real Decreto 956/2020, de 3 de noviembre, por el que se prorroga el estado de alarma declarado por el Real Decreto 926/2020, de 25 de octubre, por el que se declara el estado de alarma para contener la propagación de infecciones causadas por el SARS-CoV-2.

  • Durante o periodo comprendido entre as 22:00 e as 6:00 horas, as persoas unicamente poderán circular polas vías ou espazos de uso público para a realización de, entre outras, as seguintes actividades:
    1. Adquisición de medicamentos, produtos sanitarios e outros bens de primeira necesidade.
    2. Asistencia a centros, servizos e establecementos sanitarios.
    3. Asistencia a centros de atención veterinaria por motivos de urxencia.
    4. Cumprimento de obrigas laborais, profesionais, empresariais, institucionais ou legais.
    5. Retorno ao lugar de residencia habitual tras realizar algunhas das actividades previstas neste apartado.
    6. Asistencia e coidado a maiores, menores, dependentes, persoas con discapacidade ou persoas especialmente vulnerables.
    7. Por causa de forza maior ou situación de necesidade.
    8. Calquera outra actividade de análoga natureza, debidamente acreditada.
    9. Reposición en gasolineiras ou estacións de servizo, cando resulte necesario para a realización das actividades previstas nos parágrafos anteriores.

RESTRICIÓNS ÁS AGRUPACIÓNS DE PERSOAS

  • Limítanse os grupos para o desenvolvemento de calquera actividade ou evento de carácter familiar ou social na vía pública, espazos de uso público ou espazos privados, a un máximo de catro persoas, excepto no caso de persoas conviventes en que non se aplicará esta limitación.

LIMITACIÓN DA ENTRADA E SAIDA DE PERSOAS

  • Entre o día 23 de decembro de 2020 ás 00.00 horas e o día 1 de febreiro de 2021 ás 00.00 horas, establécese unha limitación de entrada e saída na Comunidade Autónoma de Galicia, salvo para aqueles desprazamentos adecuadamente xustificados.
  • En San Sadurniño existe peche perimetral e individual de todo o concello, polo que non se poderá entrar ou saír del salvo nas excepcións contempladas no punto 3 do apartado Dous do Decreto 5/2021 do martes 19 de xaneiro, que se refiren a razóns laborais, educativas, acudir coidar persoas maiores, rapazada ou dependentes, ir ao médico ou realizar xestións administrativas inaprazables, etc. Incorpórase como novidade a posibilidade de saír do territorio para o coidado de cultivos ou animais se se encontran noutro municipio.

VIDA SOCIAL E COMUNITARIA

  • Celebracións con motivo de cerimonias relixiosas ou civis: cun máximo de 50 persoas en espazos pechados e 100 ao aire libre.
  • Lugares de culto: 1/3 da súa capacidade máxima permitida.
  • Velorios: 10 persoas en espazos pechados e 25 en espazos abertos sexan ou non conviventes.
  • Enterramento ou despedida para a cremación: 25 persoas entre familiares e achegados sexan ou non conviventes.
  • Bibliotecas, arquivos, museos: 50% da súa capacidade máxima permitida. As actividades culturais de grupo: Máximo 4 persoas sexan ou non conviventes excluido o monitor ou guía.
  • Cines, teatros e auditorios: Sentados: calculando 1,5 metros nas 4 direccións entre os asistentes cun límite máximo de 250 persoas nos espazos pechados e 500 persoas nos espazos ao aire libre.

ACTIVIDADES DE TEMPO LIBRE DIRIXIDAS Á POBOACIÓN INFANTIL E XUVENIL

  • Ao aire libre: o limite de participantes ao 50% da súa asistencia máxima habitual, cun máximo de 50 participantes, excluidos os monitores.
  • Cando estas actividades se realicen en espazos pechados, non se deberá superar o 50% da capacidade máxima do recinto, cun máximo de 25 participantes, excluidos os monitores.
  • As actividades deberán realizarse en grupos de ata 4 persoas participantes, sexan ou non conviventes excluidos os monitores. Os grupos deberán traballar sen contacto entre eles.

