72 alegacións ao parque eólico “Caaveiro” na primeira xornada do servizo posto en marcha polo Concello

0

Este luns abriu no local social de Naraío o servizo de preparación de alegacións contratado polo Concello coa finalidade de que toda a veciñanza que o desexe teña a oportunidade de expresar a súa oposición ao proxecto tal e como foi concibido por ENEL Green Power. Desde primeira hora da tarde pasaron pola oficina temporal un bo número de persoas que, á noitiña, deixaran un total de 72 escritos asinados, nuns casos co seu formato xenérico e noutros introducindo precisións sobre posibles afectacións particulares, entre elas a proximidade dos muíños a vivendas, a ausencia de estudos sobre a emisión de ruídos ou ao respecto de como podería repercutir o parque en acuíferos. O servizo volverá atender a veciñanza hoxe pola tarde entre as 16 e as 21.00h por orde de chegada. Todas as alegacións rexistraranse esta mesma semana no Concello con destino á Área de Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia, co obxectivo de que entren dentro do prazo que expira o próximo 27 de xullo. Os modelos xenéricos poden descargarse en formato .pdf, .odt e .docx para cubrir e asinar directamente ou para que calquera poida modificalos antes de presentalos. Para axilizar o proceso, quen opte por esta vía poderá deixalos hoxe ao longo da tarde no local social de Naraío, ou ben acudir a calquera Administración pública para facer o trámite. 

Quen teña certificado electrónico tamén pode rexistrar as alegacións desde a casa en calquera momento dentro do prazo -a maneira máis rápida e cómoda de facelo- a través desta ligazón: https://rec.redsara.es/registro/.

Tan pronto como piquemos nela pediranos o certificado para acceder e, feito isto, preguntaranos se actuamos como persoas interesadas ou como representantes (doutras persoas ou dalgún colectivo ou empresa). No caso de particulares que actúan en nome propio haberá que elixir “interesado/a”. Logo abrirase un formulario onde xa aparecerán preconfigurados os datos de identidade e, despois, os do enderezo, que haberá que completar no caso dos campos que aparecen cun asterisco.

A continuación o formulario mostra o campo “Organismo destinatario”. Copiando e pegando nel o código E05024601 xa se mostrará automaticamente ao cabo duns segundos o campo “Subdelegación del Gobierno en A Coruña – Área Func. de Industria y Energía”, organismo ao que deben dirixirse todas as alegacións.

No apartado  “Asunto” do formulario haberá que indicar “Alegacións ao Parque Eólico Caaveiro”. No campo de “Expone” haberá que poñer  “Presentación de alegacións” e no de “Solicita”, escribir simplemente “Dáselles traslado”, posto que as alegacións en si xa irán no documento en .pdf que haberá que cargar no campo “Documentos anexos” (hai que poñer un nome descritivo, tipo “Escrito alegacións PE Caaveiro”).

O aplicativo permite distintos tipos de arquivo, pero o mellor é cubrir o escrito de alegacións en .docx ou .odt, logo exportalo a .pdf, asinalo con Autofirma ou outra ferramenta de sinatura electrónica e despois anexalo no formulario de rexistro. Hai que ter coidado cos documentos escaneados, posto que poden exceder o peso máximo de 10 MB e, polo tanto, a web non nos deixará rexistralos. Se actuamos como representantes de terceiras/os debemos incorporar tamén os documentos que acrediten esa representación, tendo en conta que tampouco poderán superar os 10 “megas” de peso nin os 15 MB para o conxunto de todos os documentos que adxuntemos.

Antes de acabar podemos deixar como opción  un correo electrónico para que nos quede constancia nel do rexistro. O trámite remata coa sinatura dixital da solicitude e co seu rexistro telemático.

En papel, na oficina habilitada polo Concello
Outra opción é descargar o modelo de alegacións, cubrilo, imprimilo, asinalo e levalo ao longo da tarde de hoxe á oficina habilitada polo Concello en Naraío, ou ben rexistralo presencialmente nos próximos días en calquera Administración pública.

Parte das persoas que acudiron onte ao local social da Veiga suscribiron directamente o modelo básico, mentres que outras -sobre todo residentes nas zonas máis próximas aos muíños- precisaron con axuda dos avogados as circunstancias que máis lles poderían afectar, como por exemplo o feito de que as súas vivendas se encontren a menos de 500 metros dos aeroxeradores, a posible incidencia nas traídas de auga ou a incerteza sobre os niveis sonoros que poderían ter que soportar no caso de que o parque chegue a construírse.

Aspectos que con maior ou menor extensión xa van incluídos no modelo xenérico de alegacións, que empeza enumerando un listado de normativas sectoriais europeas, estatais e autonómicas coas que se evidenciaría o escaso prazo de exposición pública dado pola Administración estatal “para poder garantir adecuadamente a posición xurídica dos interesados e afectados”. Por outra banda, o escrito tamén destaca que Caaveiro forma parte dun conxunto de 6 parques eólicos “fragmentados artificialmente” que deberían ser avaliados como un único “proxecto industrial de grandes dimensións”. Cualifícase esta estratexia -rexeitada en varias sentenzas xudiciais- como unha maneira de “minorar as garantías de protección ambiental, ao aniquilar a posibilidade de avaliar conxuntamente o proxecto”.

Por outra banda, o modelo básico de alegacións tamén apunta a que Caaveiro estaría fóra das áreas de desenvolvemento eólico de ámbito autonómico e que, polo tanto, sería “inviable desde o punto de vista administrativo  na súa configuración actual”, salvo que o Consello da Xunta de Galicia o autorice no futuro -neste momento a Xunta ten emitido un informe desfavorable por este mesmo motivo- amparándose “nunha función vertebradora do territorio”.

A relación de alegatos xenéricos complétase con mencións ao impacto paisaxístico e sobre os hábitats, ao feito de que as instalacións afectarían ao ZEC Xubia-Castro e incluso apuntan á falla dun estudo hidrolóxico que reflicta as posibles consecuencias sobre as augas superficiais e subterráneas das que se abastece grande parte da zona.

O xoves, pleno municipal con Caaveiro como un dos puntos centrais
O posicionamento do consistorio con respecto ao proxecto do parque eólico ocupará un dos puntos da orde do día do pleno que se celebrará este xoves a partir das 19.30h. O Concello adianta a sesión ordinaria que debería celebrarse a semana que vén -despois do remate do prazo de alegacións- para deixar constancia da oposición municipal ao proxecto tal e como está concibido e reclamando do Estado que o bote para atrás.

Neste sentido a proposta da alcaldía tamén incide en que se “respecten as competencias da Xunta de Galicia” en materia eólica e que o despregamento desta enerxía alternativa e limpa se planifique “de forma coordinada e ordenada”. Tamén se pide que o aproveitamento eólico sexa poida convivir con “proporcionalidade, racionalidade e equilibrio” coa protección do patrimonio cultural e natural “respectando o desenvolvemento e mantemento de actividades de aproveitamento agrícola e forestal”.

Share.