Información sobre as notificacións por incumprimento da normativa de prevención de incendios forestais

0

Nestes días están empezando a chegar á casas as notificacións polo incumprimento de xestionar a biomasa nos 50 metros arredor dos núcleos rurais. Quen reciba a notificación disporá dun prazo máximo de 15 días naturais para limpar a maleza e cortar aquelas especies prohibidas pola normativa de prevención de incendios forestais. De non facelo, iniciarase o procedemento para impoñer multas coercitivas ou proceder á execución subsidiaria dos traballos, cargándolle o custo dos mesmos á persoa responsable.

A limpeza das faixas forestais de protección arredor de núcleos, vivendas e equipamentos públicos é unha medida esencial para previr incendios forestais e protexer ás persoas e aos seus bens. Segundo a lei, estas faixas teñen que estar libres de vexetación inflamable e de especies que axudan a propagar o lume, entre elas os eucaliptos, os piñeiros e as acacias.

A correcta xestión da biomasa crea unha barreira que dificulta a propagación do lume e reduce a súa intensidade, ademais de facilitar o acceso dos servizos de emerxencia para unha intervención máis rápida e eficaz en caso de incendio. Manter estas zonas limpas non é só unha obriga legal, senón tamén un acto de responsabilidade colectiva que contribúe á seguridade de toda a veciñanza.

O Concello puxo en marcha unha oficina de asesoramento para a veciñanza que queira informarse sobre o que debe facer ou que desexe presentar algunha alegación. O servizo ofrecerase no despacho situado ao lado do salón de plenos do luns 27 de abril até o venres 8 de maio, ademais do martes 12, o xoves 14 e o venres 15 de maio, en horario de 10:00 a 13:00h e de 16:30 a 18:00h de luns a venres.

Esta atención está pensada para resolver situacións de todo tipo: persoas que recibiron a carta pero non son as propietarias actuais do terreo, persoas que xa limpasen e non saiban como acreditalo, casos en que non se dispoña de medios propios para executar as tarefas, ou quen simplemente queira entender mellor o alcance das súas obrigas.

Por que me chegou a carta?

IMAXE CARTA NOTIFICACION LUMESO envío de notificacións é o resultado do acordo de colaboración entre a Xunta de Galicia e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), polo cal a empresa pública SEAGA asume as tarefas de inspección dos terreos incluídos nas redes de faixas secundarias de xestión de biomasa. Cando a inspección detecta que unha parcela non cumpre coas obrigas establecidas na Lei 3/2007, do 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, tramítase unha notificación formal á persoa responsable, que pode ser a propietaria do terreo ou ben outra que llo teña arrendado.

En calquera caso, a lexislación establece que as persoas propietarias ou titulares do dereito de aproveitamento dos terreos están obrigadas a mantelos limpos de maleza e de determinadas especies arbóreas —como eucaliptos, piñeiros e acacias— nunha franxa de 50 metros arredor do solo urbano, dos núcleos rurais e solo urbanizable. O obxectivo é impedir que as árbores e as matogueiras actúen como combustible en caso de lume e, sobre todo, protexer as persoas e os bens.

Que di a carta e que pode pasar se non lle fago caso?

A notificación indícalle á persoa responsable que ten 15 días naturais desde a súa recepción para executar voluntariamente os traballos de xestión da biomasa e, de ser necesario, retirar as especies arbóreas prohibidas. Ademais, debe comunicarlle ao Concello o inicio e o remate desas tarefas, xa que se non se fai esa comunicación a Administración poderá considerar que os traballos non se fixeron.

Se transcorre o prazo sen que se actúe, a normativa prevé consecuencias progresivas:

  • Multas coercitivas reiteradas e acumulativas cada tres meses, cunha contía de 900 euros por hectárea de superficie non xestionada (cun mínimo de 100 euros), mentres persista o incumprimento.

  • Execución subsidiaria: a Administración realiza os traballos de forma directa e repercútelle o custo íntegro á persoa responsable, mediante unha liquidación provisional previa e unha liquidación definitiva moito maior ao remate dos traballos.

  • Apertura dun expediente sancionador, independente das dúas medidas anteriores, que pode supoñer sancións de ata 1.000 euros para infraccións leves, 100.000 euros para graves e 1.000.000 de euros para moi graves.

As persoas que recibisen unha notificación deben rozar e/ou cortar dentro do prazo obrigatorio e, ademais, comunicarlle ao Concello a efectiva realización dos traballos para que o expediente sancionador e, de ser o caso, de execución subsidiaria non vaia adiante.  Para efectuar esta comunicación  hai unha ficha que se debe presentar no Rexistro municipal ou pola Sede Electrónica acompañada das imaxes que testemuñen que a limpeza está feita. (Para descargar a folla, pulsar co botón dereito do rato “gardar enlace como”)

Nas consultas recollidas durante os últimos días na oficina de información detectáronse algunhas situacións que se repiten e que tamén se deben poñer en coñecemento do Concello, sempre acompañadas da documentación acreditativa necesaria. A casuística máis habitual é a seguinte:

  • Que a parcela non teña maleza nin especies prohibidas na data da inspección ou da notificación. Débese ter presente que a información recollida nas cartas refírese a inspeccións efectuadas por SEAGA hai uns meses e desde aquela as persoas titulares dos terreos ou dos aproveitamentos puideron ter efectuado as limpezas. Se o caso en cuestión é ese, débese presentar a folla de alegación acompañada das imaxes que acrediten a limpeza.
  • Que a persoa notificada non sexa titular do terreo. Se o foi con anterioridade deberá achegar a documentación acreditativa do cambio de titularidade.
  • Que a parcela á que se refire a notificación teña unha descrición gráfica distinta ou que estea mal representada en Catastro.
  • Tamén pode ocorrer que a persoa queira limpar e non poida por carecer de medios neste momento en que tractoristas e empresas forestais están a tope e non dan vez ata dentro de varias semanas. Nese caso débese solicitar unha prórroga expoñendo a intención de cumprir coa obriga o antes posible e de enviar a comunicación unha vez que o traballo estea feito.