ESTABLECEMENTOS DE HOSTALARÍA E RESTAURACIÓN

  • Non está permitido o consumo no interior.
  • Nas terrazas ao aire libre, limitación ao 50 % das mesas.
  • A ocupación máxima será de 4 persoas por mesa ou agrupación de mesas, respectando a distancia mínima de seguridade interpersoal entre elas.
  • Horario do peche ao público: 18:00 horas (Orde do DOG núm. 260-Bis do 29 de decembro do 2020)

ESTABLECEMENTOS DE ALOXAMENTO TURISTICO E ALBERGUES

  • Zonas comúns dos hoteis e aloxamentos turísticos: 50% da súa capacidade.
  • Actividades de animación ou clases grupais: Máximo 4 persoas sexan ou non conviventes excluidos os monitores .

COMERCIO, CENTROS COMERCIAIS E MERCADOS AO AIRE LIBRE

  • Locais e establecementos, independentemente da súa superficie: Límite do aforo 50% de capacidade.
  • Centros e parques comerciais: No caso de establecementos ou locais distribuídos en varios andares: Límite do aforo 30% de capacidade en cada un deles.
  • Non se permitirá a permanencia de clientes nas zonas comúns, excepto para o tránsito entre os establecementos.
  • A capacidade das zonas comúns dos centros e parques comerciais queda limitada ao 30%.
  • Zonas infantís, ludotecas ou áreas de descanso deben permanecer pechadas.
  • Mercados ao aire libre: 50% dos postos habituais ou autorizados.
  • Os establecementos comerciais deberán pechar ao público ás 21:30 horas.

ACTIVIDADES DEPORTIVAS NON FEDERADAS

  • Instalacións deportivas ao aire libre: individual e colectiva, sen contacto físico, e como máximo de 4 persoas de forma simultánea , sen contar o monitor.
  • Instalacións deportivas cubertas: grupos de ata 4 persoas sexan ou non conviventes sen contar o monitor, e sen superar o 50% da capacidade máxima permitida.

COMPETICIÓNS DEPORTIVAS E ADESTRAMENTOS

  • Quedan suspendidas as competicións deportivas a nivel autonómico.
  • Os adestramentos deben respectar os peches perimetrais existentes.

ACADEMIAS, AUTOESCOLAS E CENTROS PRIVADOS DE ENSINO NON REGRADO E CENTROS DE FORMACIÓN E ACTIVIDADE FORMATIVA XESTIONADA OU FINANCIADA POLA ADMON. AUTONÓMICA

  • A actividade que se realice nestes centros poderá impartirse dun modo presencial sempre que non se supere unha capacidade do 50% respecto do máximo permitido.

FESTAS, VERBENAS, OUTROS EVENTOS POPULARES E ATRACCIÓNS DE FEIRAS

  • Peche das actividades.

ACTIVIDADES NON ESENCIAIS QUE PECHAN TEMPORALMENTE

I. Espectáculos públicos:

I.3. Espectáculos taurinos.

I.4. Espectáculos circenses.

I.6. Espectáculos feirais e de exhibición.

I.7. Espectáculos pirotécnicos.

II. Actividades recreativas:

II.1. Actividades culturais e sociais.

II.3. Actividades de ocio e entretemento.

II.4. Atraccións recreativas.

II.7. Actividades de restauración.

II.8. Actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas.

III. Establecementos para o público:

III.1. Establecementos de espectáculos públicos:

III.1.4. Circos.

III.1.5. Prazas de touros.

III.1.7. Recintos feirais.

III.2. Establecementos de actividades recreativas:

III.2.1. Establecementos de xogo.

III.2.1.1. Casinos.

III.2.1.2. Salas de bingo.

III.2.1.3. Salóns de xogo.

III.2.1.4. Tendas de apostas.

III.2.2. Establecementos para actividades deportivas:

III.2.2.4. Pistas de patinaxe.

III.2.2.7. Piscinas recreativas de uso colectivo.

III.2.3. Establecementos para atraccións e xogos recreativos:

III.2.3.1. Parques de atraccións e temáticos.

III.2.3.2. Parques acuáticos.

III.2.3.3. Salóns recreativos.

III.2.3.4. Parques multiocio.

III.2.4. Establecementos para actividades culturais e sociais:

III.2.4.5. Salas de concertos.

III.2.6. Establecementos para actividades zoolóxicas, botánicas e xeolóxicas.

III.2.7. Establecementos de ocio e entretemento.

III.2.7.1. Salas de festas.

III.2.7.2. Discotecas.

III.2.7.3. Pubs.

III.2.7.4. Cafés-espectáculo.

III.2.7.5. Furanchos.

III.2.8. Centros de lecer infantil.

Share.