A Asociación Galega de Apicultura insiste en que se trampee neste tempo contra a velutina

0

As raíñas fundadoras de novas colonias de avespa asiática xa levan unhas semanas en activo preparando os niños dos que sairá a súa primeira remesa de obreiras. Estamos, polo tanto, no momento en que son máis vulnerables e no que máis efectiva pode ser a loita contra delas, xa que cada raíña que se capture e elimine agora será un problema menos do que preocuparse no verán e no outono. Neste sentido, a Asociación Galega de Apicultura recomenda intensificar os trampeos selectivos nos arredores de onde se atopasen colonias o ano pasado e tamén nas hortas, especialmente aquelas que conten con especies asiáticas en flor, como por exemplo a camelia.

Segundo asegura a AGA, un trampeo eficaz e eficiente “non se limita a colocar unhas poucas trampas, é necesario organizarse e implicar a toda a xente do rural”. A colocación de trebellos con atraente busca previr danos na froita e nas colmeas, pero tamén ataques accidentais pola proximidade da velutina ás vivendas. Por iso, desde a AGA aconséllase “instalar un par de trampas próximas ás casas entre os meses de marzo a xuño”, co que se incrementan as posibilidades de eliminar “todas as raíñas de paso e os niños primarios existentes nun radio mínimo de 150 metros”.

No folleto informativo publicado pola asociación apícola explícase que as trampas sempre deben situarse nos lugares solleiros, “porque o arrecendo do líquido ataente difúndese mellor canto máis quente estea”. Tamén se precisa que os dispositivos -caseiros ou comerciais- teñen que colocarse “no arredor dos niños de velutina do último ano que non fosen eliminados antes de setembro”. Esta estratexia, segundo a AGA, sobre a probabilidade de coller raíñas que invernasen preto e que nestes momentos andan á procura de mantenza. As trampas terán que pendurarse a uns 100 ou 150 metros dos lugares onde o ano pasado houbese colonias e cambiarse de sitio  cando deixen de capturar exemplares.

A AGA aconsella tamén trampear nun radio duns 100 metros arredor das alvarizas ou apiarios, pero non colocar as trampas no propio colmear. O colectivo apícola insiste en que se utilicen trampas o máis selectivas posible para evitar a caída de polinizadores fundamentais -abellas, couzas, bolboretas, abellóns, etc-, algo que se consigue practicando buratos de entrada de 8-9 milímetros e  outros de saída de entre 4 e 5 mm, polos que a velutina non pode fuxir.

Como atraente a Asociación aposta pola mestura de lévedo fresco do pan mesturado con azucre e auga. Para facer dúas ou tres trampas abondan 5 gramos de levadura, 200 de azucre e medio litro de auga. Dependendo da temperatura ambiental, a mestura pode ser efectiva entre 12 e 15 días (despois hai que baleirala e repoñela).

Share.