Todas estas circunstancias que, insistimos, deben acreditarse, están recollidas no formulario que pode descargarse ao pé desta información. Cómpre recordar, por último, que este modelo tamén vale para comunicar formalmente a execución dos traballos dentro do prazo dado.

A veciñanza pode presentar os papeis directamente no Rexistro ou ben pasar antes pola oficina de atención habilitada polo Concello para que lle axuden a preparalos. Se o trámite se fai pola Sede Electrónica, pódese presentar o formulario como documento adxunto dunha solicitude xenérica.

Formulario de alegacións .docx
Formulario de alegacións .odt
Formulario de alegacións .pdf (non editable)

Importante: Se a descarga non se inicia automaticamente, seleccionar co botón dereito do rato “gardar enlace como”.

Recorda: as obrigas de limpeza van máis aló dos núcleos rurais e hai que cumprilas todos os anos

FOTO SEPARACION NUCLEOS

É importante subliñar que a normativa de prevención de incendios forestais non se limita ao perímetro dos núcleos de poboación. A obriga de xestionar a biomasa (a faixa debe estar libre de vexetación seca -silvas, toxos, felgos, etc.- e coa masa arbórea rareada) e de retirar as especies prohibidas tamén se aplica:

  • Nos 50 metros arredor de edificacións illadas, vivendas, urbanizacións, depósitos de lixo, gasolineiras, cámpings e instalacións industriais situados a menos de 400 metros do monte. Recórdase que esta protección é obrigatoria tamén para edificacións illadas en solo rústico, aínda que estean a máis de 400 metros do monte.

  • Nas beiras de pistas e camiños forestais, nos dous metros desde a arista exterior da vía.

  • No contorno de equipamentos de uso público e outras infraestruturas incluídas nas zonas de prevención obrigatoria, onde a xestión debe realizarse na totalidade da superficie e nunha franxa perimetral de 50 metros.

  • Nas redes de transporte e distribución de enerxía eléctrica, onde se debe manter limpa de biomasa e especies prohibidas unha marxe de 5 metros medidos desde o cable máis exterior da liña.

  • Nas infraestruturas ferroviarias e vías de comunicación (autoestradas, autovías, corredores e estradas), onde as persoas responsables deben manter limpa a zona de dominio público.

En todos os casos, esta xestión debe estar completada antes do 31 de maio de cada ano, co fin de que o territorio estea preparado antes da época de maior risco de incendios forestais. O incumprimento pode derivar na execución subsidiaria da limpeza e tamén na imposición das correspondentes sancións económicas. Podes comprobar se tes algunha parcela afectada por faixas de protección consultando os mapas da web https://mapas.xunta.gal/visores/faixas/

Segundo a normativa, as especies de árbores pirófitas -amigas do lume- que se deben ter controladas son o eucalipto, a acacia negra, a mimosa, o piñeiro galego, o piñeiro do país, o piñeiro silvestre, o piñeiro de Monterrei, o piñeiro de Oregón. A normativa considera maleza as silvas, o toxo arnal, os felgos comúns, as xestas, as uces, a carqueixa común, a queiroga e o piorno.

Protexer o territorio contra o lume e poñer o monte a producir, deberes para o futuro

IMAXE AEREA MONTE E NUCLEOS

A limpeza e mantemento das faixas de protección é unha das mellores ferramentas para previr que un incendio sexa unha traxedia. Estes espazos, situados arredor de vivendas, núcleos rurais, estradas e infraestruturas, actúan como barreiras que dificultan o avance do fogo. Mantelos libres de vexetación densa e residuos forestais é fundamental para reducir o risco e facilitar o labor dos servizos de emerxencia en caso de incendio.

Porén, a realidade é que en moitos lugares estas faixas non se atopan en condicións axeitadas. O abandono do territorio, a fragmentación da propiedade e a falta de concienciación contribúen a que a vexetación medre sen control, converténdose nun combustible continuo e perigoso. A implicación activa da veciñanza e das administracións resulta imprescindible para garantir que estas zonas se manteñan limpas e cumpran a súa función protectora e preventiva, sobre todo agora que estamos tendo veráns máis cálidos e tamén máis longos

Esta necesidade de coidado está estreitamente relacionada, á súa vez, coa realidade dos nosos montes e coa necesidade urxente de abrazar modelos de xestión forestal sostibles. Un monte desordenado e sen aproveitamento é máis propenso aos incendios, mentres que un monte coidado, con intervencións regulares, presenta unha menor carga de combustible e unha maior capacidade produtiva. Dito doutro xeito, a ordenación forestal é unha oportunidade para crear valor económico e ambiental.

Neste contexto, é clave avanzar cara a unha silvicultura activa e diversificada. Reducir a dependencia do eucalipto e introducir especies autóctonas, combinadas con distintos usos -gandeiros, aproveitamento de cogomelos, etc.-, contribúe a crear paisaxes máis resilientes e sostibles. Ademais, un monte ben xestionado pode xerar emprego, fixar poboación no rural e converterse nun aliado fronte ao cambio climático.

A xestión das faixas de protección e o coidado do monte forman parte dunha mesma estratexia de futuro. Previr incendios é unha cuestión de seguridade, pero tamén é en certo modo unha cuestión de responsabilidade co territorio e coas xeracións vindeiras. Un rural vivo e un monte produtivo son a mellor defensa fronte ao lume.

Share.