Facer as compras e consumir nos establecementos de San Sadurniño volverá ter premio durante as próximas festas. A área municipal de Desenvolvemento local ten previsto poñer en marcha unha nova edición da campaña “Polo Nadal, consumo local”, coa que se pretende incentivar o gasto nos negocios do territorio e reivindicar a calidade e a proximidade dos servizos que ofrecen tendas, bares, restaurantes e outras pequenas actividades económicas. A iniciativa desenvolverase entre o 12 de decembro e o 7 de xaneiro. Con cada transacción nos establecementos participantes entraremos no sorteo de dez lotes de produtos agroalimentarios de proximidade, cun valor unitario de 100 euros. Os negocios que queiran sumarse á campaña deberán solicitar os talonarios das rifas antes do 2 de decembro chamando ao 616 332 919 ou no correo agustin.perez@sansadurnino.gal.
“Polo Nadal, consumo local” trae este ano dúas novidades importantes. A primeira é precisamente que os lotes terán todos idénticos e todos do mesmo valor, 100 euros. A segunda grande novidade é a simplificación do sistema de participación. A diferenza de anos anteriores, cando se entregaban rifas de distintas cores segundo o importe do gasto e se sorteaban cestas de diferente valor, agora todas as papeletas serán iguais e entrarán no mesmo sorteo.
O funcionamento será moi sinxelo. En cada rifa deberemos escribir o noso nome e apelidos e un teléfono de contacto, procurando que os datos sexan perfectamente lexibles para facilitar a localización das persoas premiadas. Unha vez cuberta, só teremos que depositala na urna que atoparemos nos establecementos participantes. A rifa dos dez lotes terá lugar o luns 11 de xaneiro de 2027, ás 12:00 horas, no salón de plenos do Concello. Cada persoa agraciada só poderá recibir unha cesta, aínda que se dea o caso posible pero pouco probable de que teña máis de unha papeleta premiada.
O concelleiro de Desenvolvemento Local, Manolo Varela Mecías, destaca que, un ano máis, a campaña busca animar a veciñanza a apostar polos negocios de San Sadurniño á hora de facer as compras destas datas, pero tamén durante o resto do ano. A iniciativa incide na importancia económica e social do pequeno comercio e da hostalaría, que ademais de ofrecer produtos e servizos de proximidade “tamén contribúen a manter a actividade e a vida en concellos rurais coma o noso, especialmente afectado pola falla de relevo xeracional, como estamos vendo co peche de pequenas tendas e bares que cumpren unha importante función social”. Nese sentido, a campaña quere ser tamén un recoñecemento ao traballo diario das persoas que están á fronte destes establecementos.
A elección dos produtos que integrarán os premios responde tamén á vontade municipal de promover o sector agroalimentario da comarca, xa que boa parte das delicadezas incluídas no agasallo serán conservas da Fusquenlla e artigos da marca de calidade KB0, que distingue as producións do territorio do Xeoparque Cabo Ortegal. Deste xeito, a iniciativa vincula o apoio ao comercio coa promoción das pequenas empresas produtoras, “favorecendo que o valor económico das compras e do consumo permaneza na zona, construíndo territorio tamén con este pequeno xesto”, comenta Varela.
Os establecementos comerciais e hostaleiros de San Sadurniño que desexen participar nesta edición de “Polo Nadal, consumo local” deberán solicitar os talonarios de papeletas antes do 2 de decembro, chamando ao teléfono 616 332 919 ou mandando un correo a agustin.perez@sansadurnino.gal.