Programación do #8M, Día Internacional da Muller

0
O deseño que ilustra o cartel deste ano é resultado dunha colaboración dos artistas gráficos Leandro Lamas e Juanlu Nacha

A ilustración do programa deste ano é resultado dunha colaboración dos artistas gráficos feministas Leandro Lamas e Juanlu Nacha

O Concello de San Sadurniño programou varias actividades co gallo do 8M, Día Internacional da Muller, que se prolongarán durante todo o mes de marzo. Propostas que este ano poñen o foco nas mulleres do mundo das artes como xeito de reivindicar a creación en feminino.

Exposicións, escénicas, obradoiros e outras propostas van engadirse aos xestos simbólicos que a área municipal de Igualdade vén facendo nos últimos anos, como é o pendurado de mandís no enreixado do Concello -recordatorio da importancia dos coidados, exercidos maioritariamente por mulleres-, o izado da bandeira feminista ou a iluminación nocturna da casa consistorial coa cor violeta.

Estas son todas as citas, que podes sincronizar co teu móbil desde o noso Google Calendar para non perder ningunha:

do 2 ao 28 de marzo – Exposición “Serea de Cores” – Carme Romero Díaz – Galería da Casa do Concello

carmeromeroA exposición, que se inaugurará o luns 2 de marzo ás 19:30h, parte dunha cantiga romance composta en 2013 por Carme Romero Díaz, na que unha serea relata unha historia sobre o mal querer e as súas consecuencias. A partir deste texto, a artista crea unha mostra integrada pola acuarela que lle dá título e outras oito pezas que acompañan as cuartetas do romance, ilustradas por Francisco Pérez Porto, ademais de nove pinturas cerámicas xurdidas desta unión artística.

A ceramista fenesa desenvolve unha obra cunha clara ollada feminista, na que sitúa ás mulleres no centro dos relatos e reivindica a sororidade como bandeira creativa. A través da súa traxectoria, vencellada á pintura, á música, á escrita e á cerámica, procura transmitir que o amor e a educación son base fundamental para construír persoas libres, seguras e empáticas.

A inauguración contará coa participación institucional da Concelleira de Igualdade, Ara Bellas, e rematará cun recital de zanfona e voz a cargo de Candela Quintía Romero, acompañada pola propia artista.

venres 6 de marzo, 11:30h – Izado da bandeira feminista e pendurado de mandís no enreixado da Casa do Concello

bandeiraXunto á bandeira, levarase a cabo o tradicional pendurado de mandís, representación do traballo de coidados que as mulleres facemos maioritariamente nos fogares e noutros ámbitos, sen obter o recoñecemento social nin económico que este labor lle reporta á sociedade. Visibilízanse tamén profesións precarizadas ou aínda moi feminizadas, como é o caso da atención á rapazada nas escolas infantís ou o Servizo de Axuda no Fogar, mediante elementos  como unha casaca e un faldón co lema “O traballo de coidados sostén o mundo”.

Participarán tamén a EIM A Rolada e o Centro de Día, que achegarán mandís e casacas confeccioadas polas crianzas e polas persoas maiores. Previamente, ás 10:30 h, as crianzas da Rolada asistirán a un “Contacontos pola Igualdade” a cargo de Picariños.

domingo 8 de marzo – Iluminación en lila e estrea de “Falando sen Cancelas” con Iria Folgado Dopico – Casa do Concello e redes sociais municipais

iriafolgadoO propio Día Internacional das Mulleres o edificio do Concello iluminarase en lila como xesto simbólico de apoio á igualdade e recoñecemento das loitas feministas.

Na mesma xornada, a iso das 20:00h, estrearase nas redes sociais municipais unha nova entrega de “Falando sen Cancelas”, espazo de conversa conducido pola Axente de Igualdade. Nesta ocasión contará coa participación da oboísta Iria Folgado Dopico, que compartirá a súa traxectoria no mundo da música e reflexionará sobre os obstáculos, referentes e retos pendentes para as mulleres nas artes.

do 10 ao 31 de marzo – Exposición de libros pola igualdade e Clube de lectura – Casa da Cultura

bibliotecaDurante o mes de marzo poderá botárselle unha ollada a unha selección bibliográfica relacionada coa igualdade que pode atoparse nos fondos da Biblioteca Municipal. A mostra pretende ofrecer recursos de reflexión e sensibilización arredor do papel das mulleres na historia, na cultura e na sociedade.

Ademais, o club de lectura de San Sadurniño lerá e debaterá sobre a obra “Hasta que empieza a brillar”, de Andrés Neuman, centrada na vida de María Moliner, bibliotecaria e autora do coñecido Diccionario de uso do español. A lectura permitirá analizar as dificultades que afrontou polo feito de ser muller e a falta de recoñecemento institucional ao seu traballo. No mes de abril, a Axente de Igualdade sumarase á posta en común do libro para profundar na reflexión colectiva arredor destas cuestións.

venres 13 de marzo, 18:30h – II Pixamada en Igualdade con Brío para ver a película  “Elemental” – Casa da Cultura

pixamadaTralo éxito da edición anterior, regresa a Pixamada en Igualdade, unha actividade pensada para o público infantil que combina lecer e educación en valores. As crianzas están convidadas a acudir co seu pixama e manta para compartir unha tarde de cinema nun ambiente acolledor.

Proxectarase a película de animación “Elemental”, que aborda temas como a diversidade, a amizade entre persoas diferentes e a importancia de desafiar as normas sociais para acadar os propios soños, a través da historia da súa protagonista, Candela.

Ao remate, a Axente de Igualdade dinamizará un pequeno faladoiro coas crianzas para reflexionar sobre os valores presentes no filme e sobre os referentes femininos no ámbito artístico.

sábado 21 de marzo, 19:00h – “Bailen as vellas. Os Contos das cereixas” – Atenea García e Vero Rilo – Casa da Cultura (maiores de 14 anos)

riloEspectáculo de narración oral que chega da man da compañía Xarope Tulú para reivindicar a tradición como memoria viva e presente. A través da palabra, da música e da retranca, constrúese un espazo no que as historias se encadean coma cereixas, convidando a rir, emocionar e resistir.

Atenea García e Vero Rilo traen á escena as voces das mulleres que non calaron, que cantaron e fixeron da arte unha forma de afirmación persoal e colectiva. Nun 8M dedicado ás mulleres do mundo das artes, a proposta pon no centro a transmisión oral e o legado das cantareiras.

O espectáculo é accesible en lingua de signos  e está financiado a través da Rede Cultural.

ADIADO!!!! PROXIMAMENTE INFORMARASE DA NOVA DATA. sábado 28 de marzo, 11:00 – 13:00h – Obradoiro de iniciación á cerámica con Carme Romero – Local Social de Lamas

figurasComo peche da programación, Carme Romero ofrecerá un obradoiro de iniciación á cerámica no que as persoas participantes poderán experimentar co barro e crear esferas con caras de mulleres como elemento central.

A actividade convida a inspirarse en mulleres referentes das propias vidas, en creadoras admiradas ou mesmo en si mesmas como suxeitos artísticos, reforzando así a autoestima e o recoñecemento das mulleres como protagonistas da cultura.

No obradoiro colabora a AVV Xuntanza de Lamas e busca poñer en valor a creación en feminino e ás mulleres no mundo das artes.

Todas as actividades da programación son gratuítas. Para obter máis información ou inscribirse no obradoiro e na pixamada infantil pódese contactar coa Técnica Municipal de Igualdade no correo oriana.lopez@sansadurnino.gal ou no teléfono/Whatsapp 673 903 922.

sansaigualdade

 

Share.