A Asociación Brío celebra este sábado o Día Internacional da Infancia cunha obra de sombras chinesas

0

Segundo a AEMET, as previsións meteorolóxicas para este sábado apuntan a unha xornada de ceos cubertos e chuvia, cunha probabilidade de precipitacións do 100% durante todo o día en San Sadurniño. Un panorama que convida a buscar alternativas de lecer a cuberto, como a que nos propón a Asociación Brío para a tarde do día 21. A entidade organizou para as 18:00h na Casa da Cultura a representación de “Tal como son”, un espectáculo de sombras chinesas para todos os públicos da Asociación Teatral Paso de Valverde que, ademais de entreternos, nos fará reflexionar sobre a diversidade, a inclusión e a aceptación das diferenzas. A obra encádrase nas actividades de Brío para celebrar o Día Internacional da Infancia.

A luz e a escuridade, as siluetas e a imaxinación son os principais ingredientes dunha proposta escénica que recupera unha das técnicas teatrais máis antigas. A través das sombras proxectadas sobre unha pantalla, a compañía vai dar vida a tres historias aparentemente independentes, protagonizadas por personaxes que teñen en común as dificultades para seren aceptadas ou para desenvolver a súa vida en igualdade de condicións.

Na primeira das historias coñeceremos unha monstra moi amable que, porén, non acaba de encaixar na comunidade onde vive. A segunda achéganos á realidade dun neno que non pode acceder a un edificio no que están os seus amigos, mentres que a terceira pon o foco nun rapaz canso de escoitar sempre os mesmos consellos sobre como “debe” comportarse.

Os tres contos servirán de punto de partida para abrir, ao remate da representación, un diálogo co público arredor das situacións vividas polas personaxes. O principal obxectivo de “Tal como son” é favorecer unha conciencia crítica entre a rapazada e as súas familias sobre a aceptación persoal e colectiva da diversidade dos corpos e dos xéneros, cuestionando os estereotipos, os prexuízos e as barreiras que condicionan a nosa convivencia.

A representación está organizada pola Asociación Brío co gallo do Día Internacional da Infancia, unha data que recorda a aprobación por parte da ONU da Convención dos Dereitos do Neno o 20 de novembro de 1989, ratificada un ano despois por unha vintena de países, entre eles España. A proposta escénica do sábado pola tarde na Casa da Cultura -18:00h- é con entrada libre e conta coa colaboración do Concello e da Rede Cultural da Deputación da Coruña.

Share.