O Chanfaina máis chanfaina de todos os chanfainas móstrase en pantalla grande

0

Disque este sábado vai vir un día de auga, vento e frío. Un día de inverno, vaia. E con este escenario climático a opción máis atraente é pasar a tarde na casa vendo ao quente algunha película. Pero… aínda hai outra mellor que xunta igualmente calor e cine: vir á Casa da Cultura e gozar en boa compañía das curtas do Chanfaina Lab. 23 pezas, máis de dúas horas de historias feitas aquí, por xente de aquí e de acolá e con puntos de vista e formatos distintos. A estrea dos filmes gravados o pasado mes de setembro comezará ás 17.00h. seguindo o formato habitual de presentación dos autores e autoras, unha breve sinopse de cada traballo e a entrega das “lolas” de plana de millo, a particular estatuíña do encontro audiovisual. Logo apagaranse as luces e comezará a proxección do que é sen lugar a dúbidas o programa máis variado de todas as edicións, tanto por temas como por estilos.

A encargada de recibir o material, Carmen Suárez, comentaba esta mesma mañá que tivera serias dificultades para tentar facer unha secuencia máis ou menos lóxica na orde das proxeccións debido, precisamente, a tanta diversidade de formatos, de linguaxes e de duracións. “É o Chanfaina máis chanfaina de todos”, asegura a responsable da Aula CeMIT e coordinadora, xunto con Manolo González, do encontro audiovisual.

Desde hai dúas semanas e ata hoxe mesmo estiveron chegando filmes que, despois dun primeiro visionado en plan fastforward, deixan ben claro por que o Chanfaina copia o nome dese embutido tradicional no que se mete de todo -e todo rico- sen que exista orde algunha. Igual que o prato típico desta zona, a chanfaina visual son moitos ingredientes, un combinado de sabores que o padal diferenza e discrimina e aprecia segundo os seus gustos.

De novo teremos documental, ficción, humor, música, historia, conciencia de país, conciencia e concienciación feminina, cine analóxico, cine dslr, vídeo, fotografía e todo o que cabe agardar da liberdade creativa que se lle dá a quen participa no evento.

Na Casa da Cultura estrearanse 23 curtametraxes con duracións que van desde os escasos segundos ata pasar amplamente dos 10 minutos marcados como máximo recomendable pola organización. Ben é certo que a maioría delas andan nunha media de 5 minutos. Iso e a estruturación do pase deseñada por Suárez e González, que prevé un pequeno descanso pola metade da sesión, fará do visionado algo moi ameno. Tamén o será pola grande cantidade de xente que se moveu durante a gravación diante e detrás das cámaras. O 60% das cintas están producidas por xente de San Sadurniño “a participación local máis elevada de todas as edicións”, apunta Carmen Suárez, e nun dos casos -a peza Non teño dono producida por The Sungirls- chegaron a implicarse case un cento de persoas, todas elas mulleres de San Sadurniño e arredores.

En calquera caso, non imos destripar nada -facer spoilers, que se di agora- e o mellor será encher este sábado a Casa da Cultura a partir das 17.00h. E quen non poida vir tampouco debe preocuparse, poderá ver as pezas semana a semana a partir do venres da semana que vén.

Share.